O Entroido é unha festa nas que un universo de luz, cor e fantasía asolagan as rúas das cidades e pobos que o celebran. É unha celebración que convida a erguer unha copa metafórica, e non metafórica tamén, e brindar pola vida , o amor e a fraternidade coas persoas que queremos e nos queren. Na nosa vila existe desde preto de 40 anos unha comparsa que ameniza as nosas rúas nesta popular festa. Eles son Tío Emilio, con ese nome nacen en 1987 pero na realidade xa existían desde uns anos antes .O nome deriva do 1º libro do entroido de Emilio Argibay, un libro feito a man. E a actual comparsa é o xermolo da Rondalla de Redondela á que como é sabido estou profundamente vinculado afectivamente. Nós falamos con dous dos membros máis antigos de “Tío Emilio”:
Rodolfo Méndez, Lolo, e Modesto González, Tito.
“ Máis de 30 anos despois de termos comezado coa comparsa aínda temos moitas gañas de Entroido”
Como xorde a idea da comparsa?
Nace dunha tradición moi importante en Redondela que consistía en que o día das comadres as mulleres se xuntaban todas. Entón os homes tiñan que facer algo e comezaron a quedar para ir comer ao “Sube si podes “ de Cedeira. Logo baixaban a Redondela , disfrazábanse e ían de viños e troula por toda a localidade.
Pero esa comparsa aínda non se chamaba “ Tío Emilio” verdade?
Non, esa é o xermolo da comparsa actual. Nalgún momento comezou a perder folgos e nunha xuntanza os que daquela eramos os máis novos do grupo decidimos facernos cargo dela e comezou a fase actual. Fixemos diversas innovacións entre elas a substitución dos músicos, que resultaban carísimos, polo que chamamos o “ carrito”
Como é iso do “ carrito”?, non será o de Manolo Escobar?
Ha ha ha ha…Non, aquel era un carro é o noso é un carriño con mesa de mesturas e altofalantes que disfrazamos segundo vexamos nós. Lembro que o primeiro que usamos tiña as bucinas de propaganda do BNG.
Ha ha ha ha , pero non iriades por aí berrando “ Vota BNG” ???’
Ha ha ha. Non, claro que non. Aquilo soar soaba moi ben pero consignas políticas non emitiamos. Foron pasando os anos e o carro foi mellorando moito.
Ata hoxe, que se pode dicir que é un carro de alta gama?
Home non sei pero desde logo que está moi ben. E temos que agradecerllo ao noso particular “ enxeñeiro” Luis Valle que é un auténtico fenómeno.
Quen é o poeta que compón as letras das coplas?
Luis Pereda desde logo. Aínda que o tema de cantar non é que funcionara moi ben, supomos que por vergonza.
Os libretos do entroido xa non son como aquel primeiro libro de Emilio Argibay?
Non claro. Aquel é unha peza de museo , un libro feito a man. Agora facémolos xa cun programa informático.
Todos aos anos hai un libro?
Si, desde 1987 .
Conservamos todos?
Non, algún falta.
Cantos sodes agora?
27, malia que chegamos a ser 40.Ímonos facendo maiores e a idade non perdoa
E de que idades?
Houbo renovación. Os máis novos están nos 30 e os máis vellos rozan os 70. Dúas altas moi importantes foron Pepe Sirelo e Quique de Pontevedra, alcumado Casandra, que son dous animadores excelentes.
Todo homes. Soa un pouco machista, non?
Todo homes si, pero de machismo nada. Xurdiu como che explicamos antes: eran as propias mulleres as que decidían xuntarse para ir de troula e nós acabamos facendo o mesmo. En calquera caso o martes de entroido saímos un grupo que tamén leva mulleres e nenos. O grupo chámase “ Os do martes”.Sae tamén co “ carrito” aínda que decorado doutra maneira.
No Entroido de Verán participades con mulleres non?
Sí, aí si. Nós somos unha comparsa do entroido tradicional, pero o de verán adquiriu unha dimensión tan importante en Redondela que entendemos que tamén debemos de estar.
Supoño que o paso do tempo fai difícil continuar coa tradición?
Non é fácil, a verdade é que non. Isto segue vivo porque hai media ducia de persoas moi implicadas emocionalmente que son as que permiten que “Tío Emilio “siga vivindo. O resto acompaña. Pero iso pasa así en todo tipo de colectivos.
Como vos financiades?
Temos unha serie de gastos claro e temos que autofinanciarnos para cubrilos. Pagamos unha cota de arredor de 10€ ao mes.
Canto dura a festa?
12 horas
E aguantades?
Cada ano costa máis pero imos aguantando si porque máis de 30 anos despois aínda temos moitas gañas de Entroido.
Tedes unha exposición no multiusos verdade?
Si, é unha exposición con vontade de permanencia. Alí temos elementos significativos do entroido de Redondela. Non só do entroido de Tío Emilio senón do entroido en xeral. Recomendamos ás lectoras e lectores que se animen a visitar a exposición pois poderán atoparse con cousas moi interesantes: fotos antigas do entroido, traxes, recortes de prensa…..
Se alguén quere incorporarse a “ Tío Emilio”?
Sempre que sexa sumar será benvido. Hai que ter gañas de festa e ter sentido por suposto. E se canta e toca algún instrumento aínda mellor.
Ao longo da vosa historia hai algún sitio nos que vos teñades xuntado que vos traia lembranzas especialmente bonitas?
Se cadra o antigo Alborada. Alí faciamos unhas festas marabillosas.