XXXIX Edición do mundialito de fútbol da Xunqueira en Redondela

XXXIX Edición do mundialito de fútbol da Xunqueira en Redondela

Un ano máis, e xa son case 40, centos de nenos divididos en 55 equipos ateigaron as pistas da Xunqueira para disputaren un torneo de fútbol, que xa é un clásico do universo deportivo de Redondela. Este orgulloso cronista da vida de Redondela non podía faltar á cita, e alí alén de gozar dos partidos conversou con Iván Valles, o concelleiro de deportes da nosa vila.

Iván Valles concelleiro de deportes de Redondela.

Este torneo xa é un clásico do noso pobo”

En nada xa dous meses de concelleiro Iván?

Si, pero asegúroche, Marcos, que, aínda que me encanta a responsabilidade e estou emocionalmente a tope con ela, parece que é moito máis tempo pois hai que dedicarlle un montón de horas .

Pero vexo que, malia o moito esforzo, as gañas non che faltan?

Non oh. Teño gañas dabondo e ilusión a toneladas. Ser concelleiro de deportes de Redondela, un pobo con tanto potencial e ao que tanto quero, é unha inmensa honra para min.

A ocasión que motiva esta conversa, a entrega de trofeos do mundialito de futbtito da Xunqueira ben merece a pena?

E tanto que si. Este campionato xa vai pola súa 39º edición e xa está inserido na psique colectiva de Redondela como un dos acontecementos deportivos máis significativos da nosa vila.

Ti xa viviches o campionato desde diferentes prismas, verdade?

Abofé: xogador, adestrador, árbitro……..Eu tamén son dos que penso que este torneo xa é indisociable do calendario de eventos máis relevantes do deporte redondelán. O mundialito en Redondela xa é unha tradición como o é a danza das espadas.

A filosofía do torneo é premiar a todos ?

Si, este é un trofeo que trata de facer realidade aquel lema tan bonito do deporte de que “ o importante é participar”. Non creo que haxa alguén en Redondela que non coñeza o mundialito e sei que participar é unha experiencia marabillosa para calquera que sinta a Redondela. Sempre se procura premiar a todos malia que desta volta tivemos un pequeno problema cando fixemos o pedido das medallas e quedamos algo xustos.

Cantos rapaces participaron no tempo que durou o torneo?

Sobre 55 equipos e arredor de 600 xogadores. A complexidade que ten organizar o calendario dun evento desta dimensión é enorme.

Agora a importancia do torneo é tal que xa transcende á nosa Vila?

Pois si, agora xa hai rapaces de Vigo, Arcade e doutras localidades da nosa contorna que están interesados en participar e de feito fano. Este é un fenómeno que se estendeu a medida que o uso das redes sociais ía sendo cada vez maior.

Que papel xoga Casa Paco no torneo?

Casa Paco xoga un papel moi importante. Dálle cabida a todos os rapaces que non teñen equipo e leva o traballo de facer os equipos, de buscar as equipaxes e de procurar adestradores. E toda esa labor de loxística non é un traballo nada fácil.

Vaia sorpresa este ano coa aparición do noso veciño e xogador do Celta Miguel Rodríguez?

Si, e todo foi grazas a Nardo, un adestrador de casa Paco que ten confianza con el. Miguel é un rapaz estupendo, é un dos nosos. El mamou a Xunqueira de neno ao igual que centos e centos de rapaces de Redondela. E onte , teño que dicilo porque é verdade, deixou de ir a un concerto moi importante con tal de acompañarnos. Un detalle que o define, e que o honra como ser humano.