Juan Carlitos o Numismático

Artigo de opinión A Nova Peneira
Xoán Carlos Caballero
Xoán Carlos Caballero – Mestre no CEIP de Salvaterra

De nenos tiñamos centos de cromos, e coa destreza propia dun crupier, pasabámolos dunha man a outra, mentres un compañeiro, en función de si o posuía ou non, respondía sipi, nopi sipi, sipi, nopi, nopi. Buscábamos onde fora os que nos faltaban para rematar canto antes a colección e comezar cunha nova.

Así imaxino ao emérito facendo a súa propia colección de estampiñas, coa satisfacción de ver que as máis cotizadas, as de 5 e 10.000 pelas, eran aquelas nas que saían retratados el no anverso e o seu fillo no reverso. Juan Carlos e Felipe, os Messi e  Cristiano Ronaldo do papel moeda. Daquela un de 10 mil pesetas chamábaselle Luis Roldán, como agora aos 500€ Bin Laden, polo complicado que era atrapar un. 

De Borbón e Borbón valoraba moito os cromos modestos, aínda que estes non os manexaba tanto, como os de Leopoldo Alas Clarín, de Rosalía de Castro, de Benito Pérez Galdós, ou os de Juan Ramón Jiménez. Todas elas figuras de mérito. Tiña unha especial predilección polo billete de José Celestino Mutis porque nel estaba o autógrafo doutro dos grandes da marca España, Mariano Rubio, condenado por fraude fiscal e falsidade documental, que fora proposto por Felipe González para o cargo de gobernador do Banco de España e do cal Emilio Botín afirmou que fixera un extraordinario traballo á fronte do organismo. 

De neno, Juanito, xa comezara a súa afección pola numismática. Pequenas cantidades de liras, francos e escudos que reunira nas súas estancias en Roma, Lausanne e Estoril. Cando chegou a España engadiu a peseta ó seu álbum. Aquí nomeárono rei e continuou moitos anos facendo acopio de moeda.

O da numismática deixou de ser un entretemento e converteuse nunha profesión, similar a que desenvolvían daquela os empregados de banca que estaban nas caixas. Estes, colocaban os billetes un enriba do outro, formando un feixe do que non sobresaía ningún, cuspían nos dedos e en segundos eran quen de contar unha morea de cartos. As glándulas salivares do Rei estaban ben exercitadas, aínda así, as veces, deixaban de segregar cuspe polo exceso de traballo. A conseguinte sequidade bucal crese que está detrás da súa  peculiar forma de falar.

Juan Carlitos comezou a rematar un álbum detrás doutro. Facía un pouco coma nos cando eramos cativos, acababamos un  e xa comezábamos o seguinte, coa diferencia de que os nosos quedaban na casa, e cheos de “orgullo e satisfacción” amosabámosllos aos amigos que, casualmente, ningún vivía fora do país. Como moi lonxe nos arrabaldes da vila. E moito menos se nos ocorría regalarllo a ninguén, despois do esforzo que fixeramos para conseguir enchelo. 

Xa no século XXI, unha vez aparecido o euro, comprou unha máquina de contar cromos para ter a boca máis lubricada e así mellorar a dicción. A cousa non deu resultado xa que a lingua comezoulle a esvarar tanto coma os pes. 

E para rematar gustaríame facer miñas as palabras de Pablo Casado: “Cuando abrimos kilómetros de AVE estamos diciendo Viva el Rey”