Independentismo galego, fin de ciclo e perspectivas

Artigo de opinión A Nova Peneira
Tamuxe

Tomado na súa triple dimensión de loita histórica, estado de opinión actualmente inorgánico e perspectiva que aspira a construír un Estado, o independentismo galego segue prisioneiro esta edición do día da patria do desnorte táctico-estratéxico, a atomización, a residualidade e a desmoralización que nos últimos tempos ensumiron a súa potencialidade.

Diversos factores determinan tal escenario. Simplificando moito, citaremos catro: o fracaso das tentativas de articulación política ensaiadas nos últimos 25-35 anos co seu impacto sobre a determinación militante; a inestabilidade producida nesta década coa disolución ou marxinalización do tecido organizativo debido a diversas causas entre as que destaca a represión; a validación de posicións antiorganización, antipolítica, ácratas e posmodernas e, por último, a degradación do factor subxectivo como síntoma destas dinámicas de fondo.

A fase que vai da disolución da APU en 1995, ou desde a unidade de acción de 1999 entre AMI, FPG e PL á disolución de Causa Galiza en 2023 deixa atrás, con erros e acertos, varias tentativas de enraizar socialmente o nacionalismo rupturista e un xeneroso esforzo militante que evidencia a dificultade da tarefa. Este balance levou a moitas persoas a acreditaren que neste tempo histórico só é viable un proxecto “posibilista” rumado á elevación do teito competencial e do que o independentismo sería parte como factor supeditado.

O reto para quen sostemos a tese alternativa -a necesidade da plena autonomía ideolóxica, política e organizativa independentista- é demostrar con feitos a viabilidade desta. Sin intención de resolver neste artigo cuestión tan complexa, daremos sete trazos sobre elementos que parecen necesarios nesta perspectiva:

1º É clave identificar a centralidade estratéxica da resolución da cuestión nacional xa non só para superar a dependencia e ter a posibilidade dunha mellora sustancial das condicións de vida, senón incluso para implementar no futuro modelos socioeconómicos poscapitalistas. Tal centralidade non implica facer da soberanía un “monotema”, como en ocasións se caricaturiza maliciosamente, senón desvelar que a multiplicidade de loitas que desenvolve o pobo galego teñen a soberanía política como fío conductor e condición da súa realización plena.

2ª Someter a crítica e superar as posicións explícita ou veladamente antiorganización e antipolítica que inzaron no independentismo como reacción errónea aos fracasos citados. Coñocer e recuperar o emprego do método marxista como ferramenta útil para descifrar a complexa realidade nacional e internacional e orientar a acción.

3º Cuidar o factor subxectivo é esencial en calquera proceso de construción colectiva. Máis aínda nun contexto caracterizado pola cronificación dos conflitos e as ruturas.

4º A futura lexitimidade constituínte por configurar emanará do acerto na elección, definición e execución das tarefas imprescindibles. Non de autoproclamacións vanguardistas, nin da hexaltación acrítica do pasado como refuxio ou compensación ideal das frustracións do presente.

5º Nin simple xestión da institucionalidade, nin creación de guetos de confort grupal que viraron en finalidade en si mesmos: o proceso de liberación nacional esixe unha diversificada rede capilar de autoorganización que actúe a diario como poder popular frente ós poderes fácticos estatais e o control de pancas institucionais subordinadas á estratexia global.

6º Nun contexto de minorización social e política das posicións soberanistas, a aposta por unha estratexia diferenciada da do nacionalismo hexemónico debería buscar desde a futura fortaleza política e organizativa dinámicas comúns en clave nacional-popular nos planos posibles que minimizasen a estéril hostilidade mutua e descubrisen e agudizasen as contradiccións que percorren o corpo social nacionalista.

7º e último: a continuidade en prisión de independentistas condenados a duras penas como produto do ciclo esgotado é incomprensible e inaceptable política e humanamente. Reclama iniciativas que exploren o non cumprimento íntegro das condenas e articulen masa social sobre esta reivindicación democrática.