Que é o que suma Sumar en Galicia?

Yolanda Diaz
Fotografía: web Sumar
Tino Lago director a Nova Peneira
Tino Lago director a Nova Peneira

O pasado 9 de xuño , o último día de prazo , facíase oficial a sinatura do acordo entre Sumar e Podemos que, na mellor tradición fratricida dese espazo con vetos que se fan públicos e agresividade recíproca, posibilitaba que Podemos se incorpore á coalición electoral chamada Sumar. De novo, como tantas veces nos últimos 10 anos, seremos bombardeados con discursos grandilocuentes, non moi lonxanos dos relatos épicos clásicos, sobre a unidade , o novo comenzo, a estreada ilusión multiplicada, a imprescindible barreira fronte o fascismo, a responsabilidade que esixe abdicar dos principios e achegarse ao que será a panacea contra o caos…….E de novo, como nos últimos 10 anos, estamos ante a nada, a nada máis absoluta. Pois Sumar, fora do corpo clásico de Izquierda Unida, que si ten militantes e si está, pouco pero está, na vida real, non é máis que un exercicio de virtualidade.

Cinguíndonos á situación política do noso país cómpre facermos a pregunta que titula este artigo se queremos poder decidir o próximo 23 de Xullo en base á realidade dos feitos, e non da propaganda: Que é o que suma Sumar en Galicia?. Onde está sumar na vida real?, En que colectivos culturais, ecoloxistas, veciñais, de defensa da lingua…..podemos atopar a Sumar?. A resposta é ben sinxela: Sumar en Galicia non suma nada , porque non existe. Sumar é o mesmo que foi AGE no seu día, aquela coalición electoral, que tamén se asinou no último momento, para as eleccións do 2012, non por ningún tipo de discrepancia programática entre os asinantes ( Encontro Irmandiño -FOGA- FPG e Esquerda Unida) senón pola pelexa polos postos de saída nas listas. Yolanda Díaz, unha Yolanda que no 2012 non a coñecía ninguén, pelexou ata o último momento polo número 1 da Coruña, por ir ela por riba de Beiras. AGE non estaba na realidade social, e cando perde a representación institucional desaparece. Sumar é o mesmo que En Marea, instrumento político que viviu desde o berce ata o cadaleito unha cruel loita fratricida permanente. En Marea non estaba na realidade social e cando perde a representación institucional desaparece. E por último Sumar é o mesmo que Podemos, un puro instrumento virtual, moi meritorio por certo pois non estivo lonxe de pór en serios problemas ao bipartidismo clásico, que carece de implantación social no noso país, de representación institucional e sobre todo de vontade política de estar nos problemas do día a día, de facer política os 365 días do ano. Podemos non está na realidade social e cando perde a representación institucional desaparece. Sumar en Galicia non suma nada porque non ten outro obxecto que ofrecer unha saída a quen está en política para gañarse a vida con ela e que vai desaparecer ipso facto no momento en que se lle acabe o choio. Onde están por exemplo ex deputados e deputadas dese espazo como Marcos Cal, Luca Chao, Paula Quinteiro….Ex Concelleiros como o concelleiro e a concelleira que acompañaron a Rubén Pérez no primeiro mandato da Marea de Vigo?.

Que achega Sumar en Galicia?..Suxeitos como os responsables de Podemos Salvaterra cuxos 104 votos posibilitan que o PP siga conservando a alcaldía da vila , e que unha vez rematados os comicios municipais desaparecen?..Suxeitos como os de Podemos Mos cuxos 126 votos facilitan que o PP suba un concelleiro máis e que unha vez rematado o proceso electoral desaparecen?.

Sumar en Galicia non suma nada porque nada é. En Galicia quen suma é quen fai política os 365 días do ano, quen está cando lle vai ben e cando lle vai mal tamén. En Galicia Sumar só pode producir un efecto:Restar.