O coronavirus no mundo XI: os camiños do mar

Chono a Guarda A Nova Peneira Coronavirus no mundo

Despois de falarmos con galegas e galegos en distintos países do mundo, para coñecermos as diversas formas de afrontar a loita contra a pandemia vírica, rematamos esta xeira de reportaxes mergullándonos na innumerable vida dos traballadores do mar, tan intimamente unida á cerna do país galego desde a noite dos tempos. Manuel, Chono para os seus amigos, é un mozo da Guarda, con infinidade de mareas no seu lombo, a quen o estoupido da crise sanitaria colleulle embarcado ,e obrigoulle a prolongar dous meses a súa viaxe após de varios intentos de desembarque frustrados polas autoridades portuarias. Case medio ano despois do seu último embarque, finalmente, puido regresar á súa casa e apertar aos seus.

MANUEL BAZ “CHONO”, TRABALLADOR DO MAR

Nesta crise sanitaria, a administración non tivo en conta, como debera, a situación das xentes do mar”

Ti traballas no mar, verdade Manuel?

Si, eu son cociñeiro dun barco mercante.

Cóntanos brevemente a túa historia?

Eu son de A Guarda, teño 47 anos, e comecei no mar aos 16.

Miña nai, levas 30 anos embarcado?

Non, estiven 10 anos embarcado co meu pai nun barco da costa, e logo cambiei a terra ao sector da hostalaría. Tiven un par de locais na Guarda, e tamén traballei nalgún camping, e finalmente desde o ano 2015 traballo na mariña mercante.

Levas desde ese ano no mesmo barco?

Levo 5 anos na mesma empresa, que é unha compañía vasca. Eles teñen varios barcos, e eu traballo en calquera dos seus navíos.

Que ruta adoitades facer?

Por toda Europa.

Que transportades?

Mercancía en xeral.

Os barcos son moi grandes?

Arredor de 100/120 metros.

Onde embarcas habitualmente?

Normalmente en portos españois, excepcionalmente podo ter que facelo noutro sitio.

Canta tripulación ten cada barco?

Entre 8 e 10 persoas .Antes tiñan máis pero para aforrar costes foron reducíndoos aos poucos.

Os tripulantes soen ser españois?

Si, a maioría son galegos, e logo tamén soe haber xente do norte.

A que anos os xubilades?

Antes era aos 55, agora penso que vai ser aos 57, sempre que teñas un coeficiente que o permita.

As mareas de canto tempo son?

Poden ser de dous ou catro meses.

Cando embarcaches desta volta?

O cinco de novembro, tiñamos previsto desembarcar en febreiro, porque era unha marea de catro meses, pero cando estabamos á altura de Bélxica, para podelo facer, xurdiu o problema do andazo e non o puidemos facer ata o 27 de abril.

E que fixeches entón ao non poder desembarcar en Bélxica?

Pois facer outra ruta, e irmos ata Alxeria .E foi un balbordo considerable, pois tiñamos pouca auga e víveres. Tentamos desembarcar en Alxeria, non puidemos, tentámolo tamén en Lisboa, tampouco nos foi posible. Logo fomos a Huelva e tampouco nos deixaron. De Huelva tiramos para Barcelona e exactamente igual, non puidemos desembarcar. De Catalunya fomos a Marrocos, que imposible tamén, e finalmente fomos a Coruña, e alí si que puidemos ir a terra por fin.

E todo este tempo como vos aprovisionabades ?

Por medio de provisionistas, porque a terra non podiamos baixar.

Chegastes a pasar algún momento delicado de escaseza de víveres ou de auga?

Si, cando estivemos en Alxeria realmente foi un momento perigoso, pois chegamos incluso a ter pouca auga para beber.

Sendo toda a tripulación española, como é que non vos deixaron desembarcar nin en Huelva nin en Barcelona?

Pois non o sei. Esa decisión tómaa autoridade portuaria, pero non sei porque non nolo permitiron. Se cadra pola imposibilidade de facernos as probas , pero non o podo asegurar.

E porque non fixestes unha corentena en calquera deses dous portos?

Home pois porque á empresa non lle interesa ter o barco parado dúas semanas, entón faise outra viaxe para tratar de optimizar o tempo e agardar a podermos desembarcar.

Nalgún momento destes meses algún tripulante notou calquera síntoma dos que se asocian coa COVID19?

Non. Case todos os que estabamos embarcados levabamos varios meses embarcados, con anterioridade a que se tivese detectado o virus. Aínda que poderiamos ter tido algún problema ao pararmos nos portos, pois neses momentos entra xente no barco a cargar mercancía, e claro podía ter entrado algunha persoa infectada.

Cando desembarcastes onte fixéronvos test para ver se padeciades a enfermidade?

Non a nós non , fixéronllos só aos que embarcaron e nos fixeron o relevo.

Canto tempo de descanso tes agora?

Pois perténcenme 3 meses, porque estiven 6 no mar e cada 2 meses embarcado tes 1 de descanso.

Non debe de ser nada doada a túa profesión, eu non creo que fose capaz de estar 6 meses encerrado nun barco

Un barco deses ten certas comodidades, non ten nada que ver cun barco de pesca. Tes camarote, baño e ducha.

Tedes internet?

Non.

E como te comunicas coa túa familia?

Teño que esperar a chegar a un porto.

Matar o tempo non debe de ser fácil?

Alí comemos ás 12,00 e ceamos ás 18,00.E ben, sempre hai cousas que facer, temos play, películas, libros, xogos de mesa….

Nestes meses de incerteza na que vos costou tanto desembarcar, sentistes que a administración tanto a galega como a estatal se preocupaba pola vosa situación?

Vamos ver, realmente estabamos incomunicados, tiñamos que esperar a chegarmos un porto para coñecer como estaba a situación, pero á hora de desembarcar dáste de conta que administración non tivo en conta á xente do mar que tivemos problema para desembarcar, que eramos moitas persoas, e que non puidemos desembarcar incluso tocando portos españois.