Protocolos e propaganda

Artigo de opinión A Nova Peneira
Pedro M. Cortegoso Gago Artigo Opinión A Nova Peneira
Pedro M. Cortegoso Gago Traballador da Sanidade Pública e militante do BNG de Marín

Marín, 9 de agosto de 2020

O goberno do PP na Xunta de Galiza ten claro como vai abordar a xestión da pandemia no ensino e na sanidade: non pensa gastar un peso mais, non vai incrementar persoal sanitario e non vai contratar profesorado. Propaganda e “protocolos”. Esa é a receita para loitar contra a Covid-19.

Estes días co incremento de persoas infectadas estamos vendo como está a sanidade, saturada e con listas de agarda de até 15 días para unha consulta médica ou para cargar unha receita. 

Ao atraso asistencial provocado polo confinamento temos que sumarlle o atraso provocado polas vacacións do persoal da sanidade pública, que como todos os anos non é substituído por ninguén. Un persoal que foi obrigado a coller as vacacións nos meses de verán por temor ao que podía vir no outono, un gromos que non esperaron ao frío e xa están entre nós.

Nos hospitais temos, como todos os veráns, plantas fechadas e camas baleiras. E tamén desvío de pacientes e operacións aos hospitais privados, os hospitais dos “amigos” do presidente. 

Esta pandemia dálle unha oportunidade de ouro ao señor Feixóo para seguir implementando o seu plan de deterioro e privatización da sanidade pública. Aproveitou moi ben o estado de alarma para fechar consultorios e centros de saúde, para eliminar Puntos de Atención Continuada como o de Moaña. A Covid é a escusa que necesitaba o Sergas para facer o que era un ruxe ruxe, un rumor feito circular para crear o ambiente necesario.

E que dicir do ensino, imos ter un inicio de curso quente. En plenas vacacións a Consellaría de Educación sácase da manga un protocolo non consensuado coa única pretensión de manter a filosofía do custe cero. Os sindicatos e as Anpas xa manifestaron o seu rexeitamento e convocaron mobilizacións por consideralo inaplicábel.

Este protocolo permite amorear ao alumnado nas aulas, e facer responsábeis ás direccións dos centros e aos profesorados do control e desinfección das aulas.

Non garante a distancia mínima de 1,5 metros entre o alumnado, tal e como recomenda o Ministerio de Educación, non incrementa o profesorado e descarga as responsabilidades nos centros. 

Hai países que xa iniciaron o curso escolar aplicando distintos modelos. Dinamarca optou por reducir o número de alumnos nas aulas e aplicar medidas de distancia social, Israel aplica o modelo que pretende implantar a Xunta mantendo unhas aulas masificadas. Dinamarca non tivo problemas, Israel tivo que fechar 100 escolas por gromos de coronavirus.

En definitiva, protocolos a custe cero. Unha irresponsabilidade que pon en xogo a saúde da rapazada e do profesorado, e que pode saírnos moi caro, en cartos e en saúde.

Iniciase a nova lexislatura coas vellas políticas de sempre. O importante é o capital, os beneficios, as persoas son secundarias e sacrificábeis.