Coa nosa saúde non se xoga

Artigo de opinión A Nova Peneira
Pedro M. Cortegoso Gago Artigo Opinión A Nova Peneira
Pedro M. Cortegoso Gago Traballador do Sergas

A política sanitaria do Partido Popular en Galiza é un éxito, aínda que disimulen e lle boten as culpas do desastre ao goberno central, están cumprindo todos os obxectivos: desprestixiar e facer inviábel a sanidade pública para privatizala.

Porén, non só o PP ten culpa, o PSOE tamén é responsábel de permitir a privatización de recursos e servizos sanitarios e non sanitarios, os máis rendíbeis, coas súas iniciativas lexislativas. Esta porta abriuse coa aprobación da Lei 15/97, co apoio “desinteresado” de PSOE, PP, CIU, PNV e CC, permitindo a transformación da sanidade nunha mercadoría mais para vender e mercar.

A Sanidade Pública Galega é hoxe unha especie en vías de extinción grazas a Lei 15/97, ás leis aprobadas no Parlamento Galego e ao mal facer da Xunta do PP. Non é casualidade a falta de profesionais e medios, todo forma parte do planificado e implementado desde fai anos polos intermediarios políticos ao servizo dos fondos de investimento e a banca.

Pouco a pouco foron chuchando o ovo até deixar a casca. Minaron por dentro o funcionamento do Sergas para desacreditalo ao tempo que desviaban inxentes recursos públicos ao sector privado. Povisa en Vigo e o Domínguez en Pontevedra (agora ámbolos dous con outros nomes e propietarios) son exemplos de como foron medrando, como os ovos do cuco, a costa de minguar as prestacións nos hospitais públicos.

Non temos médicos pero temos novos hospitais e novos centros de saúde. O negocio das construtoras amigas ten que continuar aínda que estes edificios non teñan persoal para atender as necesidades sanitarias dos doentes. Non hai medios? Non hai profesionais? Mentireiros. Os medios desvíanos e aos profesionais bótannos para outros países onde teñen mellores condicións económicas e laborais.

Non hai médicos, repite o conselleiro, non hai médicos, repite o presidente. A argumentación perfecta para xustificar o desastre ao que nós levaron. Non hai médicos e polo tanto non podemos cubrir as baixas, as vacacións, os permisos, etc. Por iso día si e día non nos Puntos de Atención Continuada non hai facultativos e teñen que ser os/as enfermeiros/as quen atendan as persoas que alí acoden.

Así, temos uns doentes bailaríns, bailan do PAC de Bueu ao de Marín e viceversa, cando non teñen que ir directamente as urxencias do Hospital Montecelo saturando este servizo con patoloxías que poderían ser atendidas e tratadas nos PACs e centros de saúde.

E non podemos esquecernos do persoal administrativo, que ten que dar a cara nos mostradores dos centros cando non hai persoal sanitario e soportar o cabreo dos/as doentes. Pagan xustos por pecadores, os inocentes polos traidores. O Conselleiro de Sanidade e o Presidente da Xunta, os que tiñan que dar explicacións non as dan, agochándose tras o persoal dos mostradores que ten aturar rifas e insultos polas decisións políticas duns señores que están ao servizo do negocio cando deberían estar ao servizo dos galegos e galegas.

Non hai médicos! O que non hai é vergoña. Estamos en mans duns intermediarios, uns lacaios do capital, que xogan e fan negocio coa nosa saúde. Non podemos permitilo! Temos que saír á rúa, acudir masivamente ás concentracións e manifestacións en defensa da sanidade pública antes de que sexa tarde e non teña volta atrás.

Marín, 3 de febreiro de 2023.

Asdo.: Pedro M. Cortegoso Gago