O escritor Juan Galán presenta a súa novela en Redondela

O escritor Juan Galán presenta a súa novela en Redondela

O pasado sábado 25 de setembro o mestre e escritor coruñés, Juan Galán, estivo en Redondela presentando a súa novela :” Romanza de los naranjos en flor”. Juan é natural de Coruña e agora mesmo vive en Ferrol, aínda que é novo, ten 60 anos, despois de toda unha vida dedicado ao ensino decidiu xubilarse e aproveitar o tempo para mergullarse na súa faceta como escritor. A súa primeira novela é un traballo moi interesante que se contextualiza na guerra civil e se sitúa no espazo do campo de concentración do mosteiro de Oia. Juan amosa unha gran sensibilidade cara a todas as persoas que padeceron a represión do fascismo e ese sentimento tinxe de tenrura as páxinas dunha moi boa novela que recomendamos vivamente a súa lectura a todas as nosas lectoras e lectores

Creo no valor pedagóxico da memoria histórica democrática”

Ti comezaches a escribir tarde na túa xubilación, por que?

Ben, eu por un problema de saúde estiven un par de anos de baixa antes de xubilarme e como tiña tempo libre decidín escribir unha novela

A túa vida de docente foi moi interesante, chegaches a dar clases en Zimbawe?

Ensinei Inglés e Historia e foi das experiencias mais importantes e positivas da miña vida

Ata que punto?

Ata o punto de que non sinto que fose como ensinante, senón que era eu o que aprendín moitísimo desa cultura. Eu traballaba nunha escola no rural e a experiencia marcoume absolutamente como ser humano

Explícamo?

Decateime de que o material non é o máis importante, e que se pode vivir moi ben con moi poucas cousas se tes o aspecto espiritual ou emocional en boa saúde, asemade o contacto coas persoas africanas axudoume a sentir empatía con todo tipo de persoas e culturas

Ben, é entón na túa baixa cando escribes “Romanza de Los Naranjos en Flor”?

Si, eu xa fixera traballos de investigación sobre fascistas e nazis na Coruña. Intereseime polo tema dos republicanos, tiven a oportunidade de visitar o Mosteiro de Oia, como sabes foi un campo de concentración franquista, vin os debuxos que fixeron os prisioneiros e de alí saín coa necesidade de escribir algo ao respecto. Nun primeiro momento tiven a intención de escribir a biografía dun preso pero finalmente decidín facer unha novela que se centra, en boa medida, nese campo de concentración

Entón mesturas a ficción coa realidade?

A trama principal é unha ficción, os personaxes principais, Alfonso o falanxista e Miguel da CNT, tamén son inventados e a maior parte dos personaxes tamén son de ficción pero si , algún personaxe real si que hai. En calquera caso o contexto histórico é plenamente real e a documentación que leva o libro creo que tamén é bastante sólida

O título do libro ten relación cos patios do Mosteiro de Oia?

Si, absolutamente. O patio das laranxeiras é o patio principal do mosteiro e era onde se realizaba a vida do campo de concentración.

Consideras que nos distintos campos de concentración franquistas había parámetros de comportamento e organización semellantes e preconcibidos ?

Supoño que si, de feito todos estes campos pertencían a un instituto que se chamaba Instituto de Campos de Concentración. E polo que lin en todos había unha organización moi similar; formación , traballos forzados e misas. Nalgúns casos como por exemplo o de Camposancos a brutalidade seica foi maior , pero iso xa depende moito da natureza dos gardas e responsables do campo.

Ti falas con moita claridade de “campos de concentración”, non tes medo a molestar?

É que é a realidade, e o correcto é contar as cousas tal como foron, non edulcoradas. Eu creo no valor pedagóxico da memoria histórica e nos meus anos como docente deime de conta de que os rapaces non coñecen esa realidade. É unha obriga moral que temos cara a todas as persoas que foron represaliadas

Podes adiantarnos algo do que estás traballando na actualidade?

Estou a piques de rematar a miña segunda novela, que tamén é unha novela histórica e trata sobre mulleres escritoras.

Cando poderemos lela?

Agardo que estea no primeiro trimestre do ano próximo. Por outra parte estou traballando no caso de refuxiados republicanos en Francia que foron utilizados como man de obra escrava polos nazis. En concreto estou a investigar sobre un comunista da Pobra do Caramiñal que acabou traballando na construción do muro atlántico

Romanza está nas librarías?

Non, para conseguilo pódese facer de dúas maneiras; pedíndomo a min en: juanpipo61@gmail.com ou pedilo directamente á editorial que é LETRAME