Os 24 GDRs de Galicia reúnense en Mos para seguir traballando a prol do rural

Os 24 GDRs de Galicia reúnense en Mos para seguir traballando a prol do rural

A xornada de traballo, que se celebrou no Centro de Dotacións do Medio Rural de Torroso, contou coa presencia da directora de Agader, Inés Santé; da presidenta de Eurural, Sandra González; e da alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo

Mos, 6 de outubro de 2021

Mos foi este mércores o epicentro do desenvolvemento rural de Galicia. Por primeira vez, os 24 GDRs da comunidade déronse cita no Centro de Dotacións do Medio Rural de Torroso na segunda reunión da Mesa de Coordinación destes grupos para debater cuestións sobre o programa Leader ou sobre a futura convocatoria de axudas para accións preparatorias da vindeira estratexia de desenvolvemento local, así como recibir formación sobre as oportunidades de financiamento para os concellos rurais no marco dos fondos Next Generation. “Hoxe tratamos temas vitais que definirán o futuro dos GDRs nos vindeiros anos. Debemos traballar para coñecer o que pasa no territorio, planificar o que facer e aproveitar ben os fondos europeos para dar pulo a todas as comarcas galegas”, destacou Inés Santé, directora da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Agader, durante o peche da xornada. 

Neste sentido, a presidenta do GDR Eurural e alcaldesa de Tomiño, Sandra Alonso, apuntou que “os grupos de desenvolvemento rural temos que facer un esforzo grandísimo porque estamos diante dunha oportunidade histórica e debemos facer todo o que estea na nosa man para que eses fondos calen no noso rural e nos axuden a continuar dinamizándoo”.

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, recordou que os 24 GDRs de Galicia van cumprir 30 anos traballando e “os concellos temos que sentirnos moi satisfeitos de poder contar con estes instrumentos necesarios para organizar a nosa terra, os nosos produtos, a nosa economía, o noso rural”.

Durante a xornada, os grupos de desenvolvemento rural afondaron tamén na preparación de novas actividades, como a de ‘Camiñando contra a violencia de xénero’ para conmemorar o vindeiro 25 de novembro o Día Mundial contra a Violencia de Xénero, e falaron sobre aspectos como a aplicación Xalea ou os informes técnicos sobre o seguimento e control de programas. 

Primer comentario

Deixa a túa opinión