O Nigrán Jazz: 15 anos de éxitos

Nigrán Jazz Concello de Nigrán

Un ano máis, e xa van 15, chega ao fermoso escenario do esteiro da Foz o festival Nigrán jazz. O que comezou como un sono duns rapaces ilusionados e comprometidos, chegou a unha dimensión de tal calibre que cada ano consigue convocar aos mellores músicos e músicas de jazz de todo o planeta a carón da nosa casa. E como é tradición en A Nova Peneira achegámonos de novo ata Nigrán para conversar con Felipe, o seu director e alma mater, e coñecer as peculiaridades da XV edición alén de facermos un pouco de historia polas anteriores.

Felipe Villar , director do festival

Quero que a xente se achegue e coñeza a forma de pensar o jazz, unha forma apaixonante de facer música”

Un ano máis Felipe estamos a piques de iniciarmos unha nova edición do Nigrán Jazz, e con esta xa van?

Quince. A presente será a XV edición

Lémbraste da primeira?

Vagamente. Xa pasaron 15 anos e xa aconteceron moitas cousas diferentes nas distintas edicións

Xa, pero en calquera aspecto da vida a primeira vez sempre é especial. E estou seguro de que lembras máis esa que calquera das restantes. Imos tratar de concretar un pouco; por que e como comezou todo?

O actual alcalde era entón concelleiro e tiña partidas para distintas actuacións culturais pero a Juan non lle convencía o modelo cultural que se desenvolvía naquel momento. Entón decidiu facelo doutra maneira. Contactou comigo en con Quin Alborés para ver que se nos ocorría. E claro, a min non se me puido ocorrer outra cousa que montar un festival de Jazz

Tiñas idea ou experiencia na organización de eventos?

Non, ningunha en absoluto, pero tratándose de Jazz tiña toneladas de ilusión. Entre Quin e eu fomos facendo como puidemos e xa fun collendo contactos que me serviron para as posteriores

A 1º edición xa foi no Esteiro da Foz?

Si. O marco tan fermoso é unha das razóns que contribúen ao éxito o festival. Aínda que a primeira foi unha edición moi modesta

Daquela imaxinabas que 15 anos despois estarías sendo entrevistado pola XV edición?

De ningunha maneira. O certo é que o gran salto démolo cando comecei a traer músicos internacionais

Cando foi ?

Na IV edición. Entrei en contacto con músicos internacionais que admiro como por exemplo Peter Bernstein. Increiblemente saíu ben. E claro unha vez que traes a un músico de primeiro nivel, como ese, xa che preocupas de non baixar o nivel. E conseguimos ir traendo á elite do jazz mundial

Outros anos tesme contado Felipe, que cando traías a algún músico chegabas a aloxalo na túa propia casa?

A comunidade do Jazz non é moi grande ,e finalmente acabamos coñecéndonos todos e establecendo relacións cordiais que incluso chegan á amizade. Pode parecer estraño si, pero que ídolos meus, xente que admiro, como o músico que antes mencionei ou o israelí Gilad Hekselman estivesen durmindo na miña casa é alucinante. Este foi un caso moi curioso

Por que?

Non o coñecía de nada. Cheguei a el a través dun coñecido común, escribinlle e alucinei cando me dixo que viña sen coñecerme de nada. E finalmente acabamos sendo amigos

E agora Felipe, 15 anos despois, ti cres que o Nigrán Jazz está consolidado de maneira suficiente para ser inmune ás distintas conxunturas políticas que puidesen haber no Concello no futuro?

Agardo que si. Se me falas desde unha perspectiva artística digo que si sen ningunha dúbida. Se me falas desde un punto de vista político non entendería que alguén fose contra un festival que, dígoo con toda humildade, penso que é importante para Nigrán e que non ten ningún tipo de relación coa política. Só é arte.

Ben, antes de falar da edición deste ano, quero preguntarche pola do ano pasado pois foi a 1º edición pandémica. Como foi a XIV Felipe?

Con moita tensión e estrés para nós porque ninguén sabiamos como manexar a situación pero a verdade que foi moi bonita. Foi unha edición máis reducida, con menos xente cos concertos espallados ás praias pero creo que salvámolo con moita dignidade e tivemos un nivel de calidade moi bo.

Agora toca falar da edición deste ano?

Por desgraza é outra edición condicionada pola situación sanitaria. E a organización deste ano foi extraordinariamente difícil. Así pois tentamos traer músicos americanos pero non foi posible. As viaxes teñen moita dificultade e programar é case imposible. Se cadra o músico máis relevante que traemos este ano é Yago Vázquez, un vigués, músico de extraordinaria calidade que vive en Nova York

É a primeira vez que ven?

Non, xa tocou nalgunha das primeiras edicións. Pero na actualidade está a nivel dos mellores pianistas de jazz

E alén de Yago con que outros artistas poderemos gozar?

Un gran cuarteto Ombra de Lua o venres .Ese día tamén desfrutaremos do quinteto Natanael Ramos, que ten dous músicos galegos. E o sábado 31 teremos a un interesantísimo proxecto suízo a Focusyear band que trata de formar a músicos de canteira para convertelos nos mellores músicos do mundo. Teñen un nivel escandaloso e tamén farán a master class

A master class non podía faltar claro?

Desde logo que non. Este ano farémola no salón de actos do centro de negocios do Porto do Molle

Como hai que facer para apuntarse á clase?

Hai que mandar un correo electrónico a :nigranjazz_matricula@folque.com

Ata que día se poden apuntar as persoas interesadas?

Ata o día 29, o día anterior

Pero imaxino que estableceredes algún tipo de Peneira para filtrar a quen poida ou non poida acceder non?

Non, ningunha

Vaia, entón alguén que careza de nivel, que non saiba absolutamente nada, pode participar na master class?

Si. Evidentemente canto máis nivel teña o alumno máis vai aproveitar a clase de Focus Year. Pero tendo un nivel medio, baixo ou incluso nulo sempre serve para aprender cousas sobre como se fai música. A min o que me interesa é que a xente se achegue á forma de pensar o Jazz. Cando dan o paso e o coñecen ven que é unha forma apaixonante de facer a musica

Tamén imos ter “jam session “.Explícanos o que é?

Se cadra o hábitat natural do jazz : un escenario con instrumentos e sobe quen queira a tocar. Pódese non falar o mesmo idioma pero entendémonos polo idioma do jazz que é universal. Este ano facémolo na cafetería do Porto do Molle

Notastes que a pandemia incrementou a dificultade da captación de financiamento?

Si. Está todo moi parado e é moi complicado captar patrocinadores

Rematamos Felipe. Esta situación é enormemente difícil para case todos os sectores económicos, pero para os músicos coma ti eu diría que case dramática. Como pode vivir un músico nestas circunstancias?

Eu quítolle o “ case”. A situación da música é dramática. En Galicia xa era mala antes da pandemia e agora é mortal. Hai músicos dunha calidade extraordinaria formados nas mellores universidade do mundo que tiveron que buscar a vida por outras vías porque na música é imposible.