

A Asociación pola Memoria Militar Democrática saúda con satisfacción e celebra a sentenza da Sala do Militar do Tribunal Supremo que anula a resolución do compromiso (expulsión) do noso compañeiro, o Cabo do Exército de Terra D. Marco Antonio Santos Soto. Esta sentenza culmina o proceso xudicial que iniciasen mandos que non conciben unhas forzas armadas definitivamente afastadas das orixes fascistas de quen se rebelou contra a orde constitucional lexitimamente constituída da Segunda República, e que instrumentalizaron aos exércitos como columna vertebral do réxime do ditador Franco. O poder xudicial establece definitivamente a preeminencia da liberdade de expresión como un dereito fundamental de todos os cidadáns, tamén dos militares, coas únicas limitacións, establecidas nas leis, daquelas manifestacións que puidesen afectar gravemente á disciplina e a cohesión interna das Forzas Armadas. As expresións de condena ao militar que coa súa sublevación rompeu en dúas partes ao exército español, provocou unha sanguenta guerra e un xenocidio contra o seu propio pobo, non poden considerarse de ningún xeito nesta categoría. E esta era, en definitiva, a motivación dos seus mandos para iniciar unha verdadeira persecución do Cabo Santos que concluiría coa súa expulsión do Exército, aprobada pola Ministra Margarita Robles. Toca agora á administración militar adoptar as medidas disciplinarias ou xudiciais precisas contra os militares que perpetraron este abuso, apartarlles do exercicio do mando e establecer cantas medidas sexan necesarias para que quede claro, na mentalidade dos profesionais das Forzas Armadas, que desacreditar o xeneral Franco como modelo de virtudes militares non só non é ilícito, senón que se debe considerarse como timbre de orgullo para os verdadeiros militares ao servizo do seu pobo. Que é precisamente a actitude contraria, a exaltación da súa figura, o que resulta corrosivo para a disciplina e a cohesión das Forzas Armadas e, en consecuencia, debese ser reprimido con toda contundencia. A dimisión da Ministra Robles, pertinaz no seu discurso dunhas Forzas Armadas democráticas e sen restos franquistas e que avalase coa súa firma a expulsión do Cabo Santos, sería unha medida inapelable por hixiene democrática, aínda que se atope xa en funcións.
Asociación pola Memoria Militar Democrática