
Os nacionalistas de Mos acadaron un resultado mais que óptimo nas pasadas eleccións de maio pois case duplicaron os seus votos, e pasan de 1 a 3 concelleiros. Alberto, un enxeñeiro de Louredo, Sara unha avogada de Pereiras e Gustavo un músico e historiador de Torroso serán os representantes do Bng na nova corporación mosense. Nós falamos con eles
Alberto Barreiro, Sara Samartín e Gustavo Barcia.
“ En Mos a derrota do PP chegará máis pronto que tarde”
Queremos coñecerte un pouco máis Alberto?
Eu son veciño de Louredo, son enxeñeiro técnico e traballo nunha empresa do metal.
Cando se iniciou a túa relación coa política e por que?
Xa me ven de familia. O meu avó foi concelleiro con AP, e o meu pai co PSOE
Caramba, vaia evolución familiar PA-PSOE-BNG. Como sigamos a progresión a saber de quen será concelleira a túa filla
Ha ha ha ha ha ha. É aínda unha nena e a vida dá moitas voltas. En relación á pregunta dicir que de sempre son unha persoa preocupada polo colectivo,estou metido no centro cultural de Louredo,que é o colectivo máis destacado da miña parroquia. E observo con moita preocupación a situación de deterioro que padece o noso concello e o mal goberno que sofre. A visión da realidade que defende o BNG é a que máis se achega á miña, e simpatizo con esa forza política desde hai moito tempo. Xa nas anteriores municipais formei parte das súas listas.
E agora, que é a primeira vez que es cargo institucional, como afrontas esta etapa na túa vida?
Con toneladas de ilusión e todas as gañas de facer moitas cousas en beneficio da veciñanza de Mos.
Tendo en conta a situación aritmética do Concello: 10 PP-7 Oposición. Ti cres que hai motivos para ilusionarse?
Coa situación política do Concello, un PP con 10 actas, non, claro que non. Coa vontade firme e inequívoca do BNG de dar a batalla de maneira permanente en prol dun Mos máis xusto, non teñas a máis mínima dúbida de que si. Coa vontade firme e inequívoca do BNG de que este grupo municipal sexa a semente dunha situación política que no 2027 nos permita disputar e gañar a hexemonía social do noso concello, non teñas a máis mínima dúbida de que si.
Agora tócache a ti , Sara?
Eu son Sara Samartín, son da parroquia de Pereiras e son avogada.
Por que estudaches dereito?
É difícil de dicir. Se cadra un ideal abstracto de xustiza, que xa habitaba en min de nena, levoume ao mundo do dereito en xeral e ao dereito laboral en particular.
Profesionalmente que fas?
Teño despacho aberto, no que levo casos, como che dixen, de dereito laboral e colaboro coa CIG.
Como ves o mundo do traballo no actual contexto?
Está nunha situación moi delicada. A reforma laboral foi claramente insuficiente e non serviu para arranxar as graves inxustizas que padece a clase traballadora.
Cando e por que se iniciou a túa relación coa política?
Eu sempre sentín simpatía polo nacionalismo, xa o meu pai fora nalgunha ocasión nas listas do BNG. Pero, se cadra foi na universidade cando tomei conciencia do difícil que era falar galego en Galicia, e do anómalo que resulta que unha moza ou un mozo non poda empregar o idioma do seu país, en moitos contextos da vida no seu país. Alí decidín pór o meu gran de area para tratar de mudar as cousas.
Ao igual có teu compañeiro vai ser a primeira vez que es cargo institucional. Como o afrontas?
Pois ao igual ca el con infindas doses de ilusión, de gañas de mellorar as cousas e de conquistar máis corazóns de veciños e veciñas para que no 27 o BNG sexa o protagonista do cambio político que tanto necesita o noso concello.
E agora imos preguntarlle a Gustavo,o xefe, a súa valoración do resultado electoral?
A valoración é dupla. Por unha banda no que atinxe ao BNG a lectura é moi satisfactoria, desde logo. Duplicamos o número de votos e triplicamos o número de actas. O noso resultado foi máis que notable. Pero no que se refire a como queda a nova corporación municipal, cunha maioría reforzada do PP, non podemos estar satisfeitos. O PP recibe un premio, lexítimo e lícito, pero que entendemos que non merece. E a nós tócanos traballar moi duro, picar pedra, rozar silveiras, día si e día tamén, para facerllo ver á maior cantidade de veciños e veciñas posible.
Faltou moi pouco para o 4º?
Si, tan só 80 votos
Hai que darlle as grazas a un que agora , presuntamente, vai desaparecer da vida política?
Pois si, ao que dicía que era de Podemos, pero que en realidade era a 2º marca do PP. Sacaron menos votos que votos nulos. Pero con 80 deses votos o BNG tería 4 actas e o PP tería 9 e non 10.O PP ten unha maquinaria poderosísima, non só no concello, senón tamén de caciques e colaboradores. E eu estou moi orgulloso dos meus compañeiras e compañeiros do Bng porque somos os que lle facemos fronte. E así seguirá sendo ata a derrota final do PP, que tardará máis ou menos pero chegará.
Como ides repartir o traballo?
Imos agardar a ver como se artella o goberno e en función diso repartiremos as responsabilidades entre os 3.
Aproveitando que temos unha persoa de Pereiras e outra de Louredo vouvos preguntar a ambos por dous temas concretos que atinxen ás vosas parroquias. Sara como valoras a situación da Parroquia despois de Afouteza?
Ben. A oposición é cada vez maior e a medida que pasa o tempo hai máis veciñas e veciños preocupados polos problemas que pode causar. Especialmente no que se refire ao asunto das traídas.
Xa houbo algún problema de auga verdade?
Si, en verán do ano pasado. Pero non se pode asegurar taxativamente que fose a consecuencia de Afouteza.
E en Louredo, Alberto, cal é o voso criterio sobre as obras do Paseo do Louro?
Estamos en total desacordo de como se está a facer. Eu recordo como os antigos sendeiros naturais ás beiras do río foron transformados no que parecen auténticas autoestradas.
Pouco despois das eleccións a alcaldesa dicía nun medio de comunicación que o resultado das eleccións en Tameiga avalaba o proxecto do Celta. Cres, Gustavo, que é o anuncio de que se vai intensificar a ofensiva contra a Comunidade de Montes?
O PP en Tameiga perdeu as eleccións. E segue sendo a parroquia na que ten menos apoio, e na mesa de Puxeiros é con diferencia a que menos apoio ten de todo o Concello. A alcaldesa ten unha actitude moi pouco democrática. A vitoria electoral non a lexitima para esmagar ás minorías. Eu creo que ela vai ir a por todas, si. Pero estou seguro de que os tribunais van tumbar o proxecto. O BNG mantén unha oposición firme e inequívoca en contra do “pelotazo” e se hai que pórse diante das palas porémonos.
Unha persoa progresista de Mos que entenda a necesidade dun cambio político pode seguir mantendo a esperanza?
Si, sen dúbida si. En Mos a derrota do PP vai chegar máis pronto que tarde.