Xosé Carlos De La Fuente.
Chapela é unha parroquia que malia pertencer ao concello de Redondela posúe un fortísimo sentimento de identidade propia. De feito se lle preguntamos a calquera veciño ou veciña de onde é nativo o 100% das respostas serían idénticas: “eu son de Chapela”, en ningún caso nos dirían que son de Redondela. En Chapela existen moitos aspectos que contribúen a forxar a identidade específica quen sen dúbida posúe esta parroquia, un deles é a paixón polo remo artellada en torno á afección polo C.R de Chapela. A Nova Peneira conversou con Julio Prado, o seu presidente.
“A emoción competitiva que desperta o remo é superior á do fútbol.”
Ti es nativo de Chapela Julio?
Ben eu son nativo da provincia de Lugo pero xa levo 40 anos vivindo aquí e a verdade considérome un máis de Chapela. Eu era traballador de telefónica, gañei a praza en Vigo, fun vivir a Chapela, encantoume e 40 anos despois sigo tendo o mesmo sentimento cara á miña parroquia
Cando naceu o CR?
No ano 1.984
Como foi o nacemento do CR de Chapela?
Naceu en base a que se comezaron a facer regatas de traíñas polas festas do Carme. Comezaron as competicións e así se iniciou todo. Houbo varias persoas implicadas que tiveron moito mérito no nacemento do C.R pero quixera destacar a importancia de Cándido Vilar, un veciño de Chapela que foi o noso patrón e tivo unha implicación superlativa e un mérito sobresaínte no nacemento e consolidación do noso club
Como foron as primeiras regatas?
Pois cunha traíña prestada de Meira, había un grupo moi curioso, Cándido, Lucho, Manolito, Paco Fenosa, Odilo…comezaron a adestrar e ter bos resultados e decidiron oficializar o club.
Ti cando inicias a túa relación co CR?
Eu inícioa no 2.003 motivada porque o meu fillo comezou a remar no equipo. Eu nunca fun remeiro, entrei xa na directiva.
Daquela estabades no mesmo local que agora?
Non, estabamos no local das conservas Carballo. Neste local levamos seis anos.
As remeiras cando entran no CR?
As remeiras, que abofé foron as que máis satisfaccións deron ao CR de Chapela entraron a finais da década dos 90.
Que abano de idade abrangue o CR nas persoas que practican o remo con vós?
Fai dous anos creamos a categoría alevín comezan aos 7 anos, e a idade límite pois non a hai, mentres un se sinta ben continúa remando, de feito temos un compañeiro que con 67 anos remou en batel. O remo é un deporte que se pode practicar ata unha idade moi avanzada.
Que cantidade de remeiras e remeiros practican deporte no CR?
O ano pasado manexamos 145 fichas, este ano penso que o imos superar.
Como captades aos rapaces e rapazas?
Imos aos colexios e institutos. Malia que ultimamente onde máis captamos e na escola de verán.
E se alguén que lea esta reportaxe quere que a súa filla ou fillo probe, como tería que facer?
Vir polo club, nada máis ca iso.
Como vos financiades?
Con moitísimos problemas. Temos patrocinadores privados como por exemplo Frioya, Aucosa ,FP Asesores, ou Repainox aos que lle agradecemos moitísimo a súa xenerosidade, tamén moitos patrocinadores pequenos que tamén son importantísimos para nós, por outra banda recibimos unha subvención do Concello de Redondela, tamén recibimos axuda da DEP
E a Xunta?
O da Xunta é pequeno, e ven a través do patrocinio á liga galega de traíñas. Tamén facemos festas, como o famoso día da vaca, e vendemos lotaría, en fin hai que tirar de imaxinación porque os gastos son moitos.
Tedes socios?
Si, estamos preto dos 500 aos que lle cobramos unha cota mínima de 15€,cada un achega o que boamente pode.
Supoño que fundamentalmente serán de Chapela?
De Chapela e tamén temos moitos de Teis.
E os remeiros e remeiras non pagan?
Non, non pagan nada só lle cobramos aos que veñen a unha escola de verán que temos nos meses de xuño e xullo.
Un rapaz ou rapaza que queira triunfar no mundo do remo cantas horas debería dedicarlle ao día?
Como mínimo 3 horas, e polo menos 5 días á semana .Estamos nun nivel de adestramento case de profesionais con xente amateur. É moi difícil, e require moita forza de vontade nos hábitos e comportamentos, nin beber nin fumar.
Un remeiro profesional pode vivir da práctica do seu deporte?
É case imposible, só algún moi contado no País Vasco. En Galicia non.
Por que no País Vasco si e en Galicia non?
Ben en Euskadi si, pero algún moi contado, non deixan de ser casos excepcionais isto non é como o fútbol. E a diferencia entre Euskadi e Galicia é puramente económica. No País Vasco as administracións achegan moitísimos máis cartos que aquí, e polo tanto poden permitirse cousas que nós non podemos.
Se tiveras que cualificar o comportamento do Concello de Redondela con vós, como o cualificarías?
Imos dicir que ben, non súper ben, pero ben si. Deixámolo nun ben raspado.
A vinculación da parroquia de Chapela con vós como é?
Non temos ningún problema, hai moito apoio e colaboración, a pena é a carencia de infraestruturas que ten Chapela en xeral, por exemplo a falta de hoteis que dificulta a organización de temas de calado e dimensión.
A paixón polo remo nace con un ou faise?
Eu penso que se fai. Xeralmente a xente que ven, ven probar e logo a que se queda é porque se engancha.
A emoción competitiva que pode ter o remo está a altura doutros deportes. Quero dicir, a afección ao remo nas competicións ponse tan nerviosa como se pon a afección ao fútbol por exemplo?
Eu creo que é máis intensa. Convídoche a que asistas a un campionato e cando as finais están igualadas a emoción é elevadísima. Ás veces hai que recorrer á foto finish para determinar quen gañou
Cantas persoas sodes na directiva Julio?
Somos nove.
E ti cantas horas da túa vida persoal lle dedicas ao CR?
As 24 horas do día.
A túa familia que di ao respecto?
Xa o teñen asumido.
Rematamos Julio cunha última cuestión para as administracións. Cales son as principais necesidades vosas que debería atender o Concello de Redondela?
Temos que buscar unha alternativa porque o local quédasenos pequeno estamos moi escasos de espazo ,necesitamos que nos quiten dunha vez as goteiras que ten o local,e que nos axuden no cambio dun coche que nos urxe.
Esta reportaxe está dedicada a Cándido Vilar un dos imprescindibles que encaixarían perfectamente naquel poema de Bertolt Bretch.
“Hai persoas que loitan un día e son importantes
Hai persoas que loitan moitos días e son moi importantes
Hai persoas que loitan toda a vida, esas son as imprescindibles.”