Xoán Alonso
“NON ADMITIMOS LECCIÓNS PATRIÓTICAS DE XENTE COMO SABATER OU ABASCAL, QUE FALAN DESDE A DISTANCIA,OS QUE QUEDAMOS AQÍ, FOMOS OS QUE COS NOSA RESISTENCIA VENCEMOS A ETA”
Casa do Pobo en Errentería.
Cando Agustín Goytisolo escribía, Paco Ibañez cantaba; “un xa non pode voltar cara atrás porque a vida empúrranos cada adiante coma un ouveo interminable”, e, eu engadiría que a pesar das feridas, das bágoas e a dor, o fermoso da vida é poder lembrar o que fomos e celebrar que aínda temos forzas para seguir en pé.
Nos derradeiros andares do ano 2019 tiven o pracer de botar unha parrafada con dous membros do partido socialista de Euskadi-Euskadiko Ezkerra, Miguel Ángel Buen Lacambra, ex alcalde de Errenteria, e Jesús Oficialdegui, ex concelleiro, tamén, da vila gipuzkoana de Errenteria.
Aquel día amañecía coas rúa molladas e unha resaca emocional propia dos excesos nutritivos e familiares aos que un non se acostuma.
Fronte a min, Miguel e Jesús, Ofi para os amigos. Dous socialistas que de seguro teñen algo máis que celebrar que o solsticio de inverno.
Que é o que de verdade celebran Miguel e Jesús?
M.Bueno: Pois un día máis vivos, un día máis en liberdade, lembrando o que tivemos que vivir e o que os socialistas conseguimos para esta vila durante máis de trinta anos na alcaldía. Fachendosos do noso traballo de recuperación e enriquecemento do noso pobo. Hai unha frase que di que resistir é vencer, pero como non só abonda con vencer, penso que despois de tantos anos tamén convencemos.
Jesús Oficialdegui: Eu tamén comparto cada una das palabras de Miguel, pero antes de nada, quero comentar que para min é un pracer poder falar para un xornal galego, máis que nada, porque a miña muller tamén é galega e durante moitos anos ir a Galicia era coller aire fresco. Alí un podía prescindir dos escoltas, illarse do terror e estar en liberdade, cousa que nesta terra durante anos non foi posible por mor dos atentados, atentados persoais e a presión psicolóxica.
Afortunadamente, todo iso xa forma parte do pasado e, por suposto, hai que celebralo.
Ten un vítima que dar a grazas ao seu verdugo?
M.Buen: Non. En todo caso tería que estar agradecida á cidadanía en xeral, sobre todos eses dirixentes aos que se lle enche a boca con España, patria, pois coa nosa resistencia vencemos á ETA, non foi ninguén máis que os que resistimos, os que non nos fomos de aquí. Por iso non admito leccións de ninguén.
Hai moita xente coma Sabater ou mesmo Abascal e outros moitos que falan dende a distancia, pero nós aquí estivemos dando a cara, defendendo a liberdade, defendendo que un terrorista e todo o seu entorno non podía estar por enriba do que os cidadáns votaban.
Nesta vila votouse que foramos nós os que gobernaran e nós gobernamos sen sectarismos, para todos, tamén para os que nos acosaban, non só a nós, tamén aos nosos fillos nas escolas polo feito de que os seus pais eran socialistas.
Polo tanto, coido que non lle debo nada a E.T.A e ao seu entorno, e repito, de leccións patrióticas ningunha.
J. Oficialdegui: Nós non quixemos marchar, quixemos aguantar cun custo moi importante. Persoalmente, chegou un intre en que a miña muller non aguantaba a presión e puxo sobre a mesa a nosa vida familiar ou a política. Non quedou outro camiño que exiliarnos á Galicia durante cinco anos.
Un pode aguantar dianas nas paredes, cócteles molotov na túa casa, no teu coche, pero cando a túa familia non pode con iso, un ten elixir, e eu elixín Galicia, coa idea de volver.
Como foi iso? Conta.
Pois foi polo ano 1986, cando a miña familia non aguantaba a presión que os violentos e os que os apoiaban exerceron sobre nós. Daquela, xunto coa miña muller, decidimos exiliarnos a Santa Uxía de Ribeira, o seu pobo, onde traballei na empresa privada e en Boiro na administración pública, coma xefe dos municipais.
Despois, no 1991, como prometera, volvín á miña vila onde fun concelleiro e membros das Juntas Generales de Gipuzkoa.
Poderiamos dicir que a sociedade vasca venceu ao terror?
M.Buen: Unha parte moi pequena. Aínda que quede moi ben coma titular xornalístico dicir que a sociedade vasca venceu, durante moito tempo, cando estes criminais cometían un atentado, moi pouca xente nos xuntabamos. Uns centos, no mellor dos casos.
Valeu, ou vale a mágoa todo o vivido?
M.Buen: Claro que si. Cando un ten unhas conviccións ten que defendelas, sobre todo cando tes o respaldo maioritario da poboación. O que queren é que abandones, ese era o seu xeito.
Ao alcalde que eu substituín tentaron acurralalo dende o minuto un.
J. Oficialdegui: Eu coido que si, estaba totalmente convencido de que tiñamos que estar.
Nesta mesma casa, a Casa do Pobo de Errenteria, un feixe de xentuza fíxonos saír por un corredor formado por eles mesmos coa idea de bater no alcalde, Jose Mari Gurrutxaga, con barras de ferro. E ben que mallaron nel por todo o pobo e ninguén moveu un dedo.
O medo moitas veces convírtenos nuns covardes pero, lévanos á algunha parte o rancor?
M.Buen: Todo isto é unha estratexia para reescribir a historia. Eles eran os que acosaban, eles eran os que mataban, eles eran os que secuestraban pero nós, eramos os represores e os fascistas. Mais naquel momento eran eles os que tentaban impoñer unha ditadura. A través do medo tentaron impoñer os seus postulados. Agora tamén o fan, pero dende os cargos institucionais onde están presentes. De cando en cando aparcan o tema nacional para poñer sobre a mesa algúns temas con máis contido social, e curiosamente, sempre atopan algún. No caso de Euskadi, é Podemos.
Curiosamente, no parlamento Vasco, EH Bildu leva firmado nesta lexislatura preto de 170 iniciativas co Partido Popular, como para contarllo a Nuñez Feijoo, que non se informa de nada do que pasou e do que pasa aquí, igual que Cayetana Álvarez de Toledo.
Non podo con estes dirixentes que din unhas barbaridades terribles cando o partido socialista sempre estivo á beira do PP neste asunto do terrorismo, sobre todo aquí en Errenteria, onde mataron a dous concelleiros do partido popular. Como non apoialos? Como poden esquecerse de todas esas cousas? Como teñen narices de insultar a Pedro Sánchez por falar con EH-Bildu cando nas súas listas hai xente que ven do mundo de Eusko Alkartasuna, partido que ven do PNV ou xente de Esquerda Unida?
J. Oficialdegui: Eu recoñezo que en HB sempre houbo distintos niveis de radicalismo, polo menos en Errenteria.
Eu ben me podía saudar con xente que sabiamos de onde viñamos e a quen votabamos, porque sabía que xamais participarían nun atentado. Porén, había outros que foron os que me queimaron o coche ou dixeron onde vivía para que me tiraran un cóctel molotov. Agora, moitos quérenme saudar, manda carallo!
Pensades que se tenta correr demasiado neste intento de normalización da convivencia na sociedade vasca?
J. Oficialdegui: Eu sigo saudando á mesma xente de antes. Non é a primeira vez que me invitan a participar en foros de recoñecemento das vítimas ou para apoiar aos presos enfermos, pero sinceramente, non podo. Despois do que me fixeron a min, a miña familia, aos meus amigos, cos terrorista nada que falar. Aínda así estamos na difícil tarefa de normalizar a situación política.
Entón, o achegamento de presos?
J. Oficialdegui: O que a lei permita, pero que os asasinos, que xa non poden revivir aos mortos, paguen o que fixeron e punto.
Cambiando de espazo, como vedes o futuro do goberno de España?
J. Oficialdegui: Seguro que chegamos, e, se chegamos, Pedro Sánchez vai demostrar a súa capacidade de chegar á acordos coa xente que permitiu, desgraciadamente, unhas novas eleccións que fixeron que a extrema dereita duplicase a súa representación.
Tamén son dos que pensan que antes de nos arrimar á dereita, vou co demo ó inferno se fai falla.
M.Buen: A situación é moi complicada para todos e se che digo a verdade, non entendo case nada.
Podo case estar seguro que en ERC non están dispostos a realizar una nova declaración unilateral de independencia, pero como as eleccións cataláns están preto, non sei ben a súa postura cos seus aliados da antiga CIU á espera da decisión do tribunal supremo. Tribunal que ten moi complicado rectificar a súa sentencia.
E, como se soluciona a situación catalá, tendo en conta o seu apoio nas urnas?
M.Buen: Antes de nada, hai que lembrar de onde ven esta fuxida cara adiante co propósito de agochar a corrupción por parte de Artur Mas do goberno Catalá. Pois tendo moita máis presencia en Cataluña, facendo máis visible o traballo do estado en positivo. Que os cataláns vexan ao estado coma un amigo.
J. Oficialdegui: Un estado federal.
Para rematar, volverá o PSE-EE a gobernar en Errentería?
J. Oficialdegui: Despois de trinta anos gobernando na nosa vila supoño que moitas cousas foron trocando. Houbo un cambio radical dentro do noso partido, con todos os meus respectos ao noso candidato, penso que non soubemos chegar ao electorado. Fíxose moito, pero seica esgotamos a nosa capacidade imaxinativa, por iso vexo moi difícil volver á alcaldía, sobre todo, tendo en conta que o noso aliado no concello, o PNV, non logra pasar dos tres concelleiros.
M.Buen: É ben sabido que na política local un ten que estar preto dos cidadáns, escoitalos. Ser moi serio e facilitar as cousas.
Logo, cando se teñen que dar os pactos entre partidos, tamén teñen influencia as relacións persoais e de amizade entre os distintos candidatos e os membros dos partidos políticos.
Tan afastados están ideoloxicamente Podemos e PSE-EE en Errenteria?
M.Buen: Non podemos esquecer que Podemos nace para acabar co socialismo, do mesmo xeito que o partido comunista, pero co paso do tempo non foi posible.
En Euskadi vese que están máis na órbita de HB que na nosa.
Moitas grazas Miguel Bueno e Jesús Oficialdegui, agardo que a vosa testemuña e o voso valor sirvan para construír un futuro en liberdade e convivencia.