De amicitia, tamén coñecido como Laelius é un tratado filosófico escrito por Cicerón no 44 AC. O contexto político no que foi escrito era, como no presente, dunha elevada tensión, e nesta obra en forma dialogada Cicerón reflexiona, coa súa brillantez, habitual sobre o sentido da amizade e as relacións humanas, tratando de amosar a necesidade de que estas transcendan o concepto de utilitas, que serían aquelas que se fundamenten no puro interese, que se nos cinguimos ao eido da política viría a significar o feito de tecer lazos persoais baseados no favoritismo ,é dicir a política clientelar que leva padecendo Galicia desde a noite dos tempos. Calquera manifestación artística convértese en clásica e universal cando pode ter validez en contextos históricos moi diversos, e así é no caso da que titula este artigo, pois son tantos os casos de persoas que utilizan a política como instrumento para beneficio dos seus propios intereses na Roma de Cicerón como na Galicia do momento presente. No noso país, este fenómeno é especialmente significativo na política municipal, xa que esta se fundamenta nas relacións persoais de proximidade, en baixar á area a resolver os problemas dos nosos veciños e veciñas en atender a quen está máis preto de nós.
No país galego en xeral e na area de influencia de A Nova Peneira en particular son moi numerosos os concellos nos que a administración municipal exercía no pasado recente, e exerce no momento presente a súa responsabilidade, que debera ser facilitar o ben común das persoas administradas, de maneira caciquil, tecendo redes clientelares contra as que é dificilísimo combater, xa que un gran número de persoas quer de maneira directa, quer de forma indirecta acaba debendo algún favor a administración, que se ven obrigadas a pagar co seu voto. Nas terras de Turonio era moi coñecido o caso dun ex alcalde que seica tiña na súa propia vivenda unha habitación exclusiva para os múltiples agasallos que recibía, entendo eu que non a cambio de nada. Cicerón propuña unha solución para mitigar o gravísimo problema do nepotismo, e consistía en apelar aos boni, os homes virtuosos, a que entrasen na area política. Estas persoas debían estar tocadas por unha virtude conceptualmente moi importante para todo o mundo romano; a fides, a confianza no sentido amplo, a fidelidade, o compromiso a honradez e a recta moral, en definitiva a conciencia mesma de individuo. Nós, como Cicerón, apelamos ás mulleres e homes virtuosos a que tomen as rendas da acción política municipal; apelamos a que só se premien os méritos e non se paguen xamais favores pretéritos, apelamos a que sexan as ansias de xustiza, e non a peste da cobiza, quen guíen a acción política dos novos alcaldes e alcaldesas, apelamos a que eliminar o sufrimento dos veciños e veciñas que viven baixo os limiares da dignidade sexa fundamento do traballo político, e finalmente apelamos a soterrar nos máis negros sumidoiros da historia a todos aqueles gobernos municipais que carecen de memoria e contribúen á morte do noso idioma, a todos os gobernos municipais que regalan os recursos naturais que son do pobo galego a especuladores sen escrúpulos.