Non, manter posicións intelectuais próximas ao platonismo non ten nada que ver coa estupidez, desde logo que non. Pero citar a Platón sen telo lido nunca e sen comprender o que estás citando, só porque pretendes aparentar un rigor e unha solvencia argumental, que non tes, si é unha actitude manifestamente censurable, cando non simplemente estúpida.
Eu non son neoplatónico, pero si lin a Platón, e lino tratando de comprendelo. Ao respecto dos seus textos a miña posición intelectual ,acertada ou errada, é como todas a posteriori, pois procuro fuxir de interpretacións emocionais e escapar dos “ asesores” que preparan textos con citas buscadas coa intención de xustificar apriorismos , con independencia de se o apriorismo é unha xenialidade, unha imbecilidade ou unha inmoralidade .Este tipo de “asesores” non fan outra cousa que exercer a deshonestidade intelectual e , xa que logo, denigrar calquera proxecto ao que asesoren por moi nobre que pareza o seu contido conceptual
Non pretendo entrar nun debate en profundidade sobre filosofía, entre outras cousas porque non creo ter a capacidade necesaria para iso, pero si quixera dicir que, se cadra, a razón fundamental pola que lle teño certa manía ao platonismo é porque a súa concepción mental dual entre o metafísico , mundo das ideas, e o físico, mundo das cosas, é, ao meu xuízo, en parte responsable do triunfo do monoteísmo cristián .Así o manifestaba por exemplo San Agustín que cría que mediante Platón era posible artellar teoloxicamente a fe cristiá. E que lle queren, amigos e amigas, un pensa nas cruzadas, na inquisición, no franquismo….e moita simpatía non é que me provoque o cristianismo.
Eu non son neoplatónico creo que o espírito é unha consecuencia da materia ,finito como ela, e non dúas realidades paralelas. A primeira perfecta, como diría Platón e os neoplatónicos galegos, e a segunda unha copia imperfecta, como dirían Platón e os neoplatónicos galegos. Pero si son permeable a ser convencido argumentalmente se calquera dos neoplatónicos da nosa comarca tivera a ben ilustrarme acerca da “perfección do mundo das ideas”.
Eu non son neoplatónico, vou confesar o que son; un humilde cartesiano. Refírome a un seguidor de parte do pensamento de René Descartes ,non a nada que teña que ver coa compañía de correos e telégrafos( por aclarar aos neoplatónicos que puideran confundir ser cartesiano coa afección a escribir cartas).E manifesto a miña admiración polo pensamento do francés concretamente no referente aquilo que dicía de “ dubido de todo, pero non podo dubidar de que dubido e se dubido e que penso e se penso é que existo”. Eu, como Descartes, tamén dubido, non de todo, pero si de case todo. A miña vida é o camiño por unha autoestrada de dúbidas e por unha corredoira de certezas entre as que hai algunhas como por exemplo as seguintes:
-A política é unha actividade representativa, os cargos institucionais só son representantes da vontade colectiva das persoas que os escolleron
-Ninguén é obrigado a participar en política, quen o fai faino de maneira voluntaria
-Cando se produce unha discordancia irreversible, entre o sentir individual e o colectivo, non hai máis que unha posición ética : dimitir, pois no caso contrario estariamos traizoando a confianza colectiva de quen confiou en nós
-Quen traizoa a confianza, non merece confianza.