O deporte é un marabilloso universo poliédrico que, malia que moitos insistan en reducilo só a o fútbol, e só ao fútbol masculino, A Nova Peneira ten intención de reflectir en toda a pluralidade que sexa capaz de abranguer. Hoxe traemos ás nosas páxinas a Conchi Martínez, árbitra internacional de Redondela na disciplina de taekwondo . Ela prepárase con ilusión e afouteza para poder facer realidade o seu soño de arbitrar nos xogos olímpicos de Los Ángeles 2028. Estamos seguros de que o vai lograr, por gañas e coñecementos non vai quedar. Velaí vai o que deu de si a nosa conversa.
“ A arbitraxe non é unha labor nada fácil”
Cando empezas no mundo das artes marciais?
Empecei tarde, con 14 anos. Foi un deporte que se me deu ben e encantábame adestrar, pero pasábao realmente mal competindo. Non sabía xestionar os nervios da competición e naquela época os equipos deportivos non tiñan psicólogos detrás que axudaran a xestionar estas emocións. Hoxe en día avanzouse moitísimo nisto, pero cando eu era pequena, o que se fomentaba era a competición para gañar, non para participar como agora. Eu quería estar no combate, pero non competir, foi aquí cando empecei a fixarme na figura do árbitro.
Identificábaste co árbitro?
Si, empaticei con esta figura. E isto é difícil porque o árbitro sempre é o malo da película.
É fácil ser árbitra nas artes marciais?
Non, para nada. É un 1 contra 1 e o árbitro no medio. O árbitro como ser humano pódese equivocar e pode amolar a un competidor que igual está a acceder a un campionato de España, a un puntual europeo, a un premundial ou a unha olimpíada. Un árbitro pode cortar desde a base o futuro dun competidor.
Un árbitro pode amolar unha carreira?
Si. Pode botar a un neno abaixo. Podes desanimar a unha persoa por unha mala experiencia cun árbitro despois de prepararche durante un ano para un asalto de 6 minutos.
Como é a experiencia evolutiva desde que empezas en crono ata o de agora, o supremo internacional?
Custa porque sacrificas as fins de semana da túa vida percorrendo os pavillóns de todos os recunchos de Galicia.
Entendo que todas estas viaxes sufrágaas a Federación pagando as dietas?
Non. Isto é pura devoción. Para ir a calquera campionato tentamos xuntarnos catro ou 5, compartir coche e gastos de viaxe. Agora, a Federación sacou unha bolsa para sufragar os gastos de viaxe e dannos unha axuda por quilómetro percorrido.
O Taekwondo en Redondela está collendo moito nivel. Así por exemplo quixera destacar ao Ximnasio Omnihum cun campión de España na modalidade infantil e técnica. Tamén hai dúas nenas, fillas dun adestrador de aquí, que as dúas acadaron medalla da selección de Galicia.
Mesmo houbo un ano que un competidor trouxo a medalla do Campionato do Mundo para Redondela.
As arbitras e árbitros podedes arbitrar calquera tipo de combate?
Cada estamento arbitral ten unha permanencia, tes que ter a técnica e ademais o tempo estipulado para poder cambiar de categoría e acceder a un estamento arbitral maior. O bonito de Taekwondo empeza cando chegas a cinto negro e iso son moitos anos detrás, aquí poden pasar como mínimo tres anos entre cada cinto, moito tempo e esforzo. Hai xente que se cansa e queda polo camiño.
E cando chegas a cinto negro, logo están Dans non?
Si, estes son as categorías dentro do cinto negro. O máximo en España é o noveno Dan.
Por cal vas ti?
Eu teño ata o quinto Dan. En Galicia hai un 8 Dan. Fáloche de xente española, aquí hai coreanos que teñen Dans honoríficos a partir do décimo e ata o 15 Dan.
Vas quedar como arbitra internacional ou tes algunha aspiración máis?
Quero tentar acceder ao campus olímpico para arbitrar as Olimpíadas do 2028 de Los Ángeles.
Para isto necesítase diñeiro. Esíxenche actualizacións do título cada dous anos e ademais de ter que arbitrar un campionato en cada continente, Europa, que xa o fago, ademais América, Asia, África e Oceanía.
E os custos para desprazarche a todos estes continentes de onde saen?
Téñoos que pagar eu.
E entón, para que está a Federación?
Eu agora son árbitro internacional de España, represéntame e eu represento á Federación Española de Taekwondo. A achega que me fixeron foi a Federación Galega, que me deu un Dobok, que é a vestimenta oficial á que a xente lle chama coloquialmente Kimono. A Federación Española deume un chubasqueiro que pon España e facilitoume os trámites de papeis, estes fanos eles, nada máis.
Ollando o teu futuro. Veste como árbitra nas Olimpíadas de 2028?
Si, si que me vexo.
Esperamos que a próxima entrevista entón sexa despois das olimpíadas para que nos contes que tal che foi a experiencia.
Moitas grazas, déixoa agora asinada xa….