Consistencia para (con)vencer

Artigo de opinión A Nova Peneira
Xabier Pérez Igrexas Concelleiro do BNG de Vigo

En tempos de política líquida a raiar no gasoso, non hai maior audacia que a de afirmarse na consistencia. Consistencia fronte aos discursos de ida e volta, como o de quen até hai nada esixía con voz grosa a derrogación de todas as reformas laborais de PSOE e PP para agora, con traxe ministerial de estrea, limitarse a propoñer “quitar as partes máis perversas”. Ou fronte á elasticidade infinita de quen fixo das súas posicións un permanente cataventos para sobrevivir na Moncloa. Ou de aqueles que agora tencionan torpemente anotárense como propios os logros alleos que a súa subordinación a Madrid lles impediu nin tan sequera albiscar. Consistencia para non abandonar por oportunismo, disfrazado cinicamente de posibilismo, os obxectivos estratéxicos para se vestir nas estreitas costuras do cambio cosmético.

Consistencia para conciliar a defensa firme e desacomplexada dos principios e dos obxectivos estratéxicos co despregamento táctico e programático que permita facelos avanzar. Tal e como vén de demostrar, en apenas unhas semanas, o BNG no Congreso.

Moito se ten escrito e opinado sobre o alcance do logrado polo Bloque a cambio do seu voto determinantemente favorábel á investidura do novo Goberno español. E, en efecto, é un acordo de enorme transcendencia para comezar a dar resposta a importantes necesidades e reptos do noso País. No entanto, acho que para alén do éxito concreto dos compromisos atinxidos, cómpre subliñarmos tamén a consistencia coa que Néstor Rego enfiou ese acordo facendo valer, e moito, o seu voto decisivo no Congreso. Multiplicando o valor do verdadeiro asento galego no hemiciclo da Carrera de Sán Jerónimo.

“Ningún goberno español poderá ser nunca o noso goberno”, espetou con tanta serenidade como firmeza Rego ao daquela candidato á presidencia do executivo español. Unha frase tan breve como significativa nun contexto marcado por unha a cada vez máis violenta enxurrada españolista e reaccionaria. Fíxoo, afirmando de maneira clara o carácter nacional de Galiza, explicitando a nosa aspiración de conquistarmos a plena soberanía en favor das clases populares e traballadoras, reclamando manter –no mínimo– o mesmo status que Euskadi e Catalunya, e advertindo sen pose nin sobreactuación que o BNG vai ficar coas mans libres para defender os intereses do pobo galego no Congreso en cada debate. E, o que é mais importante, en cada votación. Despedíndose cun sinxelo mais enormemente pedagóxico ‘obrigado’.

Mentres hai quen seguirá a teimar en arrastrar os pés na lameira do posíbel, en Madrid haberá cando menos un deputado que vai teimar no acto revolucionario de tentar facer posíbel o que é necesario para o povo galego.

A narrativa do statu quo impón unha política reducida a mercadotecnia, cun discurso evaporado en consignas ocas e emotivas a transitar no gris dos lugares comúns. Mais para que as cousas muden de vez cómpre mover os marcos, facer renxer os seus límites, abanear o seu relato adormecedor. Require querer sumar convencendo e non renunciando. Concibindo a representación institucional como un importante instrumento ao servizo do desenvolvemento dun proxecto –de transformación, non apenas de xestión– mais nunca como unha fin en si propia. Da valentía de non sepultar con eufemismos os principios, de non disimular as conviccións. E da honestidade de confiar no propio povo.

A mudanza real esixe a coraxe da consistencia. Aí é onde comeza o camiño da vitoria. Sempre.

1 Comentario

  1. Grazas, Xabier.
    Sempre interesantes as túas opinións. Achegan argumentos e informacións que abren novas perspectivas mentais e intelectuais, clarifican o panorama político, moi manipulado e terxiversado polos intereses dos Poderes económicos que dirixen a maioría das opinións publicadas nos Medios de comunicación subvencionados e dirixidos por ese mesmo Poder, contrario do Poder popular.
    Saúdos.

Comments are closed.