Malestar

Artigo de opinión A Nova Peneira
Ángel Pérez, profesor de filosofía A Nova Peneira
Ángel Pérez, profesor de filosofía

Freud, o inventor da hipótese do inconsciente e da psicanálise, escribiu varios libros de gran pegada na opinión pública e mesmo, pero non na mesma medida, no recinto universitario. Un deles, o traducido ao español como El malestar en la cultura, cumpriu xa noventa anos na rúa. Paga a pena recordalo e asemade animar a lelo. Darei en primeiro lugar unha razón puramente persoal, meramente biográfica, pero, espero que respectuosa co contido do libro. E logo outra pola que creo que o médico de Viena debería ser obxecto de admiración universal.

No persoal, foi a lectura que me curou do meu apego á filosofía de Rousseau. Nalgunha ocasión anterior xa me atopara nunha posición moi incómoda, claramente molesto, digamos, defendendo a idea do filósofo francés de que os humanos son bos por natureza. Penso nun diálogo cun alumno no que quedaba claro que a posición de Hobbes sobre a natureza humana, que el defendía, era superior á de Rousseau. Non me saía e non admitía que os homes son lobos para os homes. Daquela quedei tocado.

De alí a pouco, relín, porque no programa de BUP dese tempo había temas de psicoloxía, o libro de Freud e ao chegar cerca do final quedeime con aquela breve referencia ao socialismo que, primeiro abriría unha fenda nas miñas ideas sobre o home, e que acabaría por me sandar aquela primitiva fe na bondade natural dos seres humanos.

Freud cualifica nese paso do derradeiro capítulo de “idealistas” aos socialistas. Nese libro esa cualificación significa que os socialistas incorren no erro de descoñecer a natureza humana. Recordemos que o libro está escrito ao final dos anos vinte e que “socialista” é a palabra que dá nome a política da clase obreira que se está a bater contra o fascismo xa no poder en Italia e tres anos despois o acadará en Alemaña.

O erro non consistía en pretender cambiar “as relacións do home coa propiedade”. Esa é, di Freud, unha pretensión no camiño correcto para “eliminar o maior obstáculo con que tropeza a cultura: a tendencia constitutiva dos homes a se agredir mutuamente”. O erro é crer eliminable esa tendencia constitutiva. É crer que a natureza humana é maleable consonte a demanda.

A obra enteira de Freud, velaí a segunda razón, trata precisamente do inevitable idealismo no que caen os humanos polo inevitable empeño en seren felices. Afán que a tradición moral entende como o fin natural dos seres humanos. Non hai humano que non busque ser feliz. Non importa como se entenda a “felicidade”, o que importa é entender que estamos sometidos ao mandato de sermos felices.

Pero Freud non se suma á tradición moral. A palabra clave para el non é “felicidade”, senón “cultura”. Non se trata tanto de ser feliz a toda costa, como do saber necesario para aturar o malestar que forzosamente comporta a cultura ou simplemente a condición de ser humano. Felices, se acaso, son as bestas ou os deuses. A satisfacción plena para os humanos é un imposible. Na súa opinión os humanos non poden remediar o sentir a queimadura da culpa.