Lucía Santos
Dicía Castelao que “ se aínda somos galegos é por obra e graza do idioma”.E eu concordo , desde logo, pero quixera engadir asemade que alén de polo idioma tamén o somos por esa parte da sociedade civil que se organiza e permite manter vivos os nosos sinais de identidade, que posibilitan que aínda sexamos un pobo consciente, o pobo galego. E nesa parte da realidade ocupa un lugar moi destacado en Marín, o meu pobo, e en Galiza, o meu país, o Ateneo Santa Cecila que ao longo dos seus 70 anos de historia ten ofrecido innumerables probas de traballo abnegado en prol da música, das artes e das letras.
O pasado día 7, A Nova Peneira, xunto con outros medios de comunicación, fomos distinguidos polo Ateneo co seu pin de prata. E para nós , un medio de comunicación con 12 anos de vida, foi unha honra recibir o recoñecemento dunha institución de enorme prestixio que xa navega polas 7 décadas de existencia. Agradecemos profundamente a distinción e eerguemos de maneira metafórica a nosa copa para brindarmos por 1.000 primaveras máis para o Ateneo Santa Cecilia.