O misterioso caso do Partido Socialista Obreiro monárquico

Artigo editorial Tino Lago A Nova Peneira
Tino Lago director a Nova Peneira
Tino Lago director a Nova Peneira

Cando eu tiña a idade que ten agora a miña filla, catorce anos, devoraba con avidez as novelas de Agatha Christie. Encantábame mergullarme naquelas misteriosas viaxes imaxinarias creadas pola escritora inglesa de prodixiosa imaxinación, nas que , aos poucos ían agromando pistas que trataban de facilitar que o lector ou lectora puidese descubrir quen era a persoa que cometeu o asasinato descrito, antes de rematar a lectura do libro. Entre todas as obras desta autora británica gustábanme especialmente aquelas protagonizadas polo detective Hercules Poirot, que se non me falla a memoria, xa hai moitos anos que non leo ese tipo de literatura, era de orixe belga. Neste tipo de obras, relatábase misteriosos asasinatos, que na maioría dos casos se resolvín da maneira máis sorprendente, pois a persoa responsable adoitaba ser aquela que non parecía ter ningún tipo de interese na morte da vítima. Agardo que no caso ao que se refire o título deste artigo a solución ao oxímoro que formula o seu enunciado sexa , como nas novelas de Agatha Christie, a máis inverosímil e inesperada porque, como sexa a que eu penso, moitas persoas de boa fe, descubrirán abraiadas, máis pronto que tarde, que levamos décadas vivindo nunha mentira.

A solución sobre cal é a forma de estado máis adecuada para calquera observador imparcial aséptico, é moi sinxela. Só compre responder a unha pregunta moi doada para cuxa resposta non é preciso nin sequera esgrimir ningunha das supostas falcatruadas que calquera persoa que exercese a máis alta maxistratura dun estado puidese ter cometido:

É máis xusto e democrático que a xefatura do estado sexa patrimonio perpetuo dunha soa familia e se transmita entre os seus descendentes independentemente da catadura moral ou das capacidades intelectuais das persoas que a xenética decida que deban ocupala? Ou resulta pola contra máis xusto e democrático que os cidadáns e cidadás poidamos escoller cada certo tempo á persoa que queiramos que desempeñe a representación institucional do estado no seu posto máis elevado?

A totalidade de persoas desideoloxidazas e sen militancia política que contesten a esta pregunta sen ningún tipo de apriorismo van dicir o mesmo. E non vou perder un minuto en contestar ás excrecións de bile que soen” argumentar” os que ou ben desde unha posición interesada, ou ben porque se senten cómodos na posición de lacaios, ou ben por puro fanatismo tratan de defender o que non é racionalmente defendible, pois son tan sumamente simples e puerís que me aburren soberanamente.

O meu traballo fai que teña a oportunidade de coñecer a un volume elevadísimo de persoas, entre elas moitas mulleres e homes militantes do partido socialista. Son persoas dignas ás que respecto, a algunha quéroa moito. A práctica totalidade, xa sexa desde unha interpretación social liberal da realidade, xa sexa desde unha visión socialdemócrata e incluso, que tamén as hai, desde unha óptica socialista non queren saber nada da monarquía borbónica e teñen o no corazón e na cabeza a República como arquitectura ideal do estado. Porén ao longo da historia do postfranquismo as distintas executivas que tivo o PSOE, fosen da sensibilidade que fosen sempre amosaron unha distancia sideral con relación ás súas bases e se converteron no principal problema que impide mandar ao sumidoiro da historia á monarquía restaurada pola vontade do tirano Francisco Franco. E así imos rematar da mesma maneira que comezamos; Cal será a razón que explique o oxímoro que supón definirse como socialista e monárquico?, algo tan difícil como ser toureiro e vegano ou cristián e ateo ao mesmo tempo.

Se cadra é que a democracia que xorde tras a morte de Franco, pode ser pero só un pouquiño?. Se cadra malia que unha abafadora maioría así o desexase a arquitectura do estado non pode ser mudada porque non nolo permitirían?

PS.Escribo este artigo o 9 de agosto, día no que nos deron a coñecer que a fiscalía da Audiencia nacional abre dilixencias contra Ana Pontón por dicir que “non hai botafumeiro que elimine a peste da casa real e que non pararemos ata que xulguen aos borbóns por corruptos e ladróns”. Agardo que a xustiza suíza poida facer o seu traballo e que todo se acabe coñecendo con claridade ata que aos fiscais españois e á executiva do partido socialista se lle caia a cara coa vergonza.