O concello de Vilaboa conta, desde o pasado 28 setembro, co primeiro PXOM da vila, que pasou a ser oficial coa publicación no Boletín Oficial da Provincia de todo o documento
Foron 18 anos de duro traballo, onde o consistorio conseguiu ordenar un territorio de máis de 36 quilómetros cadrados nos que máis do 80% é solo rústico, e un 13,73%, solo rural. Ao carecer de núcleo urbano ata a data só un 1% da súa superficie contará con esta delimitación, mentres que o solo urbanizable será un 0,35% do total. O censo de casas estima que o concello conta con 2.948 vivendas e o plan abre a opción para construír 820 máis nun prazo de dez anos. Este documento é de aplicación en todo o concello menos en Casfalcón, Sabaxáns, Saxosa, Graña, Novás, Sobreira y en cinco zonas de solo residencial e industrial.
Ademais, as casas con expedientes en zonas rústicas e de Costas deben iniciar a partir de agora, as tramitacións para comprobar se é posible a súa legalización. Só na zona de Costas calculan que hai 200 casas afectadas que dependen de conversacións co goberno estatal.
150.758 metros cadrados da superficie destinaranse ao sistema xeral de espazos libres e zonas verdes e reserva 71.564 metros cadrados para o sistema xeral de equipamento comunitario. 18 anos de duro traballo no que non se pon punto final ao mesmo, a imposibilidade de contar con todos os sistemas de augas legalizado a tempo para a entrega do documento á Xunta levou a que esta aprobación sexa parcial, de modo que quedan aínda varios ámbitos en espera. Así, a orde de aprobación da Xunta recolleu a suspensión do Plan nos núcleos de Casfalcón (Figueirido), Sabaxáns e Saxosa ( Bértola), A Graña e Novás (Vilaboa) e Sobreira (San Adrián), pero tamén nas zonas da súa non consolidado APRA1 e A2, no solo residencial UDR1 e 5 e no industrial UDI 3. Como dixo o alcalde Francisco Costa, “a partir do mesmo, debemos planificar un crecemento lóxico e sostible do noso Concello”.