Araceli, Víctor e Noa: Desde Redondela e Vallecas ata a fin do mundo

Araceli é unha muller de Redondela de 43 anos de idade que aos 17 marchou a Madrid a estudar a carreira de xornalismo. Poucos anos despois coñeceu a un mozo de Vallecas, Víctor, que é a súa actual parella e pai da súa filla Noa, de oito anos de idade. Hai máis de dúas décadas, no ano 2003 comezaron un apaixonante periplo viaxeiro, sendo apenas uns rapaciños, que a día de hoxe lles levou a coñecer arredor de medio cento de países nos 4 continentes. Eles xestionan un blog de viaxes de enorme éxito “ Esto no es lo que pareze” que recentemente foi seleccionado para competir nos premios IATI, uns galardóns de enorme prestixio no universo da comunicación de viaxes.

Nós quixemos coñecer un pouco máis a Araceli e á súa emocionante vida e conversamos con ela. Velaí vai o que deu de si a nosa conversa

Despois de ter estado en arredor de 50 países podo dicir que, en liñas xerais, a xente é extraordinariamente amable”

Como chega unha moza de Redondela a vivir en Madrid e a viaxar por todo o planeta?

Eu nacín en Redondela, no ano 82.A miña familia materna e de Cesantes e a paterna de Reboreda. Estiven vivindo no meu pobo ata os 17, case 18, que foi cando vin estudar a Madrid.

Gustábache Redondela?

Si, encantábame. De feito volvo continuamente a visitar á miña familia e algún día pretendo volver vivir alí.

Estudaches xornalismo. Por que?

Sempre me gustou escribir, desde que era nena, e moi pronto tomei conciencia de que quería ser xornalista.

En principio vas a Madrid a estudar a carreira pero xa quedaches a vivir alí?

Si, quedarme en Madrid foi motivado por unha suma de varias razóns: Gustábame moito o ambiente nocturno de Madrid, no 2003 coñecín a Víctor un rapaz de Vallecas que é a miña actual parella e tamén atopar traballo en Madrid era máis doado ca en Galicia.

Víctor, a túa parella, é con quen viaxas?

Si, viaxo con el. E desde que somos 3 na familia tamén coa nosa filla Noa.

A que te dedicas na túa vida profesional?

Traballei nunha axencia de prensa, tamén nunha empresa de turismo, ata que quedei embarazada e decidín facerme autónoma no campo do márketing dixital. Entre esa actividade e a explotación do blog, gaño a vida.

Víctor en que traballa?

É deseñador gráfico.

Cando nace o blog “ Esto no es lo que pareze”, e por que?

Nace no ano 2013.En principio xorde grazas ás miñas gañas de escribir. Logo enfoqueino cara ás viaxes porque xa levabamos 10 anos viaxando e pareceume un xeito bonito de gardar as lembranzas e partillalas coas lectoras e lectores.

Vaia. Se comenzastes as viaxes no 2003 erades case case uns nenos

Pois si, eu tiña daquela 21 anos e Víctor 19

Miña nai. E con esa idade a onde ides?

Londres, París, Praga, Rusia..

Eu teño unha filla de 20 anos, máis ou menos a idade que tiñades Víctor e ti cando empezastes a viaxar..Asegúroche que se coa súa idade me di que se vai a Rusia co mozo dáme un síncope…

Ha, ha, ha, ha..Daquela a situación política non estaba tan perigosa como está agora

Desde que comezastes no 2003 sempre estivestes viaxando?

Si, todos os anos. Normalmente facemos 3 viaxes ao ano. Unha longa de arredor de dúas semanas e outras dúas algo máis curtas.

Facer tres viaxes ao ano non creo que sexa especialmente barato?

Non, barato non é. Pero con imaxinación e creatividade á hora de nos organizar pode levarse ben. Nós as reservas de billetes e aloxamentos sempre as facemos con moita antelación para que os prezos sexa o máis asumíbeis posíbeis.

Tes feita a conta de cantos países tes visitado?

Non, non o sei exactamente pero han de ser arredor de 50.

Algunha vez, en tantas e tantas viaxes, vivistes situacións de perigo potencial?

Ben, de perigo real penso que non. Pero situacións algo tensas e incómodas si. Que eu lembre unha vez en Cidade do Cabo, e outra no metro de Moscova.

As estacións de metro de Moscova teñen sona de ser preciosas

Abofé que si o son. E a cidade en si é moi bonita tamén.

Cal foi a viaxe máis longa que fixestes?

A Australia e á Polinesia Francesa.

Supoño que nin a Noa nin a Víctor nin a ti vos darán medo os avións?

A Víctor, si.

Vaia, pois que mal o debe pasar porque a viaxe a Australia deben de ser arredor de 20 horas de voo

Son 24 horas de voo. Ben, teño que dicir que xa o leva bastante mellor. Desde que naceu Noa a cousa vai bastante mellor.

Tendo estado en tantos sitios non debe de ser doado salientar algún que te parecera especialmente bonito?

Non é fácil, non. Estivemos en moitos sitios fermosos. Pero eu teño os meus preferidos. Por exemplo en Europa un país que me pareceu espectacular é Islandia. Está ateigado de lugares bonitos en calquera curruncho da illa. Fóra de Europa creo que me quedo con Australia, Arxentina a costa oeste dos USA e Xapón.

Ti es a terceira viaxeira empedernida que entrevisto. As outras dúas persoas, que coma ti teñen percorrido unha morea de sitios do mundo, coinciden en que en liñas xerais a xente, sexa do sitio que sexa, é moi amable e sempre que pode bótache unha man. Ti estás de acordo?

Si, estou de acordo. En xeral, con pequenas excepcións, a xente adoita ser moi amable.

Que tal levades o das comidas ?

Levámolo moi ben. Non é que nos dea medo experimentar pero con certos límites

Xa pero se estades por exemplo en Asia, non pedirás polbo á feira con pementos de Padrón ou choco de Redondela?

Ha, ha, ha, ha..Non, claro. Pero tampouco pediría cascudas ou grilos…Experimentar sabores novos si, pero con certos límites.

Cóntanos algo rechamante que vos puxeran de comer?

Pois por exemplo en Sudáfrica puxéronnos crocodilo. Eu non o probei, Víctor si que o comeu.

Houbo algunha comida que che sorprendera positivamente?

A comida xaponesa. Desde que a probei como moito Sushi.

E que che sorprendera en negativo?

Non me gustou nada o café árabe.

Fálame do blog

https://estonoesloquepareze.com

Nun principio a miña intención só era ir contando ás miñas experiencias. Aos poucos fun aprendendo márketing dixital e xa o fun facendo de forma máis profesional. Xusto antes da pandemia comezou a ir moi ben e aumentou significativamente o número de visitas. No ano 23 google decidiu deixar tirados a todos os blogs e eu deixei de escribir. Comecei a elaborar un podcast de viaxes que tivo moi boa acollida, google rectificou a súa política e o blog comezou a recuperar a o tráfico ata tal punto de que hoxe é unha das miñas principais fontes de ingresos.

Os premios IATI gozan de enorme prestixio no que se refire á comunicación sobre viaxes. O teu blog foi seleccionado. Imaxino que sería un enorme orgullo ?

Si, a gala de entrega foi o 23 de xaneiro. Foi no teatro Real do Retiro de Madrid. Non gañamos, pero, tendo en conta a cantidade de blogs de viaxe que existen, o feito de sermos seleccionados foi un enorme orgullo.

Cales van ser as seguintes viaxes?

A seguinte en semana santa. Iremos a Corea do Sur e a Doha