O BNG pide maior seriedade e rigor ao PP en materia de aparcamento

Lucía Santos BNG

Lucía Santos manifesta que “o BNG non pode avalar a política en materia de aparcamento do PP, caracterizada polas ocorrencias e a improvisación.”

Santos insiste na necesidade de “procurar unha alternativa ao parque Eguren para a construción dun aparcadoiro privado, e na dotación de aparcamentos gratuítos realmente disuasorios.”

Hai uns días o Sr. Manuel Santos, portavoz municipal do PP, criticaba a proposta do BNG de estudar a viabilidade da construción dun aparcadoiro na rúa Dichosa e afirmaba que o BNG está en contra de todo o referido á política do goberno local en materia de aparcamento.

Lucía Santos, portavoz municipal do BNG de Marín, afirma que “o goberno do PP ven caracterizándose pola improvisación e as ocorrencias en numerosos ámbitos da xestión municipal, e unha das áreas onde se pode comprobar con absoluta claridade é en materia de aparcamento, polo que o BNG non pode avalar esta negativa xestión que amosa a falta de planificación deste goberno.”

O BNG leva meses amosando o seu rexeitamento ao emprazamento do aparcadoiro soterrado no parque Eguren porque, segundo Lucía Santos, “un aparcadoiro neste lugar provocará un aumento monumental do tráfico no centro da vila, principalmente nas rúas Concepción Arenal, A Estrada, Ezequiel Massoni e Jaime Janer, nunha zona na que existen catro centros escolares, unha residencia de maiores, un centro de día e unha zona de xogos.”

A portavoz do BNG manifesta que “en lugar de apostar pola mobilidade sostíbel, creando espazos que faciliten a mobilidade urbana a pé ou en bicicleta, a aposta do PP pasa por levar os coches ao centro da vila, hipotecando o desenvolvemento futuro do casco urbano.”

E engade que “non podemos esquecer os grandísimos inconvenientes que provocará no centro da vila durante os anos de construción, o limitado número de prazas, e o custe económico absolutamente desproporcionado da proposta do PP.”

O BNG propón unha nova ubicación no único espazo do centro da vila recollido no PXOM como futuro uso dotacional, onde podería construirse un aparcadoiro de plantas en superficie, cun colosal abaratamento dos custes, mais tamén soterrado no seu caso, aproveitando as diferentes cotas do terreo e deixando a cuberta para dotación dun espazo de uso público.

Lucía Santos indica que “a parcela está situada nun lugar estratéxico para expandir e desenrolar o núcleo urbano da vila, ademais de estar situado nun punto cercano a diferentes lugares de interese como o vial de praias, a praza de abastos ou a alameda. Atópase a 5 minutos camiñando da alameda e a 7 minutos da praza 8 de marzo.”

Lucía Santos manifesta que “o concelleiro de urbanismo critica a proposta con obviedades, como que hai que facer expropiacións ou que precisaría tempo, con falsidades como que está á mesma distancia que o aparcamento gratuíto da Laxe (a 10 minutos da alameda), ou con afirmacións en relación aos accesos carentes de análise, obviando a posibilidade de acceso desde a rúa Tiro Naval Janer, que debera ser avaliada nun estudo técnico.”

En relación con aparcamentos alternativos gratuítos, “o BNG nunca se manifestou en contra destes aparcamentos, senón da improvisación, a falta de transparencia e a demora na actuación do goberno local do PP” segundo Lucía Santos.

As obras da Avda. de Ourense e as actuacións no casco urbano (rúas da Estrada, Concepción Arenal, Ezequiel Massoni, José Casal, Francisco Landín Pazos…) supuxeron a eliminación de numerosísimas prazas de aparcamento, polo que Santos considera “unha obviedade” dicir que antes de que se inicien unhas obras e actuacións que van provocar uns grandes problemas de aparcamento, “o goberno local debería ter actuado con anterioridade, procurando alternativas de aparcamento para evitar o caos, e non posteriormente como reacción ao enfado e ás críticas xustificadas da veciñanza. Un goberno serio e competente non actúa a posteriori, actúa con previsión.”

Amais, non son unha solución estábel ao problema do aparcamento pois, como lembra a portavoz do BNG, son “aparcamentos temporais” e existe unha “total falta de transparencia en relación aos acordos coas persoas propietarias dos terreos. Por canto tempo están cedidos os terreos? Existen contraprestacións económicas?”

En canto ás zonas de aparcamento gratuito con limitación de dúas horas, Lucía Santos considera que “sen antes resolver, ou cando menos reducir, o grave problema de aparcamento no casco urbano non se debera ter iniciado esta medida, que está a causar numerosos problemas á veciñanza que vive no centro da vila, e a veciñanza de fora do casco urbano continúa dando voltas por Marín para tratar de atopar un sitio no que estacionar o seu vehículo.”

Santos manifesta que “no tema do aparcamento cómpre fuxir da demagoxia e recoñecer que Marín ten un problema importante debido á fisonomía do casco urbano e ao PXOM, e por iso mesmo cómpre traballar con seriedade, rigor e adicación na procura das mellores solucións posíbeis, mais o goberno do PP prefire recorrer ao fácil e á improvisación constante.”

E remata expoñendo a proposta do BNG en materia de aparcamento. “O BNG aposta por eliminar a circulación de vehículos no centro da vila para mellorar a calidade de vida da veciñanza e a dinamización socioeconómica do noso concello. Para elo o BNG aposta pola dotación de aparcamentos gratuítos realmente disuasorios, a unha distancia prudente do centro, para que a veciñanza que se achega a Marín non teña que circular polo centro da vila, conxestionando o casco urbano e desesperándose para poder estacionar o seu vehículo.”

“E a nosa proposta pasa tamén pola construción dun aparcadoiro privado, mais procurando a mellor ubicación posíbel para a veciñanza, o comercio, a ordenación do tráfico, o desenvolvemento do casco urbano, e cuns custes razonábeis para o concello e, en último termo, á veciñanza de Marín.”

Marín, a 9 de decembro de 2022

Lucía Santos Omil

Portavoz municipal do BNG de Marín