O BNG de Redondela renovou a súa dirección local escollendo ao profesor Xavier Balsas como o seu novo responsable. El é un home natural da Costa da Morte pero que leva xa varias décadas vivindo no noso concello. Primeiro na parroquia de Chapela e desde hai un tempo en Trasmaño, lugar do que se considera namorado. Nós fómolo coñecer. Velaí vai o que deu de si a nosa conversa
“ O goberno de Redondela é unha gaiola de grilos”
Ti es natural da costa da morte pero levas xa moitos anos vivindo en Redondela. Podemos dicir que xa che sentes choqueiro?
Si, absolutamente si.
Un profesor de galego, coma ti, que percepción ten da relación entre as novas xeracións e o idioma?
Unha visión moi preocupante pois o que podo observar eu, non só nos meus alumnos e alumnas senón na sociedade en xeral, é que os rapaces e rapazas que falan galego habitualmente son excepcións. Eu nacín en Vimianzo e cando os da miña xeración eramos adolescentes o excepcional era falar castelán. Agora, tan só unha xeración despois o excepcional, entre os adolescentes , é falar galego
Cando e por que comezaches a militar no BNG?
Xa choveu, foi alá polo 1.993 en Vimianzo. En canto aos motivos que me levaron a entrar foron varios, se cadra o máis importante foi a miña profunda sensibilidade cara a lingua e cultura galega. Unha vez que cheguei a Redondela mantiven durante un tempo a militancia en Vimianzo, pois non sabía por onde ía decorrer a miña vida. Unha vez que xa tiven claro que traballaría aquí pois xa trasladei a militancia ao BNG de Redondela. Sempre que puiden colaborei
Xa fuches varias veces nas listas ás municipais pero nunca en posto de saída?
Ben, a min gústame máis o traballo orgánico que o institucional. Xoan Carlos e Jessica representan de maneira brillante aos votantes do BNG no noso concello. Eu síntome máis cómodo facendo traballo orgánico. O BNG é unha organización democrática que periodicamente renova os seus órganos de dirección e desta volta tocoume a min acceder á responsabilidade local como lle puido tocar a calquera outro compañeiro ou compañeira.
Como valoras o traballo de Anxo Lusquiños, o teu predecesor?
De maneira moi positiva desde logo. Anxo é un traballador incansable que fixo un labor impagable estando sempre en contacto directo co tecido asociativo do noso pobo, e nos distintos conflitos que foron xurdindo nos anos do seu mandato.
Como está a saúde do BNG de Redondela?
Na liña da do BNG de todo o país. Temos unha saúde moi boa. Aumentamos militancia de maneira constante e o ambiente de traballo interno é excelente.
Ese incremento de afiliación dáse tamén na xente nova?
Si, tamén. Por desgraza hai moita menos xente nova interesada na política que a que había na nosa xeración, pero si que segue habendo xente nova que se interesa pola política. E xente con moita conciencia e con moitas gañas de traballar. O mellor exemplo témolo na nosa compañeira Jéssica.
O paso do tempo, que permite ver as cousas con maior frialdade, dáche para valorar de maneira positiva ou negativa a decisión de non ter entrado no goberno de Redondela?
Penso que foi unha decisión moi acertada. O goberno tanto cando era bipartito como agora mesmo é unha gaiola de grilos. Carece de disposición ao diálogo e a súa vontade de tender pontes co bloque non existe. Penso que a alcaldesa está máis cómoda co PP ca con nós. Eu creo que nós non pintamos nada nun goberno no que se busca máis a foto e o titular que o traballo realista polo ben común.
Cales son as expectativas realistas do BNG do Redondela para as municipais do ano que ven?
O BNG é unha forza de goberno e a súa aspiración e gobernar sempre. O caso de Redondela non é ningunha excepción e nós sempre aspiramos a gobernar e estamos preparados para elo. Estou convencido de que teremos unha importante suba tanto en apoios como en representación institucional, e que seremos imprescindibles e determinantes para conformar o próximo goberno. Estamos traballando moito e, con toda humildade, creo que estamos traballando ben, e confío en que haxa unha importante porcentaxe da poboación de Redondela que nos considere merecedores da súa confianza.
Iso que me dis sobre que seredes determinante á hora de conformar goberno quere dicir que non vos pechades a pactar co PSOE de Digna Rivas?
Esa hipótese terémola que decidir en función de como resulten as circunstancias aritméticas e políticas do resultado electoral.