Átomos e prexuízos

Río Barxa A nova Peneira
Ángel Pérez A Nova Peneira
ÁNGEL PÉREZ Profesor de filosofía

Entre dúas persoas de distinta confesión relixiosa chegará un punto en que necesariamente recuarán a cadansúa posición. Un cristiá e un xudeu non se poden poñer de acordo a respecto de se o Reino de Deus xa chegou ou non. Cuestionar ese punto implica algunha revisión do significado de “cristiá” e “xudeu”. Igual pasa cos musulmáns. Non poden admitir a tramite a cuestión de que Deus poida ter fillos. Aí impónselles a súa fe, que é a súa identidade.

Nunha tarde camiñaba á beira do río Barxa, na parroquia de Beade, cando din cun par de amigos que viñan en sentido contrario. Sumáronme, amablemente, a súa conversa. Falaban do complicado que pode resultar o diálogo entre os que non comparten as mesmas ideas políticas. Do fenómeno de división que tantas veces acompaña á conversación política. Para levar o tema desde un ángulo máis frío, propuxen comparar o diálogo político co relixioso. Seméllase, dixen, nisto máis á relixión que a ciencia.

A capacidade de deliberar dos individuos implicados nesa conversa, que neste caso aceptarían que as tres confesións proceden da mesma tradición, da idea de alianza entre Deus e os homes, atopa, porén, un límite infranqueable baixo a coacción de non traizoar a súa fe e se converter nun herexe.

En cambio, son os herexes que polemizan contra as verdades establecidas, os que identifican a ciencia cunha actitude sempre disposta a desintegrar os prexuízos, por parafrasear aquel dito atribuído a Einstein, de que “é máis fácil desintegrar un átomo que un prexuízo”.

O máis novo de nós, nese momento, reparou en que o fenómeno de división que sucede tantas veces nas leas políticas, corresponde coa división do que foi a “cristiandade”, a Europa baixo o poder dos papas, en nacións de distinta identidade relixiosa, protestantes, e católicos, xusto nun momento no que a relixión estaba sendo vencida pola ciencia no sentido de que xa non cabía apelar á fe para soster a validez das leis. Empeñarse en facelo así equivalía a facer valer os prexuízos relixiosos, dun particular ou dun grupo, sobre a razón común.

Vendo que acordabamos cos seus comentarios, o máis novo de nós, continuou con esa liña. Daquela, dixo, pese a que a relixión deixou de ser algo público e pasou a ser algo tolerado en tanto crenza persoal, prevaleceu o fenómeno da división dos pobos políticos en termos de homoxeneidade relixiosa. Un pobo, unha confesión. E, dese xeito, recoñecíase pola vía dos feitos, polo menos, que a paz política dependía da común confesionalidade.

Pois ben, daquela o noso novo amigo xa se vira arriba. Ao aceptar, dixo, inda que nada máis fose pola vía dos feitos, os estados, unha identidade confesional, asumían, espetounos, aquilo que crían ter negado, é dicir, a autoridade da fe sobre a razón. Tiñan renunciado, por dicilo, de outra maneira, á concepción democrática da política. Pois esta o único que esixe é que ninguén se presente cunha crenza particular, non asumible por todos, como a única unha crenza que faga posible a paz.