Tomiño conmemorará o Día da Muller cunha versión da obra de Ibsen, “Casa de Bonecas”

A casa de bonecas a Nova Peneira

A compañía Estudo Momento traerá unha adaptación do clásico do dramaturgo ruso, predecesor dos movementos feministas, estreado con grande escándalo en Copenhague en 1879

Tomiño, 24 de xaneiro de 2020

“1879. Casa de Bonecas”, a innovadora proposta dos actores galegos Iria Ares e Xoán Carlos Mejuto, que revisa o clásico do autor Henrik Ibsen, chegará a Tomiño o SÁBADO 7 DE MARZO, en conmemoración do Día da Muller (8/3).

A compañía Estudo Momento traerá unha adaptación do clásico do dramaturgo noruegués, predecesor dos movementos feministas, estreado con grande escándalo en Copenhague en 1879.

Iria e Mejuto dan vida ao matrimonio Helmer, composto por Nora e Torvaldo, nunha proposta na que os actores realizan unha disección do matrimonio, das relacións de autoridade e da liberdade.

Iria, que interpreta a Nora, un personaxe cualificado polos expertos como un dos primeiros berros feministas do teatro, afirma que “Nora non é unha heroína feminista, é un ser humano xeneroso que transcende o seu afán de desquite. Non é prisioneira nin do sistema, nin de Torvaldo; simplemente adquire lucidez, e consciencia de que quere”.

“1879. Casa de Bonecas” subiu a distintos escenarios de Galicia e Madrid revelándose coma un proxecto de profunda actualidade, onde os maridos e mulleres que ocupan as súas butacas, acaban opinando en directo sobre os personaxes. Trátase dun matrimonio que ilumina moito máis que a portada vital dela e a actitude paternalista del. É un proxecto que mira con lupa as relacións de autoridade entre persoas: familia, parella, amigos. Quen decide na túa vida como manexas os fíos da túa trama? Esa é a verdadeira pregunta que “1879. Casa de Bonecas” pon sobre a mesa.

A función comezará ás 22.00h no Auditorio de Goián, con entrada de 5 euros, que poderán adquirirse dende unha hora antes na taquilla.