A principios deste mes de maio o presidente de Iberdrola, Ignacio Sánchez Galán, cualificaba de parvos a un segmento dos consumidores españois. En concreto a aqueles que manteñen a tarifa eléctrica regulada que seica son millóns de persoas.
A electricidade é un ben básico sen o que é imposible vivir nuns mínimos parámetros de normalidade. Porén nos últimos tempos a suba do prezo da factura da luz alcanza uns niveis que exceden calquera límite da decencia. Recibos estratosféricos que superan en moitas ocasións os 150 ou 200€ mensuais para familias que con sorte poden cualificarse como mileuristas, ou incluso máis de 1.000€ para pequenos negocios que ven angustiados como o disparatado prezo da electricidade pon en serio risco o seu modo de vida. Este auténtico atraco ás persoas normais supón que ás compañías eléctricas non lles vaia nada mal. Así por exemplo Iberdrola, a compañía presidida polo listo de Sánchez Galán, segundo informa o xornal El País, tivo no ano 2021 un astronómico beneficio que chegou ata 3.885 millóns de €, un 7,6% máis co ano anterior. Os accionistas da empresa, que preside o listo de Sánchez Galán, han de estar moi contentos pois van percibir este ano 0,44€ por acción con cargo aos beneficios do ano pasado. E xa se marcan o obxectivo para este 2022 de chegar ao número máxico de 4.000 millóns de € beneficio .
Para que se fagan unha idea os beneficios do Iberdrola do ano anterior multiplican por 11 ao orzamento da cidade de Vigo para o ano en curso, e son o 33% do presuposto de todo o país galego.
Si, sen dúbida Ignacio Sánchez Galán é un tío listo, de feito a el non lle vai nada mal neste sistema depredador, sen alma e cruel que é capaz de deixar a centos de nenas e nenos sen electricidade na Cañada Real de Madrid pero que a listos como el fíxolles gañar 13.000.000 de €( segundo nos informa a 6º TV) o ano anterior.
Ignacio é un tipo listo, claro que si, así pois foi un dos 3 executivos do IBEX 35 que máis cobrou subíndose o soldo un 8%. Alén dun tipo listo, seguro que Ignacio é un tipo sensible co sufrimento alleo de feito após de chamar parvos a millóns de españois pedía desculpas nun chío “ …en el caso de que alguien se hubiera sentido ofendido” .O exercicio de sensibilidade que fixo o listo de Ignacio chega ás máis insondables profundidades da alma humana e é para emocionarse, xa que despois de mofarse, en modo” coloquial” iso si , de quen non pode pagar o recibo da luz chega a contemplar a hipótese de que pode darse o caso de que alguén se sentise ofendido.
Segundo os datos do Eurostat de xaneiro do 2020 a pobreza enerxética, definida como a tesitura de ter que escoller entre comer ou quentar o fogar, afecta ao 9,1% da poboación española. É dicir, de cada 100 persoas que a diario nos cruzamos na rúa, no mercado, no ascensor, en calquera momento da vida cotiá ,9 non poden quentar a súa casa e a previsión é que a situación vaia a peor. Pero outros listos como Sánchez Galán gañan máis dun millón de € ao mes a conta de que os recibos da luz cheguen a uns prezos inasumibles.
Analizar este episodio en termos morais non resulta moi complicado pois quen insulta a quen sofre, a quen non pode acceder a un ben básico como a electricidade, está amosando unha actitude miserable. Pero non , non é iso, non creo que só sexa iso. O problema é sistémico. A forma na que estamos organizados fai posible que uns poucos se forren a conta de que moitos non poidan chegar a vivir con dignidade. E iso, o sistema, si que é unha monstruosidade.