A importancia de chamarse Ernesto e o nacionalismo galego

Artigo de opinión A Nova Peneira
Tino Lago director a Nova Peneira
Tino Lago director a Nova Peneira

Oscar Wilde escribiu esta magnífica obra teatral no ano 1895. O autor constrúe unha complexa e histriónica trama de disparate e polisemia na que relata a historia de dous homes que finxen chamarse Ernesto coa intención de poder casar con dúas fermosas mulleres que tiñan a fantasía de poder casar algún día con alguén chamado Ernesto. No desenrolo da trama vemos como van xurdindo distintos problemas e leas, derivados da asunción da irreal personalidade de Ernesto, que os falsos Ernestos terán que ir resolvendo para acadar o seu obxectivo de namorar ás mozas que pretenden. Finalmente todo remata ben e ambos homes descobren a importancia de chamarse Ernesto. En idioma inglés a palabra “Ernest” fai alusión tanto ao nome de pila como á palabra “seriedade”, por outra parte ten analoxía fonética con “Earnest” que significa sensato. Logo a interpretación da intención de Oscar Wilde, nunha das súas obras mestras, non está moi lonxe da defensa da honestidade e da franqueza.

A principios deste mes de decembro puiden gozar de compartir unha caña co meu amigo Moncho de Canido, nun dos escasos momentos de lecer que me permite a vida ultimamente . Este, profesor de galego, contábame que o curso anterior, no seu instituto, situado nunha parroquia de Vigo, só un dos seus alumnos e alumnas falaba galego con regularidade. Este curso, xa nun centro da propia cidade, dun barrio obreiro da nosa cidade, o número de mozos e mozas aos que lle dá clase que falan galego é 0.

Este país morre. Adoro e fago miñas todas as iniciativas individuais e colectivas destinadas a protexer a conciencia de Galicia como un país no mundo, a súa lingua, a súa cultura e a súa identidade de seu. Pero non son suficientes e este país morre. A cadea de transmisión xeracional do idioma galego está rota, e despois de case dous milenios a lingua romance propia do país galego vai desaparecer e con ela, moito me temo, a conciencia colectiva de sermos un pobo con identidade propia. Aínda permanecerá un tempo no subconsciente colectivo, porque de feito é que en realidade somos un pobo de seu, e incluso moitos segmentos de poboación que non son capaces de expresalo no seu eu consciente si o senten no seu subconsciente cando falan por exemplo do viño ou do queixo do país ou cando son asolagados pola emoción ao escoitaren as letras e música do “ que din os rumorosos….”.

Só hai unha esperanza de reverter a situación , unha posibilidade moi pequena de facer posible o que parece imposible e consiste en que o nacionalismo vaia conquistando aos poucos maiores cotas de poder político e teña a posibilidade de executar políticas moi diferentes ás que a dereita caciquil somete a Galicia desde a noite dos tempos. E non abonda con iso, non chega con gañar peso político nos concellos nas vitais eleccións municipais que se celebrarán dentro de seis meses, no estado ou incluso tampouco bastaría con gobernar a Xunta. Cómpre asemade gañarmos corazóns e sumalos á causa do nacionalismo, facer ver a máis galegos e galegas que xestionar nós mesmos os nosos propios intereses é obxectivamente mellor que deixar que os xestionen outros. E facer posible o que parece imposible non se pode lograr sen un instrumento político sólido , limpo e san que non volva a repetir erros históricos pasados nos que o eterno debate entre a ortodoxia e o posibilismo o leven cara a peste do cainismo. Agora o BNG goza dunha moi boa saúde, está en tendencia ascendente e aínda ten un inmenso potencial de crecemento. Agardo que, se é necesario ,nos momentos en que sexa necesario , todas as persoas que nos sentimos nacionalistas galegas sexamos capaces de chamarnos Ernesto.

A cerca de admin 47 Articles
Xornal galego de información xeral Publicación mensual de novas de Galicia e en especial dos Concellos da sur da provincia de Pontevedra.