Nos 34 concellos que constitúen a área de influencia de A Nova Peneira danse todo tipo de situacións políticas. Desde as que son de enorme complexidade ata as que non parece nada difícil adiviñar o que vai acontecer. O Rosal sitúoo neste grupo de concellos nos que o resultado das municipais de maio semella estar cantado: O BNG encabezado pola alcaldesa Ánxela Fernández Callis vai gañar con moita claridade. Ela é unha muller brillante, polifacética , decidida, sensible e profundamente implicada nun proxecto colectivo de transformación global da localidade: recuperando os espazos públicos para as persoas, conectando os distintos núcleos de poboación do pobo, achegando a cultura a todos os sitios, e escoitando a opinión de todos e todas como base teórica dos proxectos que se desenvolven. Por outra parte no Rosal a oposición nin está, nin se lle espera. Velaí vai o que deu de si a nosa conversa coa alcaldesa do Rosal
“ Estou moi ilusionada e con gañas de seguir ao dispor da veciñanza “
A piques de rematarmos o teu primeiro mandato como alcaldesa do Rosal que valoración fas do mesmo?
Foi un período de moito traballo, de transformación colectiva , en positivo, do Rosal. Aínda queda moito esforzo por diante pero creo que demos pasos moi importantes e firmes na mellora da realidade dos nosos veciños e veciñas.
Se cadra o máis visible é a remodelación da praza do Calvario. Quero que me deas a túa opinión ao respecto do resultado final, e que me contes que outras actuacións salientables fixo o teu goberno neste proceso de transformación da realidade do Rosal que mencionabas?
A praza foi o primeiro grande paso da transformación do nosos pobo. A súa reforma ten por obxecto a recuperación do espazo público para as persoas algo que está enmarcado nunha estratexia conxunta. De feito tamén temos a reforma do mercado que lle dá un valor social, de lecer e de pór en valor a nosa gastronomía.
Temos posto moitos esforzos na transformación verde do noso pobo. Neste eido quixera destacar a nosa aposta pola eficiencia enerxética captando recursos externos. De feito acábanos de conceder 1.200.000€ de fondos europeos para mudar todo o alumeado público.
Tamén fomos quen de dar pasos de conexión de espazos nas zonas da Ribeira, como na estrada Tabagón As Eiras Goián na que vimos de executar a primeira parte , pronto comezará a segunda, dunha senda que conecta eses tres núcleos da nosa Ribeira. Ou a actuación da “explanada do horizonte” na zona do mar .A miña vontade é seguir operando en todos os espazos do Rosal , seguir mellorando a súas conexións internas , a súa estética e a súa funcionalidade.
Cales son eses espazos?
-O casco
-A zona da Ribeira
-A conexión entre os núcleos de Marzán, Pancenteo, Novás, Martín e Fornelos
-A zona do Mar de San Xian e Portecelo.
Parecen obxectivos ambiciosos e difíciles?
Temos bastante dispersión si, pero existe a posibilidade de irmos conectando todas esas zonas e nós imos pelexar con toda a intensidade posible para conseguilo pois a conexión facilita a vida cotiá de todos e de todas.
O tempo de execución das obras na praza do Calvario alongouse máis do previsto?
Non, a previsión era de 8 meses e a duración foi de 8 meses.
Coa reforma de praza perdéronse prazas para aparcar?
Todo o contrario, cos aparcadoiros disuasorios temos máis prazas das que había antes.
Recordo que cando eras aínda candidata dicíasme que trasladar a cultura a todos os currunchos do pobo era unha das túas grandes ilusións
E o segue sendo desde logo.
Fixemos algo concreto este mandato para trasladar esa ilusión á realidade?
Creamos un programa que se chama “O Rosal Cámara Fest” conxuntamente coa agrupación musical. Xorde asemade no momento da pandemia. É un programa do que me sinto profundamente orgullosa e cuxo resultado penso que o podemos cualificar como sobresaínte. É un programa que leva a música aos barrios con todo tipo de actividades de lecer. E asemade de para o seu obxectivo fundamental, universalizar o dereito á cultura, serve para pór en valor todo tipo de experiencias
Como por exemplo?
Unha das últimas iniciativas foi levar a cabo unha experiencia apícola que tivo un éxito enorme. Case 300 espectadores achegáronse a vela.
Cando se iniciaron as obras na praza do Calvario, ao igual que en calquera espazo de calquera localidade que experimente un cambio profundo, existía certo malestar na veciñanza e negocios directamente afectados. Cal é a percepción que tes ti neste momento, coas obras xa rematadas, sobre a valoración xeral das persoas afectadas ao respecto do seu resultado final?
Eu comprendo e por suposto respecto o malestar de quen se puidera sentir molesto. Agora, no momento de estar as obras xa rematadas, a percepción que eu teño é emocionante. Ver como as persoas ocupan un espazo tan relevante para a nosa convivencia é, insisto, emocionante. A sensación xeral que percibo eu é a de satisfacción. Quixera aclarar que tivemos un proceso de participación veciñal , coas persoas afectadas, previo. A participación, escoitar de verdade o sentir da veciñanza, é outro dos eixos que procuramos levar a cabo na nosa acción de goberno
En que se concreta iso?
Creamos os consellos municipais veciñais, creo lembrar que son oito, nos que participan continuamente veciños e veciñas de ámbitos moi diversos que están continuamente recollendo propostas de todo tipo. E fixemos procesos participativos en torno a todos os procesos que se están a desenvolver. Escoitar as críticas iniciais foi chave para tomar decisións en canto ao propio proxecto da praza do Calvario
Eses procesos de participación veciñal que resultado están a ter?
Moi positivo. Como é normal á maioría das persoas gústalles que se lle pregunte a opinión sobre os asuntos que lles atinxen. E o noso goberno sempre vai ter en conta a opinión dos demais. Temos que seguir sendo un goberno que escoita ás persoas , pero de verdade, non como un mero slogan electoralista.
Na fachada do Concello vexo unha faixa alusiva á situación sanitaria do Rosal. Como están as cousas neste asunto que debera ser esencial?
Temos constituída unha plataforma en defensa da sanidade onde están todos os grupos municipais , persoal sanitario, e veciños e veciñas do tecido asociativo. A realidade do Rosal é a de toda Galicia: unha situación de precariedade evidente. Nós tivemos algún momento hai arredor de seis meses nos que chegamos a estar sen ningún médico.
Sen un só médico ?
Si, por desgraza houbo momentos nos que si.
E agora?
Temos dous de catro.
Esta entrevista facémola antes da manifestación pola defensa da sanidade pública que se celebrará o próximo día 12, malia que a imos publicar despois. Ti vas estar nesa manifestación?
Por suposto.
A Feira do viño 2022 que resultado tivo?
Ben esta feira sempre é en xullo .Ese ano pasámola a outubro polo asunto das obras e para min foi un momento histórico porque estabamos a vivir a recuperación da praza do Calvario. O resultado foi moi satisfactorio A Feira tivo un importante punto inclusivo cos “ Xogos da Empatía”.Colaboramos con diversas asociacións que traballan coa diversidade funcional facendo todo tipo de actividades para as familias.
Por outra parte tratamos de trasladar o que é o propio viño para nós: un referente da nosa cultura e da nosa idiosincrasia .
Que tal as túas relacións coa DEPO?
Moi boas. Sempre sentín que nos trataban de maneira xusta.
E coa Xunta?
Temos boa relación institucional. Pero hai unha diferenza importante entre o tratamento que dá a Deputación e o que dá a Xunta. A DEPO reparte equitativamente os fondos en función de criterios obxectivos. E a Xunta faino de xeito discrecional.
Ti cres que no reparto de fondos a Xunta favorece aos concellos gobernados polo PP?
Eu creo que todas as administracións públicas deberían de repartir os fondos en función de criterios obxectivos.
Encóntraste con folgos para aspirar a un novo mandato?
Eu estou moi ilusionada e con moitas gañas de seguir a dispor da veciñanza para mellorar a realidade do noso pobo.
As expectativas coas que vos presentades?
Desde a humildade máis absoluta o noso reto é facer que a nosa base social sexa cada vez máis ampla.