

A orixe etimolóxica do adxectivo idiota está na palabra grega idwTns (idiotes) que era utilizada polos gregos para designar a aquelas persoas que non se interesaban polos asuntos públicos, senón que só amosaban interese polas cuestións que lles atinxían persoalmente. A raíz “idio” significa propio, co que non é moi difícil supoñer que para os gregos un idiota era unha persoa que só se interesaba polo propio. A evolución semántica do concepto fixo que na actualidade o significado sexa un tanto distinto, pois o que entendemos por idiota é alguén que ten unha intelixencia moi escasa. Porén, tampouco resulta moi complicado comprender o motivo da devandita modificación, pois unha persoa que non se interesa polo público, alguén que só se implica na defensa do propio é, en efecto, un idiota. Incluso pensando desde unha perspectiva estritamente egoísta, carente da máis mínima empatía, solidariedade ou compaixón cara ás inmensas partes da humanidade que non poden ter unha vida digna, a defensa do público, a defensa do ben común é a mellor maneira para asegurar o benestar persoal.
Este medio de comunicación e este director non somos neutrais, non somos apolíticos, máis ben somos todo o contrario: somos suxeitos políticos activos que tomamos partido , partido ata mancharnos. Ás veces estaremos cerca da razón, e ás veces non, pero sempre imos defender posicións políticas claras e en todas as ocasións con honestidade intelectual. É dicir, calquera opinión que manifestamos non vai ser motivada por ningún tipo de interese persoal nin por outra cousa que porque cremos, con razón ou sen ela, que estamos a facer o correcto.

Aqueles que se manifesten neutrais, aqueles que miran para outro lado, aqueles que din que non lles interesa a política , aqueles que din que todos son iguais, aqueles que cantou de maneira tan fermosa Gabriel Celaya nos seus inmortais versos” Maldigo a poesía dos que non toman partido, partido ata mancharse” son os responsables do triunfo dos malvados e das malvadas, que son bastante menos dos que parecen, pero que non poderían existir sen os moitos idiotas que só se interesan polo propio e non toman partido, partido ata mancharse.
Combater a idiocia non resulta fácil, e non o é ao meu xuízo por dous motivos:1) -O propio sistema que trata de asegurar a súa supervivencia ou ben empregando a agresividade extrema, ou nos contextos históricos de maior dificultade sistémica construíndo o que parecen solucións, pero que en realidade non son outra cousa que armas para asegurar a continuidade do estado das cousas.
Algún exemplo temos na recente historia do estado español. Así pois podiamos mencionar o encarceramento dos líderes políticos cataláns que promoveron a independencia desa parte do estado, ou a aparición de Ciudadanos unha estafa política de dimensións siderais construída ad hoc para evitar que segmentos de idiotas( en sentido etimolóxico) fartos dos múltiples casos de corrupción política, que naquel momento puñan en perigo ao propio sistema, escoraran a unha opción supostamente anti sistema como Podemos. Agora Ciudadanos xa non é necesario, xa cumpriu o obxectivo para o que foi creado, xa que logo os mesmos que o crearon mátano.
2) A idiocia ( en sentido etimolóxico) tamén está moi presente na propia política , ateigada de suxeitos que se achegan a ela ou ben na procura dun traballo que lles permita vivir, ou ben para satisfacer escuras pulsións de narcisismo e egolatría. É dicir porque lles pon saír na foto. É triste pero é así. Por exemplo, estes días escoitaba un corte radiofónico no que unha persoa, cun cargo de responsabilidade nunha organización política supostamente rupturista, dicía que no asunto do celta nos montes de Mos había que respectar a opinión dos propietarios e se os de unha das parroquias afectadas dicían si, pois si, pero se os da outra parroquia afectada dicían non, pois non. Vaia idiotez estratosférica( en sentido non etimolóxico).Unha organización política ten que ter unha posición política determinada sobre os asuntos públicos relevantes, con independencia de se coincide ou non cos as opinións maioritarias, porque no caso contrario, se estamos ao que digan os demais, para que narices serve a política?.
E se chegastes ata aquí, moitas grazas pola paciencia amigos e amigas, pero teño que deixarvos pois hoxe é 12 de febreiro e collo o meu coche de contado para achegarme á capital do meu país á manifestación convocada por SOS sanidade pública na defensa dunha sanidade digna, e contra a nefasta política sanitaria do PP. E si, señora alcaldesa de Mos, é unha manifestación politizada, claro que si. Todas as persoas que alí estaremos imos defender unha política sanitaria radicalmente distinta, radicalmente mellor, á que practica o PP. E as melloras sociais, ao longo da historia da humanidade, só se teñen acadado coa práctica política. O contrario é idiocia.