O pasado xoves 5 de maio celebrouse no Centro Cultural da Comunidade de Montes Veciñal da parroquia de Borreiros en Gondomar unha rolda de prensa na que interviñeron membros da ORGCCMM (organización galega de comunidades de montes) e bombeiros e bombeiras Forestais de 6 meses. Á rolda de prensa asistiron Xan Lois Cabreira Bombeiro Forestal de 6 meses, e Latino Rodríguez Areal por a ORGCCVMMS. Tratou sobre estado dos nosos montes e da non chegada este ano dunha liña de axudas (subvencións). As CCVMMS denuncian que tampouco recibiron axudas da administración autonómica para poder realizar funcións preventivas e as que se fixeron foron cos fondos propios. Os bombeiros e bombeiras denuncian a falta de previsión un ano máis no que non se contou con case mil traballadores para realizar labores preventivas e poder no verán mitigar os efectos do lume, verán que se prevé que sexa adverso e seco. Os bombeiros non teñen que incorporarse ata o 18 de maio.
A consellería do medio Rural ven de prohibir calquera tipo de queima de maneira indefinida desde o primeiro venres deste mes de maio xa que se prevé que este ano vai ser complicado cara os incendios despois dun inverno e dunha primavera anormalmente secos. Por esta razón bombeiros forestais e responsables das comunidades de montes ofrecen o seu punto de vista.
Bombeiros e bombeiras advertiron que “O risco de incendios tan virulentos coma os de hai cinco anos, no 2017, é máximo”, “en todo o inverno perdemos un tempo precioso para executar labores de prevención”, “levamos tres veráns seguidos chuviosos e temos un volume de biomasa bastante alto nos montes”, Xan Lois denuncia que “para que os montes estean limpos é preciso man de obra todo o ano”. Eles están contratados como fixos descontinuos durante seis meses, dos cales só dous son para labores de prevención dependendo das condicións meteorolóxicas de cada tempada. Levan varios anos demandando que os contraten todo o inverno para “poder mitigar calquera vaga de lumes que ninguén desexa” e que para isto non hai ningunha estratexia definida, engaden que “os nosos montes agora xa non se traballan como antes, que só teñen monocultivo de pino e eucalipto e isto é un problema engadido” e fai un chamamento á administración galega a ser seria e responsable, a tomar cartas no asunto e aconsella que tomen como exemplo as comunidades de montes engadindo que “son un exemplo de como ano tras ano, co seu traballo poden mitigar a vaga de lumes”. Denuncia e recrimina tamén que “poderíase actuar nos terreos invadidos pola maleza pero a Xunta prefire manter unha actitude impositiva cos particulares e multalos, aínda que se dean casos de persoas maiores que non poden afrontar os gastos de rozar os seus terreos próximos as zonas de vivendas”.
Pola súa banda,Latino, en representación das asociación comunais asegurou que “as axudas autonómicas ás comunidades para tarefas de prevención chegan en setembro ou outubro, este ano nin se convocaron aínda. Os montes son de todos e podemos desfrutalos todos pero os responsables de mantelos decentes somos os comuneiros e a Xunta esquécese de nós, e non tódalas entidades temos os recursos necesarios para manter os montes como un xardín”. “A día de hoxe case o 90% do diñeiro que recadamos na venda de madeira temos que investilo en limpalos para facer nós a prevención dos lumes”.”Non invisten en prevención e logo aportan millóns de euros para a extinción destes lumes e isto só beneficia ás empresas adxudicadas a dedo para este fin tomando aos noso montes como un negocio para os seus amigos”. “As nosas administración non lle importa o noso rural nin as xentes do rural”.