- Os programas de emprego “O Noso Encontro co Emprego” e “O Porriño Humaniza” formarán mentres traballan a 36 persoas desempregadas
- Levaranse a cabo traballos de albanelería, pintura e carpintería no centro urbano, polígonos residenciais de Torneiros, polígono industrial de A Granxa e no paseo do Louro
O Porriño, 27 de marzo de 2024.- O Concello do Porriño presentou xa os proxectos cos que pretende obter de novo o financiamento da Xunta para a posta en marcha de dous obradoiros de emprego dos que se beneficiarán 36 persoas.
Tal e como explicou o alcalde, Alejandro Lorenzo, poñeranse en marcha do obradoiro dual de emprego “O Porriño Humaniza” e do Programa de emprego para persoas mozas “O Noso Encontro co Emprego”.
“Con estes programas experienciais de emprego e formación queremos mellorar a empregabilidade das persoas desempregadas, mediante a realización de obras ou prestación de servizos de interese xeral e social que lles posibiliten a realización dun traballo efectivo ao tempo que reciben a formación profesional que os cualificará”, explicou o rexedor, “A maiores son unha magnífica oportunidade para levar a cabo actuacións moi importantes para a veciñanza”.
No “O Porriño Humaniza” participarán 20 alumnos/as traballadores/as, maiores de 18 anos, e terá unha duración de 9 meses. “Impartiranse dúas especialidades formativas, a de Albalenería e Urbanización e a de Albalenería e Pintura”, explicou a concelleira de Emprego e Formación, Rosario Costas, “Centraranse no acondicionamento e humanización de varios edificios municipais, quince rúas do centro urbano, polígonos residenciais de Torneiros e avenida principal do polígono industrial de A Granxa”.
O orzamento total do proxecto ascende a 457.000 euros, aportando o Concello 45.000 euros.
No programa de emprego para persoas mozas “O Noso Encontro co Emprego” está dirixido a persoas menores de 30 anos que deberán estar inscritas e ser beneficiarias do sistema nacional de Garantía Xuvenil, e terá unha duración de 12 meses. “Participarán 16 alumnos/as traballadores/as que se formarán en dúas especialidades: Albanelería de Urbanización e Carpintería”, apuntou a edil, “Na primeira especialidade centraranse no acondicionamento dun vial do polígono industrial de A Granxa e a segunda na reparación das pasarelas de madeira do paseo do Louro.
O orzamento total neste caso son 483.653 euros e mantense a aportación municipal.