A crise de Barreras

Estaleiro Barreras Concello de Vigo A Nova Peneria
Tino Lago director a Nova Peneira

Despois dun século de actividade o estaleiro vigués Vulcano acaba de verse na obriga de pechar as súas portas. Mentres a Xunta de Galicia mira para outro lado e o alcalde da cidade dedícase a poñer luces de nadal e a todo tipo de comportamentos histriónicos, a construción naval na ría de Vigo esmorece, e unha cidade que tivo aos dous construtores navais privados máis importantes de todo o estado español, Vulcano e Barreras, xa perdeu o segundo e ten ao primeiro, o estaleiro Barreras, en grave perigo. A situación de Barreras é absolutamente delirante, cunha carga de traballo importantísima, agora mesmo acaba de solicitar o preconcurso, practicamente tivo que cesar a actividade e deixou de pagar ás empresas auxiliares que acaban de despedir a arredor de 800 persoas, que ata hai moi pouco traballaban no estaleiro .Imos tratar de explicar a situación actual e as motivacións que levaron a esta crise.

Barreras ten na actualidade tres barcos no seu interior e dous máis contratados. Non pode ser que con 5 barcos en carteira o estaleiro estea como está, e só se pode explicar por unha desastrosa xestión tanto da súa dirección como da inacción da administración. A empresa ten dous barcos parados en grada dunha armadora norueguesa e un na auga, xa bastante avanzado, contratado pola empresa Ritz Carlton. Este último é un cruceiro para turistas de elevadísimo poder adquisitivo. Asemade ten asinados contratos para facer un xemelgo deste cruceiro e un ferri para a armadora Armas. Porén múltiples problemas derivaron na situación actual, en primeiro lugar o capital social da empresa é moi pequeno, co que cando aparece un revés que dificulta a entrada de liquidez no estaleiro todo se complica, por outra banda Rizt Carrlton é unha empresa de hoteis, que se mete no mundo da construción naval sen ningún tipo de experiencia e seica muda con frecuencia os criterios técnicos, de feito, no barco que está na auga, que presuntamente tiña que ser entregado en decembro aínda hai aspectos sen definir como deben ser executados. No caso dos barcos noruegueses que están en grada a fatalidade fixo que en orixe haxa un gravísimo problema de deseño que supón un importante exceso de tonelaxe co que habería que argallar algún tipo de solución técnica para evitar botar ao mar un barco con máis calado do que tiña deseñado, o que lle impediría entrar en moitos portos. Os noruegueses decidiron non achegar un € máis mentres non se solucione o tema e Ritz Carlton, malia que está ao día nos pagos, non abonará o que corresponde ao último hito, o da entrega, ata que se remate e entregue. Algo que non se pode facer porque o estaleiro quedou sen liquidez e deixa de pagar ás empresas auxiliares, e estas vense na obriga de marchar de Barreras, mandando ao paro a 800 persoas. En paralelo o accionista maioritario e propietario da empresa, a petroleira mexicana Pemex, decide dar un golpe de man e descabezar á dirección da empresa cesando nun só movemento ao seu presidente García Costas, ao seu director Alfonso López e ao director de finanzas. Barreras queda de súpeto sen dirección empresarial e Pemex non toma unha decisión clara sobre quen ou como substituílos pois nomea a un mexicano que nin está nin se lle espera pola centenaria factoría viguesa. É de momento o avogado da empresa , Carlos Pérez Bouzada, que en exerce como unha especie de enlace entre unha dirección que non parece facer nada e o resto do mundo. Os rumores apuntan a que Ritz Carlton acabará por mercar Barreras e pasará a ser o seu novo propietario pero ata que non se concrete, se se concreta, ese ou calquera outro movemento que deixe ver a luz ao final do túnel a inquietude entre os seus traballadores e entre os sectores responsables da sociedade galega é maiúscula. Non parece fácil que esta empresa acabe como Vulcano, pois Ritz Carlton ten metido moitísimos cartos no barco que xa ten na auga, arredor de 200 millóns, e nas súas redes xa teñen anunciadas as viaxes no que debería ser un cruceiro de luxo para clientes millonarios, pero nada se pode descartar e o que é intolerable é que a Xunta non faga nada para que a corto prazo entre a liquidez na empresa necesaria para continuar os traballos nos barcos que xa teñen, e a medio longo prazo se evite que unha situación como esta volva a acontecer. O preconcurso que solicitou a empresa blíndaa por catro meses, só por catro meses, e 120 días poden pasar moi rápido para quen debe dar coa tecla que solucione o problema, e poden tamén pasar moi a modo para as 800 persoas que onte tiñan traballo e hoxe xa non o teñen.