“Bico de Toupa “ “ mergúllanos nun Mar de Xogos”

Un mar de xogos

Bico de Toupa é un colectivo multidisciplinar de creación artesá fundado en Redondela no ano 2017. Ruth Rodríguez e Luis Crespo son os responsables da dirección do obradoiro, así como dos distintos proxectos. Eles dous, xunto co amigo Luis Borines son os mariñeiros encargados de pilotar a singradura dun fermoso proxecto deste colectivo. Chámase “ Mar de Xogos” e consiste nun conxunto de xogos de madeira tradicionais, dos de toda a vida. Nós conversamos cos dous responsables de Bico de Toupa. Ruth é unha moza que ven de graduarse en Belas Artes, e Luis alén do director do festival de monicreques de Redondela ten vencellos de enorme importancia co universo teatral.

Ruth Rodríguez e Luis Crespo.

O espírito lúdico e o respecto ao mar son os dous eixos de Mar de Xogos”

Esa fusión entre as belas artes e o teatro é o xermolo de “ Bico de Toupa”?

Si, indiscutiblemente si. Tamén é importante suliñar o noso gusto polo taller. As belas artes, o teatro e a nosa paixón por meternos no taller a crear son os alicerces sobre os que construímos este proxecto.

Temos xa algún traballo para nos estrear?

Queremos falar de “ Un mar de xogos” que é unha instalación de xogos de madeira, cuxa temática está fundamentalmente relacionada co mar.

Cantos xoguetes temos?

12

Todos feitos e pintados por vós?

Si, así é.

Case vos podiades dedicar á carpintería?

Ha, ha, ha. Non, non somos carpinteiros. Só que nos gusta moito a creación artística como forma de dar saída ás emocións e ás inquedanzas existenciais.

O taller onde o tedes?

En Vigo. Temos unha sala ampla, con bancos e ferramentas para facer o que nos dite a inspiración nese momento.

O colectivo chámase “Bico de Toupa”, por que?

É unha expresión popular galega que utilizamos para expresar de maneira simbólica o noso profundo vínculo emocional coa cultura popular deste país.

E, “ mar de Xogos”?

Sendo xogos de temática mariña non foi moi difícil chegarmos ao título. O título está intimamente relacionado coa Galicia mariñeira e co respecto aos nosos mares. O espírito lúdico e o respecto ao mar son os dous eixos de Mar de Xogos.

Supoño que haberá máis exposicións?

Si, a nosa idea é que esta sexa a primeira dunha triloxía. A segunda xa a temos clara, vai ser sobre mitoloxía celta. E a terceira non está de todo definida aínda, pero a nosa idea é que sexa sobre a autoras galegas.

Entón é un proxecto a longo prazo?

Si, si que o é. Serían tres instalacións diferentes cada unha cunha temática distinta.

Por que xogos?

Porque é unha actividade esencial na historiada humanidade: no pasado, no presente e no futuro. As persoas nacemos xogando e xogamos toda a nosa vida ata que morremos. O xogo estimula a creatividade e a imaxinación e ten un papel de enorme transcendencia na comunicación humana.

Semella que no aspecto dos xogos a sociedade viviu unha involución?

Pois si, a verdade é que si. O noso proxecto ten tamén un matiz reivindicativo importante. Se para xogar volvemos ao espazo público e comunicámonos principalmente en persoa, non de maneira virtual, estamos convencidos de que incidiría positivamente na construción da personalidade dos que hoxe son nenos e mañá adultos.

Reivindicar a rúa como espazo de xogo é unha das premisas das que partimos.

Mar de Xogos é para un abano de idade determinado?

Procuramos que sexa interxeracional …que os nenos gocen do lecer, por suposto, pero que os pais e avós tamén o poidan facer con eles.

Cales son as características máis importantes deses 12 xogos?

Son 12 xogos tradicionais que se levan xogado desde tempo inmemorial e que teñen a peculiaridade de estar decorados con motivos mariñeiros. Temos desde un futbolín, temos xogos de equilibrio, destreza, puntería, de deportes varios….

Son xogos que non mudaron co paso do tempo e que a xente vai recoñecer tan pronto os vexa.

Son xogos nos que se poden facer quendas e participar un número elevado de persoas, entre 100 e 150 tranquilamente.

Son todos moi bonitos pero creo que o que máis me gusta é o que é moi semellante aos bolos celtas

Grazas Marcos, nese caso en concreto nós transformamos os bolos en peixes para darlle o compoñente mariñeiro tan importante no proxecto. Compoñente que se acentúa porque toda a instalación vai envolta en rede mariñeira

Canto tempo pode levar gozar de todos os vosos xogos?

Tranquilamente unha tarde enteira

Bico de Toupa ven para quedarse?

A nosa intención é que sexa así. Nas distintas institucións e persoas particulares ás que lle presentamos o proxecto notamos un grao de interese moi elevado, o que é un orgullo para nós e nos dá folgos para seguir. Nós cremos que neste campo, en Galicia, había un vacío moi importante.

Se alguén quere contratar os vosos servizos como pode facer?

Estamos nas redes sociais, facebook e instagram como Xogos Bico Toupa. Tamén nos poden escribir a bicodetoupa@gmail.com

Os vosos prezos son accesibles?

Absolutamente si. Eu diría que incluso son baratos.

É moi complicado montar a instalación?

Non é complicado en absoluto. Só se necesita un espazo amplo para podela montar