O monte  é vida, non un lugar para especular !

Montes da Tameiga A Nova Peneria
Ánxel López | voceiro da asociación ecoloxista ADEGA Vigo
Cristóbal López | voceiro Ecoloxistas en Acción Vigo 

Hoxe, citámonos decenas de asociacións, centos de alegacións, milleiros de voces unísonas alegando pola paralización da devastación dos nosos montes. Alegamos a prol da auga, a prol do monte, en prol da vida. Pero sobre todo alegamos a prol da humanidade como especie intelixente que sabe que non pode repetir os erros do pasado se quere que o futuro non sexa tan negro como o corazón dos promotores deste desastre medioambiental nos montes comunais de Tameiga. 


A especulación do territorio para o beneficio duns poucos


A través do falso discurso da xeración de emprego, do progreso e da diversificación da economía, tentan xustificar as dotacións deportivas e as áreas comerciais como beneficiosas para a veciñanza, mais estes beneficios recaerán coma sempre nas mans duns poucos e sempre en detrimento das comunidades locais e do medio ambiente.

 
Esta actuación corresponde cun modelo e cunha lóxica caduca e errada que presenta un gran impacto ambiental negativo, así como unha  ocupación do territorio que non favorece a mobilidade sostible e que actúa como barreira ecolóxica nos ecosistemas. Ademais é fonte de xeración de emprego precario e temporal, cun modelo de grandes centros comerciais anacrónico responsables da perda de comercio local e de proximidade nas vilas e cidades.


O monte comunal: unha alternativa real de loita contra o Cambio Climático!


Unha vez máis estase a pasar por alto desde as administracións o potencial de xeración de emprego e fixación de poboación que constitúe a xestión sostible do monte comunal. Os montes en man común teñen un enorme potencial na conservación e na posta en valor dos ecosistemas, da biodiversidade e dos recursos ecosistémicos. Ferramentas como a figura da custodia do territorio, a educación ambiental ou o voluntariado ambiental son fórmulas que permiten conservar, restaurar e achegar á cidadanía e a poboación local o beneficio de termos unha natureza ben conservada. Isto nun momento en que se están aprobar mocións de emerxencia climática en moitos concellos é un paso fundamental para poñer freo ás consecuencias do cambio climático e gañar resiliencia nos territorios. Desde o potencial que teñen as comunidades de montes, e escapando de lóxicas forestais produtivistas, pódense levar a cabo proxectos de restauración ambiental que coa expropiación do monte comunal de Tameiga quedan imposibilitados. 

 
Este desleixo cara a natureza e cara o potencial comunitario das comunidades de montes non só quedou constatado coa decisión de Nidia Arévalo, senón que este desleixo é fomentado tamén desde a Xunta de Núñez Feijoo. O pasado 20 de novembro do 2018 no parlamento de Galiza rexeitouse a ILP en defensa do bosque autóctono, unha iniciativa que contou co apoio de mais de 42.000 galegas e galegos.

Afección ás captacións de augas e ás comunidade de augas


Na superficie afectada existen  sistemas autónomos de captacións de auga subterránea para o consumo que dan servizo principalmente ás parroquias de Tameiga, Petelos, Sanguiñeda e de Cela. A modificación puntual do PXOM afecta ao abastecemento e á xestión comunitaria das augas levadas a cabo pola propia veciñanza a través de traídas veciñais xestionadas por comunidades de augas.


A mobilidade sostible ante o cambio climático

O proxecto deportivo e comercial do Celta de Vigo supón un freo á mobilidade sostible de toda a comarca. Este proxecto fomenta o uso do transporte privado e individual provocando grandes emisións de CO2 á atmosfera e colapsando aínda máis un dos nós de comunicacións máis importantes de Galiza. Isto sen dúbida constituirá unha perda da calidade de vida das e dos habitantes de Tameiga, ao teren unha maior afluencia de tráfico na súa parroquia. Unha ordenación adecuada do territorio é sinónimo de loita contra o cambio climático. A insostenibilidade do proxecto da cidade deportiva quedou unha vez máis constatada polo informe negativo emitido pola Deputación de Pontevedra e o rexeitamento de Fomento á modificación do Plan Xeral de Mos en termos de mobilidade, ao non garantir a seguridade nin a capacidade de acollida dun considerable aumento do tráfico ante o gran número de desprazamento que supoñen grandes eventos deportivos ou áreas comerciais desta natureza.

Control democrático da economía para superar a crise climática 

Os promotores da desfeita ecolóxica enarbolan con altisonancia a palabra  “progreso” como se o seu progreso fora a panacea a todos os nosos males, como se o seu progreso axitara algunha bandeira que non sexa offshore, como se o seu progreso non repartirá máis que migallas mentres eles quédanse coa parte do león, como se o seu progreso non nos truxera á cruse climática. Se queremos ter un mañá resulta imprescindible pór en valor a experiencia da xestión comunal dos recursos que poñen en práctica as Comunidades de Montes.  Sen un control democrático da economía todo os propósitos de salvar a vida no planeta seguirán sendo meras altisonancias. Estamos aprendendo a decir non ao seu “progreso” e si a un futuro sostible en comunidade.