As licencias outorgadas polo Concello de Mos foron anuladas, mais non se pode executar a sentenza por imposibilidade legal, o que comporta o dereito a unha indemnización económica
A cantidade que finalmente se ditamine vaise adicar á compra de monte, fronte á ameaza latente do GS360 á superficie forestal
Mos, 18 de setembro de 2024.
A Comunidade de Montes de Tameiga vén de presentar no Xulgado Contencioso-Administrativo nº3 de Pontevedra a solicitude dunha indemnización de ata 323.799 euros pola inexecución da sentenza firme que anulou as licenzas concedidas polo Concello de Mos ao Real Club Celta para construir Afouteza, a primeira fase do proxecto GS360
A indemnización é un dereito que concede a xustiza nos casos de imposibilidade legal de executar a sentenza. Así sucedeu cos campos do Celta. Non se derrubou o construído nin se restituíu a legalidade como consecuencia da posterior aprobación dun Plan Especial de Infraestruturas e Dotacións e concesión de licenza de legación pola Xunta de Goberno Local do Concello de Mos.
Segundo reiterada doctrina do TSXG, dita indemnización abarcará os gastos procesais e unha cantidade adicional en concepto de dano moral. A cifra máxima solicitada calculouse en base ao orzamento de execución material da obra cuestionado, neste caso a primeira fase do GS360. Segundo os baremos do Ilustre Colexio da Avogacía de Vigo, a contía pode chegar ata un máximo de 323.799 euros
En calquera caso, a cantidade que finalmente ditamine a xustiza será empregada pola Comunidade de Montes de Tameiga para mercar máis superficie forestal. A primeira fase devastou miles de metros cadrados de monte e o GS360 continúa ameazando ducias de miles máis de solo rústico de especial protección. A entidade comuneira busca defender e protexer o monte existente e incluso amplialo, pola
valor patrimonial, paisaxístico e ambiental dos montes periurbanos: absorben CO2, proporcionan osíxeno, actúan contra o quecemento global, son lugares de lecer e fonte de recursos naturais para a veciñanza.
De feito, a Comunidade de Montes comprou no 2023 máis de 1,6 hectáreas de superficie forestal a particulares, cun investimento próximo aos 190.000 euros, e hai uns meses, pechou a compra doutros 8.500 metros cadrados. Tameiga asegura que as parcelas continuarán sendo verdes, coidadas e de acceso público a todos e todas.
GS360
A Comunidade de Montes de Tameiga continúa loitando por todos os medios contra a realización do GS360. O proxecto do Real Club Celta ocuparía ducias e ducias de milleiros de metros cadrados de masa forestal en Mos, montes que pretenden devastar para construír estradas, edificios, un hotel, outro estadio e máis áreas comerciais
O monte que se quere expropiar (co apoio da Xunta de Galicia) para uso privado está catalogado como rústico de especial protección, goza dun gran valor patrimonial e proporciona auga e biomasa a miles de veciños e veciñas de Mos. Ademais, supón un espazo de esparexemento moi valorado e utilizado pola cidadanía.
O GS360 suporía a perda dunha ampla masa forestal de uso público para beneficio único dunha entidade privada, que ademais construiría infraestruturas innecesarias e duplicadas e deixaría sen agua a máis de 5.000 persoas.
CMVMC de Tameiga
A Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Tameiga (Mos) é unha entidade sen ánimo de lucro que aglutina a máis de 400 familias comuneiras e xestiona actualmente 90 hectáreas de superficie forestal para conseguir beneficios medioambientais, sociais, enerxécticos e económicos para a súa veciñanza. O seu obxectivo principal é a defensa e protección do patrimonio común.
Xestiona os recursos acuíferos do territorio en beneficio da veciñanza comuneira e dispón dunha comunidade enerxética que reparte 350 pedidos anuais de 3 m3 de biomasa cada un, a prezo de custo. Ademais, a entidade é titular dun viveiro de empresas e do polígono industrial de Monte Faquiña, con máis de 20 naves industriais, que conta con instalacións fotovoltaicas que permiten un autoconsumo individual, abaratando os costes de producción e mellorando a competitividade das empresas.
Por outra banda, a CMVMC de Tameiga desenvolve unha intensa actividade sociocultural, a través da organización do festival infantil Miúdo Fest e da programación do CSCD As Pedriñas e da Sala Rebullón. Tamén colabora con organizacións deportivas, educativas e sociais do municipio.
Primer comentario