Tomiño convértese en Mecenas da Casa de Rosalía, para asegurar a difusión do legado da grande escritora galega

Concello de Tomiño A Nova Peneira

O Concello colaborou economicamente dúas veces máis coa institución, durante a segunda metade do século pasado

Tomiño, decembro de 2019

O Concello de Tomiño convértese en Mecenas da Casa de Rosalía de Castro, grande escritora galega, falecida no ano 1885.

A decisión, pola que o Concello doará 2.000 euros ao ano á fundación sen ánimo de lucro que sostén a casa-museo, situada na aldea da Matanza (Padrón. A Coruña), foi tomada durante o último pleno ordinario, celebrado o pasado día 26 de decembro.

Segundo a proposta da Alcaldía de colaboración coa Casa de Rosalía, esta institución, adicada ao coñecemento da figura e obra da escritora e a do seu marido, o historiador Manuel Murguía, non recibe financiamento regular que asegure o seu funcionamento anual nin o seu futuro. Por esta razón e para reafirmar a independencia cultural e económica e ao mesmo tempo toda Galiza sinta a casa coma propia, o Concello colaborará a partir do ano que se inicia coa cantidade mencionada.

Dáse a circunstancia de que o Concello de Tomiño xa colaborou economicamente coa Casa de Rosalía en dúas oportunidades bastante lonxe no tempo: a primeira, no ano 1953, doando 500 pesetas, e a segunda, no 1971, cando apoiou a recuperación e o proceso de creación da Casa-Museo, cunha achega de 2.000 pesetas (uns 11.500 euros).

“Por estes motivos, propomos que o Concello de Tomiño se converta en Mecenas da Casa de Rosalía a través dunha colaboración económica anual, grazas á cal, tanto os escolares, coma as asociacións culturais do seu municipio, poidan ter visitas guiadas de balde”, reza a proposta.

No ano 1947 créase o Padroado Rosalía de Castro co fin de recuperar a Casa da Matanza. Esta foi restaurada no ano 1971 e na actualidade é propietaria da mesma a Fundación Rosalía de Castro, que continúa o labor que comezara o Padroado. Entre os obxectivos primordiais da fundación están o coñecemento da figura e obra da escritora ao mesmo tempo que difundir a do seu marido, o historiador Manuel Murguía, ademais de encargarse da conservación de Casa-Museo e do Panteón da escritora situado na Igrexa de Santo Domingos de Bonaval en Santiago.

Acordo plenario

Durante a mesma cesión, aprobouse un acordo plenario de adhesión á iniciativa europea do Pacto dos Alcaldes para o Clima e a Enerxía, que faculta á alcaldesa a representar ao Concello de Tomiño na sinatura do referido pacto de alcaldes.