Virginia Rincón nova presidenta do Club Deportivo Choco de Redondela e Rosana González, nova tesoureira

Virginia Rincón nova presidenta do Club Deportivo Choco de Redondela e Rosana González, nova tesoureira
Marcos Santos.

Virginia é unha madrileña redondelá que ven de ser escollida nova presidenta do Choco. E nós non podemos deixar de amosar a nosa alegría por este feito, e por todos aqueles que contribúan a facer normal que a muller acceda aos postos de responsabilidade que a estrutura patriarcal da humanidade tiña reservados aos homes. Falamos con ela e con Rosana, a nova tesoureira.

Queremos que a xente volva gozar co xogo do Choco no campo”

Presidenta: queremos coñecerte un pouco máis?

Virginia: Eu son madrileña do barrio de Vallecas e levo vivindo en Redondela 12 anos. Tento falar galego e gústame facelo. A miña familia paterna é galega, de Pazos de Borbén, cando quedei viúva cos meus fillos pequenos, decidín deixar a gran cidade e virme a vivir a Redondela. Decisión moi acertada, que non cambiamos, nin os meus fillos nin eu.

Son unha persoa apaixonada por todos os deportes, pero moito máis polo fútbol. Por iso tomei a decisión de propoñerme dirixir este proxecto.

Creo que tes o corazón dividido entón. Tes a unha filla xogando no SAR balonmán e outro fillo co Choco, non?

Si. Non coñecía o balonmán ata que cheguei aquí a Redondela e faláronme del. Tanto homes, mulleres, grandes e pequenos xógano. Coñeceuno a miña filla e aos 15 anos aí segue, unha apaixonada do balonmán e eu tamén. O meu fillo empezou de pequeno no Casa Paco de fútbol sala e tamén no Choco. E a día de hoxe segue xogando ao fútbol no Choco.

Rosana ti es de Redondela de sempre, non?

Si. O meu pai xa foi directivo do Choco. Eu lembro a miña infancia neste campo de fútbol e téñoo no corazón desde sempre. Son unha apaixonada do fútbol. Ao pai do meu fillo coñecino aquí, neste equipo, era xogador e o meu fillo agora é xogador tamén.

Como xorde a idea de facer esta candidatura?

Isto foi unha decisión tomada nunha fin de semana. Decatámonos de que se postulaba unha candidatura na que á maioría dos e das integrantes non os coñeciamos, non son de Redondela. O máis chocante era que a persoa que ía de número un é traballadora do equipo, con soldo pago polo equipo. Decidimos facer unha impugnación porque isto ía en contra dos estatutos do Choco, e consideramos dar á afección outra alternativa e presentar a nosa candidatura.

Entón, esa Asemblea foi tensa?

Si. Había discrepancias entre esa candidatura e os socios e socias que non estabamos de acordo. Ao final botouse abaixo por defecto de forma . A outra opción que puxemos na mesa foi que esa persoa traballadora renunciase ao seu emprego e soldo para poder postularse como presidenta do equipo.

As redes sociais son necesarias neste equipo?

As redes sociais son necesarias e importantes, tamén é verdade que calquera socio ou socia pode manexarse neste aspecto e subir unha foto ou publicar contido nas redes sociais do equipo. Desde aquí animamos a que se volvan encher as bancadas dos nosos equipos, que isto nos últimos anos está en decadencia e hai moitos ocos baleiros nelas.

Queremos que o Choco volva ser de Redondela, que a xente volva gozar do Choco Redondela e goce co xogo no campo.

Á parte da vosa candidatura houbo outra máis que se postulaba como favorita nas redes sociais 48 horas antes das votacións. Que fixestes para reverter esta situación, pois o resultado final foi 181-44.

O que fixemos foi subir a nosa candidatura nas nosas redes sociais persoais, e isto fixo que chegase a moita xente de Redondela que nos deu o seu apoio.

A vosa candidatura foi récord en votos, verdade?

E é a primeira vez que hai tanta asistencia en asemblea. Temos que dar as grazas polo apoio recibido tanto en votos como nas redes sociais.

Agora imos falar da mala noticia do descenso do primeiro equipo a Preferente. Que tedes pensado facer para que cambie esta situación?

Estamos a esperar o traspaso de poderes da anterior directiva para poder poñernos a traballar cos orzamentos. O que si fixemos foi trasladarlle ao persoal tranquilidade, que saiban que hai estabilidade. Temos conversacións con algún adestrador para poder traelo e estamos a traballar niso.

Ides dar prioridade á canteira?

Esa é a nosa idea, que a base do equipo sexa de Redondela, recuperar tamén a algún xogador que xa non está no equipo.

Si temos a boa noticia de que o Xuvenil B foi campión de Liga, pero por algunhas malas decisións arbitrais non chegou a xogar a fase de ascenso.

É unha pena e moi inxusto que un equipo que gañe a liga non estea premiado co ascenso directo. Isto é un erro que creo que debería de corrixir a Federación para próximas tempadas.

Vai facer algo na Directiva do Choco coa Federación para que isto sexa posible?

Si, xa o trasladamos á Federación e están de acordo con estudalo.

Outra boa noticia é que temos ao Xuvenil A en División de Honra e cun broche final apoteósico cun resultado 11-0, non?

Si, a base deste equipo é de aquí, de Redondela, do Choco de sempre e amigos de colexio e Instituto. É un orgullo ter unha canteira así de potente e isto é o que queremos potenciar desde esta directiva.

Todos os adestradores de base desde Benxamín ata Xuvenil son moi válidos e isto é darlle un valor engadido á canteira de Choco.

A marxe do primeiro equipo, cantos xogadores pensades que poderedes ter na tempada que vén en categorías inferiores?

Agora estamos en algo máis de 300 licenzas e esperamos ampliar estas cifras a tempada que vén.

Todos os nenos que queiran xogar no Choco teñen as portas abertas e o equipo á súa disposición para poder gozar deste deporte.

Tesoureira. Como están as contas do choco, están saneadas?

Aínda non dispoño desta información porque o traspaso de poderes non está feito, pero a tranquilidade que nos dá Iván é que está todo ben, as contas están saneadas e hai orzamento.

Non o poño en dúbida, creo que Iván e o seu grupo directivo foi o mellor presidente que tivo este equipo ata o de agora, deixaron o listón moi alto e fixeron un labor encomiable.

Como vai ser a relación cos únicos siareiros que tedes, que son os chocoslovacos?

Eu son chocoslovaca. Risas…

Esta é a única Peña recoñecida que ten o equipo e, por suposto imos ter lazos estreitos entre ambos para colaborar por animar ao Choco.

A última pregunta, Choco, en galego?

Choco, en galego.