Abel Caballero e o Rei Sol

Vigo Somo Tod@s

No concello de Ponte Caldelas gobernou toda a vida a dereita, incluso a alcaldía chegou a pasar de pai a fillo( 22 anos alcalde Fidel Rodríguez, o pai, e 13 o fillo, un modelo case Perfecto), como pasaban os antigos feudos e señoríos medievais, ou as posesións dos caciques locais que tan ben coñecemos no país galego. Parecía imposible desaloxar á dereita nepotista da alcaldía desta fermosa localidade. Pero pouco antes das eleccións do 2015 un problema na parroquia da Reigosa subestimado polo goberno municipal ,algo relacionado cun crematorio, fixo que toda esa parroquia retirara o seu apoio ao partido popular e o que parecía imposible fíxose realidade. O PP perdeu, polos pelos pero perdeu a maioría absoluta, e o socialista Andrés Díaz encabezou un goberno tripartito que lle deu a alcaldía. Acadou unha cómoda maioría absoluta no 2019 que presumo repetirá no 2023.

O pasado domingo 5 de febreiro centos de vigueses e viguesas reclamaban na porta do Sol da nosa cidade un modelo de xestión municipal diferente ao que practica o actual alcalde de Vigo. Fronte á megalomanía, reclamaban cordura. Fronte ao histrionismo reclamaban seriedade. Fronte ao xigantismo reclamaban sensatez. Fronte ao desprezo reclamaban humanidade. E fronte á cantidade reclamaban cualidade. E non, malia a crónicas vergonzosas de quen non sei se estivo alí, pero que parece que se gañan o pan facendo a pelota aos que mandan na cidade, non eran catro gatos como suxerían algúns. Eran centos de homes e mulleres de Vigo que merecen ser escoitados, atendidos e considerar os seus problemas e demandas exactamente igual que os que formulan aqueles que din que si a todo, e os que rin as grazas de quen non ten a máis mínima graza.

Unha maioría abafadora gañada de maneira lexítimas nas urnas, non lexitima a ninguén a non considerar as necesidades de quen discrepa, a desprezar a quen non apoia ao usufrutuario desa maioría absoluta, ou a mentir achacando sempre á militancia ou simpatía por organizacións políticas concretas a quen só son veciños e veciñas que se organizan para defender os seus intereses.

Faría ben o alcalde de Vigo en non desprezar a ningún dos 17 colectivos que convocaron a concentración do pasado día 5, porque nada é eterno e a súa maioría absoluta acabará algún día pero a veciñanza de Bembrive seguirá existindo, porque a súa alcaldía acabará algún día pero o dereito ao descanso e a unha vida normal nos meses de novembro e decembro da veciñanza de Vigo centro seguirán estando alí. E así como o PP de Pontecaldelas subestimou á veciñanza da Reigosa no seu momento e perdeu a alcaldía de xeito completamente inesperado, ou así como o PP de Baiona subestimou á veciñanza de Baredo, e ocorréuselles a disparatada idea de propor chantarlles un campo de golf en plena parroquia e tamén perdeu, de maneira non esperada, ás eleccións do 2019, Abel Caballero perderá tamén algún día, porque ,malia que especulo que lle gustaría, el non é Luis XIV, el non é O Rei Sol que poida dicir “ Vigo son eu”. Todo o contrario, Vigo somos todas e todos os que aquí vivimos.