

Leo declaracións do PPresidente e non sei se fala como a persoa que dirixe a Xunta ou como o número un do seu ppartido na Galiza. O caso é que presume de que a Xunta se atopa nun momento económico fabuloso e por iso pode prometer (e promete) unha baixada de impostos.
Perdóeme, Sr Feijoó, NON A QUERO!
Non me baixe os impostos, non a este prezo. Se ten unha contas saneadas aprovéiteas. Cada euro que se inverte na Sanidade, Educación e Cultura públicas volve multiplicado por moito a NÓS, ao POBO.
Mágoa que este estea adormecido, senón como podedes permitir o que lle fan ás vosas crianzas? Eu non teño descendencia e por, por desgraza, parezo máis preocupado polo futuro d@s nen@s de Bueu que @s proxenitoras/es. Non entendín que a Bueu lle roubaran unha pediatra e non entendo que agora mutilen os equipos de profesorado dos colexios públicos.
O colexio infantil de A PEDRA ven de quedarse sen unha das seis unidades coas que contaba. Di a Xunta que por falta de alumnado, e por ese motivo lle retira unha mestra das seis que había e outra de apoio das dúas coas que contaba. Alguén entende como se pode pasar de ter dúas mestras de apoio para seis aulas (unha para cada tres) a unha soa para cinco? Ao mesmo tempo a Educación Primaria deste colexio queda sen unha profesora de inglés das tres das que, teoricamente, dispoñía. Na práctica quedan cunha e parte da outra, porque é unha profesora desta materia a que ocupa o despacho de dirección. Réstanlle dez horas lectivas para iso pero non lle chegan, e á escola tampouco lle chega con mestra e “media” de inglés.
O Colexio TORRE de Cela precisa catro mestras de educación infantil, como recoñece a Xunta de Galicia no catálogo que así o indica desde hai máis ducha década. Pero o ano pasado quedou a praza vacante e neste pasa igual porque non concursou ninguén por ela. Por que non envían alguén para cubrila? Porque lles sae máis barato.
En Beluso, o CEIP Montemogos perde o apoio desa mestra de inglés que botan de A PEDRA, deixan de ter unha orientadora a tempo completo e pasan a compartila con Cela (que antes a tiña a medias con Ardán), e son ameazad@s con perder unha das tres aulas de infantil que teñen, co que se xuntarían crianzas de dous anos distintos.
Ademáis tanto Beluso como Cela precisaban cadansúa unidade de Audición e Linguaxe para atender @s nen@s que o precisan e seguiran tendo esta materia compartida.
Así é como a Xunta lle paga o esforzo deste ano de COVID á comunidade educativa. Tanto o profesorado como as ANPAS e o alumnado están en todo o seu dereito de non axudar á Xunta co traballo engadido que lles trouxo esta pandemia (re-organización, novos protocolos, limpeza…) Pero non o van facer porque teñen aquilo que ao señor Feijoó e ao seu goberno lle falta: RESPONSIBILIDADE E SENTIDIÑO.