
O resultado do recente cara a cara, entre os dous únicos candidatos con posibilidades de presidir o próximo goberno do estado, emitido en Antena 3 e La Sexta, deixou unha sensación de euforia entre os simpatizantes da dereita española pois teñen a sensación de que o amigo de Marcial Dorado gañou o debate. Feijoo é obxectivamente un insolvente intelectual, un tipo moi limitado, de escasa cultura e que non ten capacidade dialéctica para gañar ningún tipo de debate cando o seu opoñente é minimamente solvente.
Iso sábeo calquera que non estea cego, e que non estea condicionado por ningún tipo de apriorismo ideolóxico. É ese, e só ese, o motivo polo que non quere acudir a máis debates .Pero non convén minusvaloralo, pois é un tramposo que carece de honestidade intelectual e non lle importa soltar todo tipo de trolas. E o candidato do PSOE foi inxenuo e minusvalorouno. No último debate con Sánchez, imaxino que por consello dos seus asesores, utilizou unha técnica denominada “O Galope de Gish”. Esta consiste en espetar, de maneira esaxeradamente rápida,unha colección de mentiras, datos falsos e medias verdades de forma que descoloques ao teu opoñente, pois abraiado ante tal cantidade de datos que descoñece perde a capacidade de reacción. Vexamos a colección de trolas que o candidato Feijoo espetou no mencionado debate:
– Dixo que votou a favor da suba das pensións. É falso votou en contra.
-Dixo que o goberno actual creou menos emprego que o goberno de Rajoy. É falso leva creados 400.000 empregos máis.
-Dixo que hai 43.000 autónomos menos que no 2019.É falso hai 77.000 máis
-Dixo que España está á cola do crecemento europeo. É falso hai 14 estados por debaixo
-Dixo que non se construíu ningunha vivenda de alugueiro accesible . É falso fixéronse 66.000
-Dixo que o asunto da espionaxe do móbil de Sánchez arquivouse pola súa falta de colaboración. É falso foi o estado de Israel quen se negou a colaborar.
-Dixo que o prezo da enerxía cuadriplica ao da Unión. É falso está na media.
-Dixo que Podemos non asinou o pacto contra a violencia de xénero. É falso foi Vox quen non o fixo.
-Dixo que non pactará con Bildu. Non sei se o fará ou non fará pero o certo é que xa o fixo en Euskadi.
E agora para quen estea interesado en tomar unha decisión, o vindeiro 23 de Xullo ,en función da realidade dos feitos e non da propaganda, as falacias ou as pulsións emocionais, vexamos os resultados da xestión de Feijoo como presidente da Xunta de Galicia:
-No seu mandato Galicia perde todas as entidades financeiras propias : Banco Pastor, Caixa Galicia, Caixa Vigo, Banco Gallego.
-No seu mandato Pescanova pasa a mans foráneas
-No seu mandato R pasa a mans foráneas
-No seu mandato pecha Endesa en As Pontes
-No seu mandato pecha Naturgy en Cerceda
-No seu mandato pecha Alcoa en Coruña
-No seu mandato o outrora potentísimo sector naval vigués resulta golpeado dunha maneira impensable. Vigo chegou a ter os dous estaleiros privados máis importantes do estado e agora: Vulcano, pechado, e Barreras enormemente minorizado.
-No seu mandato, en plena eclosión eólica, pechan Vestas e Gamesa, dúas empresas do sector que no seu momento foron moi importantes.
-No seu goberno non se logrou nin unha soa transferencia a Galicia das que están sinaladas no noso estatuto de autonomía. Si, non é ningunha broma, nin unha soa, nin a primeira.
-No seu mandato propiciouse o monocultivo de eucaliptos.
-A política contra incendios é desastrosa. Moito gasto en apagalos e moi pouco en previlos.
– A sanidade pública empeorou substancialmente
-O decreto do plurilingüismo leva a que o idioma galego deixe de ser por primeira vez na historia o máis falado en Galicia e que as porcentaxes de uso nas xeracións máis nova sexan aterradoras e ameacen a súa continuidade como lingua viva.
…………………..E así poderiamos seguir
E agora quen queira facer presidente a un mentireiro e pésimo xestor que o vote. E quen teña ollos para ver e orellas para oír que actúe en consecuencia.