Carme da Silva, candidata do BNG ao congreso pola provincia de Pontevedra

Carme da Silva, candidata do BNG ao congreso pola provincia de Pontevedra.

Para que Galicia exista dentro da axenda estatal ten que estar o BNG”

Nestas Xerais 2023, Carme da Silva é candidata do BNG ao Congreso pola provincia de Pontevedra por terceira vez, despois de quedar ás portas en abril e novembro de 2019. Esta veterana política nacionalista busca representar a Galicia en Madrid tras unha longa experiencia en xestión municipal xunto ao alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, e responsabilidades dentro da Executiva Nacional do BNG, xunto á portavoz Ana Pontón. Nos primeiros meses deste ano asumiu con éxito a coordinación da campaña das eleccións municipais do 28 de maio, onde o BNG consolidouse como forza política en ascenso, gañando alcaldías tan simbólicas como as de Santiago de Compostela.

Esta é a terceira vez que lidera unha candidatura do BNG ao Congreso pola provincia de Pontevedra. Que sensacións ten neste novo contexto político?

A verdade é que as sensacións son moi boas. O BNG é a única forza política á alza en Galicia, a que máis subiu nas municipais. Estamos situadas como alternativa ao Partido Popular no Goberno galego. Esa onda de ilusión que hai cara ao BNG estase percibindo perfectamente nesta campaña.

Entre o electorado progresista galego parece que está calando a percepción de que o BNG é un voto útil para frear á dereita. Históricas figuras políticas como Xosé Manuel Beiras ou Martiño Noriega, que hai non tanto tempo rivalizaron co BNG, están pedindo o voto nacionalista nestas Xerais. Que valoración fai?

O BNG ten as portas abertas para todas as persoas que se queiran unir nesta candidatura de país. Presentamos unhas candidaturas que representan a pluralidade e a diversidade da sociedade galega, queremos que calquera persoa que ame este país poida sentirse identificada. Para ter voz, necesitamos que o BNG estea no Congreso. E nós, cun grupo galego en Madrid, seremos esa voz. É de agradecer que persoas que teñen unha ampla traxectoria política vexan neste momento no BNG a candidatura de país que Galicia precisa.

De cara ás eleccións galegas, pensa que este achegamento cara a un proxecto político compartido pode beneficiar á candidatura de Ana Pontón?

Nas eleccións galegas, o BNG está posicionado como a alternativa posible ao PP. Imos a por todas. Notamos esa onda de simpatía. Ana Pontón é a persoa que representa ese liderado, esa necesidade de impulso no país, de que haxa unha política transformadora que realmente vexa polos intereses e as necesidades da sociedade galega. Estamos convencidas de que cando sexan as eleccións galegas haberá un cambio no Goberno galego, e que teremos de presidenta a Ana Pontón. Hai cada vez sectores máis amplos da sociedade galega que se unen a esta onda de cambio que é imprescindible no noso país.

Despois das municipais non se fala doutra cousa que dos pactos entre PP e Vox en gobernos locais e autonómicos. Como se posiciona o BNG neste contexto político?

Hai unha onda, tanto da dereita como da ultradereita política e económica, para recortar dereitos sociais, dereitos laborais e dereitos nacionais. Pretenden recorte de dereitos tanto a nivel individual como colectivo. O BNG representa precisamente todo o contrario. Somos un proxecto político que defende a necesidade de avanzar en dereitos sociais, dereitos laborais e dereitos nacionais. Preténdese negar ás mulleres, negar a violencia de xénero, negar a lingua, negar a cultura. Temos a seguridade de que cun grupo galego forte en Madrid avanzaremos en dereitos sociais, dereitos laborais e dereitos nacionais para Galicia.

Desde a perspectiva galega, cales son os desafíos actuais na política estatal?

Para o BNG, na política estatal, o fundamental é darlle voz a Galicia. Cando non temos a capacidade de incidencia, de decisión, a sociedade galega queda marxinada. O centralismo das forzas políticas con obediencia madrileña nunca teñen a Galicia na súa axenda. Para que Galicia exista dentro da axenda estatal ten que estar o BNG. Se o BNG non está, Galicia non está. É unha evidencia. Cando o BNG non ten representación no Congreso, Galicia non está. Agora que temos un só deputado conseguimos que entren na axenda estatal as necesidades da sociedade galega. Cun grupo galego forte, con capacidade de decisión nun escenario sen maiorías absolutas, teremos a capacidade de incidir e de decidir en beneficio da sociedade galega. Temos un país diferente, cunhas necesidades distintas, cunha situación demográfica diferente. Temos o maior litoral de todo o territorio estatal. Necesitamos recuperar as nosas rías. Necesitamos impulsar a nosa industria, a nosa economía, desde unha perspectiva galega. Que Galicia sexa o quilómetro cero das decisións políticas que afectan a Galicia. Para iso necesitamos ter capacidade de decisión cun grupo galego forte.

Cales son as prioridades na axenda dos futuros deputados e deputadas do BNG no Congreso?

Desde Pontevedra, e como deputada por esta circunscrición, hai cuestións que son necesarias e urxentes, que están pendentes de resolver desde hai moitos anos. Por exemplo, a recuperación e rexeneración das rías e do litoral ou rematar coa estafa da AP-9, que os galegos a pagamos moitísimas veces. Conseguir que a AP-9 sexa galega e sen peaxes é unha prioridade fundamental. Outras cuestións serían darlle resposta desde Galicia ás necesidades da emerxencia climática e acabar co espolio enerxético que pretende converternos nunha colonia enerxética de Madrid. Producimos enerxía, e iso ten que repercutir en beneficio da sociedade galega. Pagamos os custos sociais e ambientais, así que a tarifa eléctrica galega é absolutamente necesaria para o desenvolvemento da nosa economía. É de xustiza. Nós producimos a enerxía, así que temos que beneficiarnos desa produción de enerxía. Madrid produce cero megawatts eólicos.

Que significaría ter grupo propio no Congreso, como teñen ERC ou EH Bildu?

Sempre vemos desde Galicia que ben o fan os vascos e os cataláns, que negocian cousas para beneficiar os seus países. Non é que sexan nin máis listas, nin mellores que as galegas e os galegos. Poden facelo porque teñen grupos propios e fortes no Congreso que miran polos intereses dos seus países. Pois iso é o que nós queremos. Non buscamos tratos de favor nin privilexios, senón simplemente un trato xusto cara ao noso país. Da man do BNG, un grupo galego forte en Madrid vai conseguir que Galicia estea na axenda, que os intereses galegos estean sempre por enriba. Non nos debemos ás necesidades do quilómetro cero madrileño.

No caso de que os números dean para revalidar unha coalición de goberno progresista, o BNG apoiará a Pedro Sánchez?

O BNG nunca, nin por acción ou por omisión, permitiu que goberne a dereita en ningunha das institucións nas que está presente. E moito menos esta dereita máis ultra que vemos agora no Estado, co PP e as súas escisións. O BNG vai ser garantía para que Galicia estea presente e teña capacidade de decisión. Os votos do BNG nunca servirán para que haxa un goberno de dereita.

Mesmo en forzas municipalistas que se declaran progresistas e galeguistas escóitanse críticas á política nacionalista que practica o BNG no Congreso, votando en contra de orzamentos estatais e debilitando nalgúns momentos a maioría de esquerdas. Como responde ante esas críticas?

O posicionamento do BNG no Congreso sempre foi defender cuestións que non supuxesen retrocesos nin nos dereitos sociais nin laborais colectivos, e que non supuxesen problemas para Galicia. O posicionamento sobre os orzamentos do Estado sempre ten que ver coa repercusión que eses orzamentos van ter en Galicia. Se son beneficiosos para Galicia e tratan o territorio de maneira ecuánime, sempre terán o apoio do BNG. Cando non tiveron este apoio foi porque había unha discriminación cara a Galicia. Sempre teremos a man tendida para negociar en beneficio dos intereses do noso país e en beneficio das maiorías sociais galegas. Así o fixemos durante toda esta lexislatura. A postura do BNG sempre estivo en liña con estes principios. Houbo quen preferiu negociar a reforma laboral coa patronal, e non co BNG.

Refíreste a Yolanda Díaz, entendo?

Refírome ao Goberno no seu conxunto. Houbo aspectos onde nós nos posicionamos a favor, cando as medidas eran beneficiosas para o conxunto da sociedade galega. Noutros aspectos abstivémonos porque entendiamos que malia ser positivos non se avanzara o suficiente por terse pactado dese xeito. Posicionámonos en contra daquelas que prexudicaban as maiorías sociais galegas ou a Galicia no seu conxunto porque a discriminaban con respecto a outros territorios. Non é que reclamemos un privilexio para Galicia, reclamamos un trato xusto.

É posible que neste último treito da campaña Sumar volva gañar protagonismo mediático. Preocupa esta situación no BNG?

Hai cada vez máis galegas e galegos que apoian ao BNG desde a cabeza e desde o corazón porque queren que haxa un cambio profundo en Galicia. A todas esas persoas é a quen se dirixe o BNG. Temos clarísimo que imos ser a forza política que realmente sexa capaz de construír ese grupo galego necesario para que Galicia teña voz. A nosa prioridade política está centrada en Galicia. O noso obxectivo é darlle unha voz potente con capacidade de decisión a Galicia no Congreso e niso centramos todos os nosos esforzos. Dirixímonos a todas esas galegas e galegos que queren este país e entenden que non pode seguir discriminado.

Que supón para vostede pasar da política municipal en Pontevedra á política estatal? Que plan ten en caso de non obter acta de deputada no Congreso?

Tanto no político como no persoal sempre vou partido a partido. Neste momento teño moitísima ilusión por esta campaña, por formar parte das candidaturas do BNG, por poder formar parte dese grupo galego no Congreso, de levar a voz e a capacidade de decisión de Galicia ao Congreso. É un reto emocionante e ilusionante. Todos os meus esforzos persoais están concentrados en que o 23 de xullo Galicia teña ese grupo que precisa para ter voz e para que a axenda galega estea presente no Congreso. Ese é o reto que temos como organización política neste momento, e o meu reto persoal. Estando na política municipal, onde tes moito contacto coa xente, percíbese esas gañas que hai na sociedade de que o BNG siga medrando, sen poñernos límites, e consiga os obxectivos que como sociedade temos, que non son outros que ter voz alí onde se toman decisións que nos afectan. Cando deciden outros por nós déixannos regalos como Ence na ría. Neste sentido digo que esta é unha loita que continuará ata ver a ría libre de Ence.

Para finalizar, quería preguntarlle polos resultados das municipais. Vostede foi a coordinadora nacional desa campaña. Na provincia de Pontevedra perdéronse alcaldías importantes como Ponteareas ou As Neves, con candidaturas que chegaban avaladas por anos de xestión municipal. Como se explica?

Nas municipais fomos a forza política que máis medrou en Galicia, tamén en número de concelleiros e concelleiras. Temos a alcaldía de Pontevedra, e conseguir a alcaldía da capital do país ten un gran simbolismo, significa que hai ventos de cambios moi profundos e transformadores na sociedade galega. Gañamos máis alcaldías, tamén na provincia de Pontevedra, e perdemos algunhas. Cando hai procesos electorais, loxicamente hai alcaldías que se poden perder, ben polo desgaste ou porque non soubemos trasladar á sociedade o que se estaba facendo. Valoramos positivamente os resultados na provincia de Pontevedra. Medramos e temos novas alcaldías, como poden ser as de Soutomaior ou a de Mondariz Balneario. Os resultados das municipais foron satisfactorias e superamos os obxectivos que tiñamos marcados. Demostra que o BNG é a única forza política que está á alza en Galicia, a que está en condicións de liderar un cambio despois das eleccións galegas.