Medios subvencionados, concertados e asalariados

Paco Mos

A ausencia de independencia informativa é a meirande eiva do noso sistema democrático a nivel autonómico e, sobre todo, municipal

A supervivencia económica de boa parte da prensa galega depende das axudas dun poder político que esixe contrapartidas

PACO GARCÍA COBAS, XORNALISTA E VECIÑO DE MOS

Tal vez con menos frecuencia da que deberían, os medios de comunicación son protagonistas das noticias que publican os medios de comunicación. Durante a campaña das últimas eleccións ao Parlamento Galego, celebradas o pasado 18 de febreiro, algunhas voces cualificadas alertaron sobre a existencia dun problema coa liberdade de prensa. Algo que é evidente na televisión pública, un medio que, de acordo coas denuncias do persoal da CRTVG, está literalmente secuestrado pola Xunta do PP, pero a gravidade do asunto vai moito máis alá. As cabeceiras tradicionais esqueceron a súa obriga de fiscalizar o poder optando, no mellor dos casos, por transcribir acriticamente e sen contrastar fontes os comunicados remitidos dende os gabinetes de comunicación da administración autonómica. Iso, cando non se dedican abertamente a adular o presidente ou o partido gobernante.

Por que decidiron os medios de comunicación do país renegar da súa principal función nun sistema democrático? Cales son as razóns que os levaron a ser meras correas de transmisión das mensaxes do poder en lugar de situarse, con voz propia, como actores influentes á hora de crear correntes de opinión? A resposta, como adoita acontecer nestes casos, atopámola nas xa míticas palabras de Garganta Profunda no escándalo Watergate: “segue a pista do diñeiro”. En maior ou menor medida, todos os medios de comunicación do país, particularmente os da prensa escrita, dependen economicamente da publicidade institucional. Isto vén sendo así dende hai décadas, pero a tendencia afianzouse tras a crise económica de 2008 e o estoupido da burbulla inmobiliaria.

Os medios aseguraron a súa supervivencia á custa de comprometer a súa independencia”

Confluíron varios problemas que deron lugar a esta situación. Por unha parte, moitas empresas construtoras perderon o interese en publicitar as súas promocións urbanísticas ou, directamente, foron ao tacho; por outra parte, o resto de anunciantes víronse afectados pola crise e decidiron deixar de investir en publicidade para darlle prioridade a outros gastos. Isto coincidiu no tempo, ademais, coa irrupción dos teléfonos intelixentes e a consecuente revolución nos hábitos de consumo de produtos xornalísticos. Se tes todas as noticias na palma da túa man e podes acceder a elas de forma gratuíta, deixas de comprar o xornal e os xornais aínda non teñen moi claro, a día de hoxe, como monetizar as súas publicacións online. As institucións públicas acudiron ao rescate multiplicando o gasto en publicidade ata o punto de ser, eventualmente, as únicas anunciantes dalgunhas cabeceiras. Os medios de comunicación, coa auga ao pescozo, aseguraron a súa supervivencia á custa de comprometer a súa independencia informativa.

Os partidos da oposición, temerosos de perder o escaso espazo informativo co que contan agora nos medios, son reticentes a denunciar esta situación de forma aberta. Inclúen nos seus discursos, discretamente, algunha referencia á falla de independencia da prensa galega, pero rara vez lle poñen nome aos xornalistas ou ás cabeceiras que actúan de forma pouco profesional, máis alá das críticas á dirección da TVG. Na campaña do 18F, algúns medios alternativos, normalmente cunha liña editorial de esquerdas, si que se atreveron a falar da existencia dunha “prensa subvencionada”, poñendo o foco sobre as importantes cantidades de diñeiro público que reciben as empresas editoras de La Voz de Galicia ou Faro de Vigo, por exemplo. Jorge Armesto, colaborador de O Salto, ía máis alá e apuntaba, nunha entrevista en Canal Red, ao problema que supón para Galicia o feito de termos unha “prensa concertada”.

Hai algunha diferenza substancial entre falar de medios “subvencionados” ou “concertados”? Podemos dicir que si, na medida en que unha subvención é simplemente unha axuda económica, mentres que un concerto implica a existencia dun acordo e está suxeito a condicións. No caso da prensa galega resulta evidente: a Xunta rega con diñeiro público as empresas editoras e estas, a cambio, póñense ao servizo do PP ou, cando menos, comprométense a non molestar. Agora ben, este modelo é aplicable non só ao ámbito autonómico, xa que os concellos adoitan recorrer tamén á publicidade institucional para asegurarse un trato favorable por parte dos medios que cobren a actualidade local. Nestes casos, as pezas informativas poden chegar a adquirir unha descarada tinguidura personalista á hora de enxalzar a figura do alcalde ou a alcaldesa.

Control informativo no Concello de Mos

No ámbito comarcal, o caso do Concello de Mos é paradigmático. A propia alcaldesa, Nidia Arévalo, díxoo abertamente nun pleno cando lle recriminaron o desembolso en publicidade institucional: “ese diñeiro é para promocionar o concello e cando falamos de promocionar o concello, ás veces está a alcaldesa”. Nidia Arévalo como personificación de todos os valores e virtudes de Mos. E non sae barato, precisamente. En 2023, o goberno municipal do PP aprobou un gasto de máis de 51.000 euros en publicidade nos medios de comunicación. Entre os medios máis beneficiados figuraban en posición destacada, tal como acontece ano tras ano, Xornal 21 cunha tallada de preto de 18.000 euros e Faro de Vigo con 14.200, aos que habería que sumar os 4.800 concedidos a Si Radio, a emisora de Gabino Porto, delegado en Ponteareas do “diario decano da prensa nacional”. Levaron este gasto ao límite do que establece a lei para a contratación a dedo de servizos.

As cifras son máis que significativas. Nalgúns casos supoñen un desembolso anual superior ao que implicaría á contratación, a media xornada, dunha persoa de comunicación, de aí que haxa quen prefira falar directamente da existencia de “medios asalariados” para referirse á realidade informativa do Concello de Mos. Foi o xornal Porriño Digital quen utilizou ese epíteto ao denunciar como a alcaldesa lles ordenara retirar unha noticia sobre o incendio dunha casa en Tameiga, noticia que aparecería posteriormente publicada en Faro de Vigo con información facilitada dende o Concelloe unha fotografía remitida dende o servizo de Emerxencias de Mos. O xornal dixital describiu o acontecido coma “un engano orquestrado pola rexedora mosense”, visiblemente molesta “porque non somos ningún dos seus medios de comunicación asalariados”.

Todo o que se publique sobre Mos ten que contar, previamente, co visto e prace da alcaldesa”

Non por casualidade, Porriño Digital é un dos medios de comunicación excluídos do reparto da torta publicitaria do Concello de Mos. Exactamente igual que A Nova Peneira ou calquera outra cabeceira que teña a ousadía de saltarse o filtro informativo do PP de Nidia Arévalo. Todo o que se publique sobre Mos ten que contar, previamente, co visto e prace da alcaldesa e isto deixa fóra das páxinas dos principais xornais, de maneira case sistemática, as notas de prensa remitidas dende os grupos da oposición ou calquera iniciativa particular que se desenvolva sen a participación ou o consentimento do goberno municipal. A ausencia de liberdade informativa é, posiblemente, a meirande eiva do noso sistema democrático a nivel autonómico e, sobre todo, municipal. Con este panorama, os nosos procesos electorais dificilmente poderían superar os exames de calquera organismo internacional de observación.