O PSOE de Salceda esixelle á Deputación que cumpra o seu compromiso coa senda peonil de Salceda a Entenza

O voceiro do PSOE de Salceda de Caselas, Xurxo Gregorio Vaqueiro, trasladou á Deputación de Pontevedra, para o pleno do pasado 26 de Decembro, a través do Grupo Socialista na Deputación, unha pregunta formal sobre o estado do proxecto de Seguridade Vial da EP-2505 entre o núcleo urbano de Salceda e Entenza. Esta obra foi anunciada en Xuño do 2024 polo presidente da Deputación Luis López e non se volveu a saber nada dela.

A resposta oficial remitida pola Deputación, confírma que non existe, a día de hoxe, ningunha data prevista para a execución desta actuación. Todo isto malia tratarse dun proxecto anunciado polo presidente da institución provincial, Luis López, á actual alcaldesa de Salceda, Loli Castiñeira, como un compromiso da Deputación coas veciñas e veciños de Salceda e en particular cos de Entenza.

O Grupo Municipal do PSOE de Salceda lembra que se trata dun proxecto redactado durante o mandato da anterior alcaldesa socialista, Verónica Tourón, polo que non estamos ante un proxecto novo, senón ante unha iniciativa xa definida tecnicamente e coñecida pola propia Deputación. Buscábase una forma segura de comunicación a pé entre o núcleo urbano e Entenza, ó longo da EP- 2505, rematando nunha primeira fase no torreiro de San Brais coa súa correspondente humanización, debido a que é un núcleo de referencia na parroquia.

Segundo os datos feitos públicos, a actuación anunciada contaba cun investimento previsto de 523.000 euros. O PSOE de Salceda considera que este tipo de anuncios xeran expectativas que non se corresponden coa realidade, e reclaman á Deputación de Pontevedra “menos propaganda e máis seriedade”.

O Grupo Municipal Socialista, anuncia que seguiremos a fiscalizar, preguntar e defender os intereses de Salceda nas institucións. Seguiremos esixindo transparencia, prazos e feitos concretos, porque non pode vivir permanentemente de promesas sen data”, concluíu o voceiro do PSOE de Salceda, Xurxo Gregorio Vaqueiro