O próximo 18 de febreiro o noso país celebrará unhas moi importantes eleccións. En Galicia vivimos unha comunidade de persoas que compartimos un certo grao de conciencia colectiva artellada arredor dunha lingua, unha historia, uns costumes, unha tradición, unha cultura e un espazo físico común. Tamén o que está ao sur do Río Miño , do pai Miño, forma parte do país galego. É unha parte do noso ser, un anaco da alma colectiva da vella Gallaecia romana e Sueva, o primeiro reino de Europa independizado despois de que o imperio romano de occidente escachara, co que cómpre estreitar relacións de todo tipo. Pero ben, ese é outro debate.
Agora quixera falar das próximas eleccións autonómicas. É certo que o marco de competencias que abrangue o noso estatuto é ben cativo e deixa pouca marxe de manobra para a defensa dos intereses do noso pobo. Pero é o que temos, é o que hai na realidade política do estado español. E a política realista, a que pode ter efectos nas sociedades ás que se dirixe, esixe comportarse con madurez e responsabilidade e facer política sobre realidades.
Non é posible absterse ou defender o voto nulo ou branco, non é unha postura verosímil desde unha posición intelectualmente honesta,pois ninguén quere non participar na toma de decisións que lle atinxen, que teñen unha relevancia esencial na súa vida cotiá. A persoas que defenden a abstención ,o voto nulo ou branco co suposto argumento de que todos os políticos son iguais e xa que logo manifestan querer desentenderse da vida política ou sofren un proceso de alienación tan grande como o máis grande dos océanos, ou en realidade están cómodas no contexto político actual pero a súa deshonestidade intelectual impídelles explicitalo.
Nin todas as persoas somos iguais, nin todos os seres humanos que se dedican á política teñen as mesmas motivacións, e sobre todo e ante todo, os modelos sociais que propoñen as distintas forzas políticas non son iguais.
O 18 de febreiro temos que escoller entre dous modelos : o que leva toda a vida gobernando Galicia, agás os 4 anos de paréntese do bipartito, ou un novo bipartito, que incluso podería ser tripartito, liderado polo BNG. Semella evidente que entre as forzas políticas que defenden o cambio será o Bloque o que reciba máis apoios. Todo pode pasar. Se algo me ensinaron estes 30 anos mergullado ata o máis profundo na actualidade política galega é que nada, absolutamente nada pode darse por seguro a priori. Pero parece claro que as opcións de quen será a persoa que presida o próximo goberno galego se reducen a dúas: Alfonso Rueda ou Ana Pontón. Eu Tino Lago, director de A Nova Peneira vou escoller a Ana Pontón, vou votar para que nacionalismo galego lidere o cambio político en Galicia , cambio que considero necesario. E vouno facer, entre outras, polas seguintes razóns:
-Quero que a conciencia colectiva de sermos un pobo de seu siga existindo nas seguintes xeracións do noso pobo. E coa política do PP está en perigo de morte. É practicamente imposible escoitar aos nenos e nenas falar en galego nas rúas das nosas cidades. E ou iso se corrixe de contado ou o idioma galego vai morrer , como lingua viva, moi pronto.
-Quero un goberno galego cuxa prioridade esencial sexa a defensa dos intereses do pobo galego. E o PPdeG dálle prioridade á defensa dos intereses de Genova 13 sobre a defensa dos intereses de Galicia. Como fixo tantas veces o PPdeG votando unha cousa no parlamento galego e a contraria no parlamento español.
-Quero un goberno galego que defenda a nosa capacidade de produción industrial e non que mire para outro lado cando sectores estratéxicos deste país corran perigo de morte, como fixo por exemplo coa crise do sector naval na morte de Vulcano e na transformación de Barreras.
-Quero un goberno galego que non hipoteque o futuro dos nosos montes, do nosos ríos e dos nosos mares construíndo parques eólicos dunha dimensión tal que transformarán a xeografía do noso país ata o punto de facela irrecoñecible. E cuxo obxectivo sexa engrosar as contas de resultados das multinacionais eléctricas ,non o beneficio colectivo do pobo galego.
-Quero un goberno que reparta os recursos de maneira equitativa e que non beneficie aos concellos que goberna o partido que sustenta ao goberno. Como fixo por exemplo negándolle oito anos á alcaldía nacionalista de As Neves a solución ao grave problema vial que padece a parroquia de Setados, e anunciando a devandita solución pouco despois de que o PP recuperase esa alcaldía.
-Quero un goberno que non bipolarice á sociedade e que trate aos adversarios políticos como adversarios e non como inimigos. Como fai por exemplo a alcaldesa de Mos que tivo a ousadía de cualificar a toda unha Comunidade de Montes do seu concello como unha comunidade “ non grata”.
-Quero un goberno que asuma as súas competencias e que non teña a “jeta” que ten o goberno actual que deriva aos concellos o financiamento de servizos esenciais para o ben común como o SAF. Servizo que debera financiar a Xunta e non o fai obrigando aos concellos a asumir unha competencia que non lles corresponde.
-Quero un goberno que non entregue o futuro de Galicia ao interese particular das grandes empresas, como fixo por exemplo outorgándolle a disparatada figura de “ interese autonómico”, ao proxecto do Celta nos montes de Tameiga que non é máis que un pelotazo de manual, un pelotazo de ABC.
-Quero un goberno que non utilice os medios de comunicación públicos para defender os seus intereses particulares. Xa perdín a conta de cantos son os venres negros nos que os traballadores e traballadoras con dignidade da TVG protestan pola descarada utilización partidista da tele pública galega que fai o PP.
-Quero un goberno que non semente a discordia entre os distintos pobos de España, como fixo o PPdeG co seu lamentable vídeo promocional de “ me gusta la fruta” ou nas recentes declaracións do presidente Rueda nas que, sobre os vertidos de plásticos nas nosas costas, se atreve a dicir que a Cataluña o goberno central non lle esixiría elevar o nivel de alerta. Que necesidade hai de quitar o tema de Cataluña nese contexto? Por que? Para que?
-Quero un goberno que defenda a nosa sanidade pública de verdade. E calquera persoa con honestidade intelectual sabe que a situación, especialmente da atención primaria, da sanidade galega é moi deficiente.
-Quero un goberno feminista , que asuma e que practique que só coa igualdade plena entre os dous sexos que formamos a humanidade poderemos vivir nunha sociedade decente.
-Quero un goberno que dignifique a memoria das persoas asasinadas e represaliadas polo nacional catolicismo español e non que desmantele de maneira vergonzosa o brillante departamento de memoria histórica da DEPO como fixo o PP.
-Quero un goberno que non minta………………E aquí vanme permitir que non siga , que non poña exemplos das mentiras do PP nin continúe espetando razóns porque probablemente non me chegarían dúas ou tres páxinas do periódico.
A Nova Peneira polo cambio. Concentremos o voto do cambio para que o cambio sexa posible.