A SAR está tan inserida na psique colectiva do noso pobo, que Redondela é moi difícil de concibir sen a SAR, e a SAR é imposible de imaxinar sen Redondela. Falamos desta volta con Lito, o seu presidente, para coñecer como marchan as cousas no equipo esta temporada.
Lito é deses presidentes vocacionais, sen cuxo traballo altruísta e abnegado sería imposible organizar a vida diaria dun club da dimensión da SAR. Para min foi un pracer conversar novamente con el
Lito Krook presidente .
“O Concello ten que dar un salto co noso equipo. Non pode ser que sexamos o segundo equipo de Galicia en fichas, e o décimo en subvencións”
Ti fuches cociñeiro antes que frade, verdade?
Si eu xoguei na SAR. Logo volvín á directiva no ano 2005 cando o meu fillo comezou a xogar aquí. Xuntámonos un grupo de persoas ás que non nos gustaba como estaba o equipo e decidimos darlle un cambio.
Levas 20 nos entón na directiva?
Si, pero non na presidencia. Cando entramos nós no ano 05, o presidente inicial foi Luis Orge.
Que te encontraches cando volves no 2005?
Un equipo sénior con moita xente de fóra e moi pouca da casa. Todo o contrario do que había cando en me fun. Nós tivemos claro que ese non era o camiño adecuado. O noso ten que ser un equipo de Redondela, formado por xente de Redondela,no que a canteira sexa o viveiro esencial de xogadores dos equipos sénior. Tamén tiñamos a convicción de unir o masculino co feminino.
Supoño que estarás contento do resultado?
Estou moi contento si. O equipo feminino mantense 10 anos na división de prata, e o equipo masculino é practicamente todo un equipo de canteira. Ambos feitos creo que son un éxito indiscutible
Chámame tamén a atención o enorme potencial de crecemento?
É verdade, si. O equipo está formado por xente moi nova que ten moito espazo para medrar deportivamente.
O mes de maio foi un mes especial para a directiva?
Foi un mes esgotador. Tivemos varias fases de ascenso coa culminación brillante das infantís xogando o TOP 8 estatal, quedando en 6ª lugar en todo o estado. E cun pouco máis de sorte teríanse metido entre as 4 primeiras. Nunca, na nosa historia, viviramos un éxito desa dimensión.
A asistencia de público ao pavillón semella que tamén vai por bo camiño?
Pois si, parece que estamos volvendo á época na que a “Bombonera” era un fervedoiro. Nese sentido quero destacar o labor da peña Vieira, e dos directivos Uxía, Rita e Javi.
Tivestes gastos moi importantes nos distintos sectores nos que participastes. Que tal se portaron o Concello e a DEPO?
A DEPO deu unha pequena axuda, que non é que fora especialmente significativa. O Concello axudounos coa carpa e a megafonía. Non é o que esperabamos pero ben, é unha axuda.
Seica hai xogadores da SAR que van ás seleccións galega e española?
Si, especialmente na selección galega feminina. Entre xogadoras e técnicas debemos de achegar arredor de 8 ou 9 persoas da SAR. Na masculina hai 3 persoas , e no que se refire á selección española temos a unha rapaza que foi facer as probas a algo que lle chaman “ futuros talentos”.
Estades xa case como naquela marabillosa xeración de “Obxectivo 92”?
Si, pero naquela época houbo só un equipo concreto que destacou e agora está destacando o club no seu conxunto. Somos un club de canteira e queremos selo máis cada vez.
Cantos equipos tedes exactamente?
Agora mesmo temos 25 equipos. Para o ano temos previsto ter un equipo a maiores, pero xa é imposible crecer máis porque o pavillón xa non dá. Hai momentos en que estamos adestrando 45 nenos, algo completamente inviable.
E agora tedes os veteranos?
É un auténtico orgullo, si. Dáme envexa sa Marcos, vervos xogar. A idade vai desgastando o corpo, pero o talento non marcha. A convivencia e o deporte na xente que xa temos uns aniños é unha marabilla.
Incluso o equipo feminino de veteranas “As Sarillas” fíxose con mulleres que nunca xamais xogaran a balonmán?
Efectivamente. O balonmán é un deporte tan bonito, e o ambiente e os momentos de convivencia que xera son tan espectaculares que quen se engancha non se solta nunca.
Como é a relación co equipo das Choqueiras?
Para min é unha relación boa. Pero, teño que dicir tamén que non entendo que habendo dous clubs en Redondela teña que haber un terceiro. Dividir non é bo. Eu por suposto respecto as decisións e a liberdade individual de cadaquén para facer o que estime oportunos. Agora ben, as instalacións en Redondela son as que son, polo tanto: por favor que ninguén nos mova os marcos.
E a relación co Chapela?
É unha relación moi boa e cordial. A rivalidade deportiva é intensa pero a relación entre os clubs é magnífica. Axudámonos en todo o que podemos, sempre.
Dirixir un equipo como a SAR é algo imposible sen a necesaria implicación afectiva, verdade?
Total e absolutamente imposible. Esto é pura e dura vocación, é amor desinteresado polo club. Hai fins de semana que entramos un sábado ás 8:00 da mañá e saímos o domingo ás 20:00h.As persoas que botan unha man de maneira altruísta son para nós un tesouro de valor incalculable.
Que tal co Concello?
Deben de dar un salto. Non pode ser que sendo o 2º equipo de Galicia a nivel de fichas sexamos o 10º en subvencións.
Que perspectivas temos para a próxima temporada?
Seguir coa mesma política deste ano; facer un club de canteira sólido, solvente e con perspectivas de futuro. Un aspecto que me gustaría mellorar é o da captación de adestradores, pois é un tema no que ultimamente temos bastantes dificultades. No que se refire aos obxectivos deportivos non imos pór ningún tipo de límite, imos a por todas en todos os casos con todos os equipos. Quería aproveitar a entrevista para agradecer desde o máis profundo de min a colaboración de todos os nosos patrocinadores, de todos por igual. Pero quero darlle unha emocionada aperta un pouco especial a Rodavigo, pois tiveron un comportamento con nós, que nunca imos esquecer.
