A Loita das mulleres do SAF

A Loita das mulleres do SAF

Na últimas semanas en distintos concellos da nosa área de influencia podemos apreciar concentracións de protesta de traballadoras do SAF, convocadas pola CIG a unha folga indefinida que comezou o pasado 2 de novembro. O motivo da protesta está nun pre acordo de convenio asinado por UGT e CCOO, este é o sindicato maioritario no sector, realmente asombroso pois pon negro sobre branco a aceptación da dupla escala salarial xa que as traballadoras de empresas que obteñan novas licitacións dos concellos veríanse beneficiadas por unha suba dun 3% mentres que as que traballen en empresas con licitacións xa consolidadas só verían incrementadas as súas nóminas nun ridículo 1%. É probable que cando este traballo vexa a luz esta folga xa estea desconvocada ou reducida á mínima expresión, por desgraza coido que non porque a patronal do sector atenda ás xustas razóns das mulleres que protesten senón porque o paro indefinido dun sector tan precarizado como este é practicamente imposible de manter durante moito tempo sen causar graves problemas ás propias traballadoras e por extensión aos usuarios e usuarias deste servizo que debera ser esencial en calquera sociedade artellada en funcións duns parámetros minimamente éticos. Pero o que nunca se pode desconvocar é a protesta contra a inxustiza nin a loita contra os abusos. E estas traballadoras que erguen a súa voz de protesta con dignidade teñen todo o noso apoio e solidariedade. Nós conversamos con Remedios e Nuria, dúas traballadoras do SAF de Pazos de Borbén e con Mercedes Domínguez responsable da área da muller da unión local da CIG no Porriño.

Remedios Fragueiro e Nuria Rivas, traballadoras do SAF do Concello de Pazos de Borbén.

O concello de Pazos de Borbén non se interesa polos nosos problemas. Ignóranos totalmente”

Canto tempo levades traballando no SAF de Pazos de Borbén?

14 e 7anos respectivamente.

En que consiste o voso traballo?

Encargámonos dos coidados que necesitan os nosos maiores do no noso municipio no seu domicilio.

Sodes empregadas municipais ou dalgunha empresa externa ao concello?

Traballamos para unha empresa privada que é a que ten a concesión do SAF neste concello.

Como se chama a empresa?

Idades.

Nestes anos que levades traballando neste servizo fóronse deteriorando as condicións de traballo?

Desde que colleu Idades a concesión, a verdade é que melloraron un pouquiño as nosas condicións, antes estabamos peor cunhas condicións nefastas.

Nefastas por que?

Non nos pagaban nin o salario mínimo.

E cal é o motivo de que agora estades en folga?

Estamos a negociar o Convenio a nivel estatal, CCOO e UXT anunciaron un pre acordo co que non estamos conformes.

Neste acordo queren poñer dúas táboas salariais. Nas empresas que xa teñen unha concesión, queren subir o prezo da hora traballada un 1% e nas empresas de nova licitación queren subir un 3,15%. Isto supón que, nas empresas como a nosa, que xa teñan a licitación, vailles subir de maneira inferior o salario que ás novas empresas. Reclamamos que a subida sexa igual para todas e estea equiparada.

Cal é a relación do concello de Pazos convosco? que tal se porta?

No concello non se interesan polos nosos problemas, ignórannos completamente. Non nos sentimos apoiadas.

O alcalde de Pazos, faivos algún caso ás traballadoras do SAF que estades en folga indefinida?

Non, a día de hoxe non temos ningún achegamento pola súa banda.

Nun concello como este que ten moita da súa poboación envellecida, sodes unhas traballadoras esenciais. Cales son os maiores problemas que vos atopades no voso traballo?

Ás veces non temos os medios suficientes. Moitos dos usuarios e usuarias do noso servizo non teñen guindastres para poder levantarse en casa e isto supón un esforzo e un desgaste físico tremendo. Nalgunha ocasión podemos contar co apoio das familias, pero hai moita xente maior que vive soa. Por isto temos lesións e enfermidades que non son consideradas como enfermidade profesional, as mutuas non nos fan nin caso.

Tamén nos temos que desprazar co noso propio coche e sufragar os gastos que isto carrexa. Ata o de agora págannos 19 céntimos por quilómetro, esta cantidade é totalmente insuficiente.

Reclamamos unha homoxeneización salarial, cobrar de maneira digna en función dun traballo tan importante como o noso, que nos doten cos medios suficientes para poder desenvolver o noso traballo dunha maneira adecuada e o abono adecuado dos gastos derivados do transporte.

Cada canto tempo estádevos a concentrar?

Estamos en folga indefinida e concentrámonos todos os días a partir das 11 da mañá ata as 12:30 – 13:00 H.

E sentídesvos apoiadas pola veciñanza de Pazos?

A maioría de veciños non saben o que está a pasar porque non son afectados, as familias que coñecen o noso problema si que nos apoian maioritariamente.

Mercedes Domínguez. Responsable da área da muller da unión local da CIG no Porriño

A CIG aposta por este sector e por potenciar o conflito ata lograr unha solución xusta”

Cal é o motivo polo que a CIG convoca unha folga xeral indefinida no SAF?

A resposta a un pre acordo asinado por UGT ,CCOO e a Patronal que anula a revisión anual automática do IPC que tiñamos antes a cambio dunha dupla escala salarial dun 1% para aqueles concellos nos que non haxa novas licitacións, e dun 3,15% para aqueles concellos que si teñan novas licitacións. Isto, si se executa sería para os vindeiros catro anos

Se isto se executara consagraría unha discriminación salarial de máis de 2 puntos entre persoas que realizan idéntico traballo?

Si, efectivamente sería así. O pre acordo foi asinado hai arredor de 3 semanas( este traballo redactouse o 11 de outubro) que nós saibamos aínda non asinaron o convenio. E tampouco temos novas sobre se o Consello Galego de Relacións Laborais ten previsto continuar coas negociacións.

Que seguimento está a ter a folga?

Desigual, dependendo da representación sindical que teña o SAF en cada concello, pero si quixera salientar que hai concellos con representación de CCOO e UGT que si están seguindo a folga. E hai concellos nos que se está a seguir ao 100% como por exemplo no de Covelo ou os de Salceda e Ponteareas que superaron o 80% de seguimento

Supoño que un traballo como este implicará que na folga haxa un servizos mínimos importantes o que non quita que a atención en certa medida se deteriore. Como o están levando os usuarios e usuarias do servizo?

Pois aféctalles claro que si. Sabemos de usuarios que poden levar 10 días sen que se lles faga a limpeza na súa casa.

Imaxino que nun sector tan precario como este non resultará nada fácil manter unha folga indefinida de longa duración?

É así, si. As traballadoras que non estean afiliadas probablemente teñan problemas para continuar en folga.

A posición da CIG cal é?

Potenciar o conflito, apostar por este sector e non abandonar a folga ata acadarmos unha solución xusta.

En calquera caso este conflito ao atinxir a tantos actores parece ter unha solución moi complicada non?

Moi complicada, si, pero tamén moi necesaria. E a CIG nin mira para outro lado ante as situacións complicadas nin deixa de lado ás persoas que as padecen.