Ana Hermida, Asociación Lisístrata de Arteixo

Artelixo

Hipatia de Alexandría, Simone de Beauvoir, Virxinia Woolf,Concepción Arenal, Federica Montseny, María Zambrano, Rosa Luxemburgo, Hedy Lamarr, Geda Taro, Ada Lovelace, Rosalind Franklin….. e milleiros de mulleres máis, teñen en común tres cousas:1) Son mulleres, 2) Foron brillantes en campos moi diversos, 3) O seu traballo é moi pouco coñecido porque a historia é contada en masculino. O patriarcado reserva a condición de suxeito para o varón, cuxos méritos se maximizan, e relega á muller á condición de obxecto, minimizando ou incluso ignorando os seus méritos, por iso asociacións como “ Lisístrata”, que naceu hai 14 anos na localidade de Arteixo e espalla entre as crianzas a necesidade do feminismo, o amor polo idioma galego e o valor da cultura, teñen unha importancia máis que notable na sociedade ata o punto de que son imprescindibles. Nós falamos con Ana, a súa fundadora.

Os nosos fundamentos son: Feminismo, Idioma e Cultura.

Ana, cando nace Lisístrata e que é exactamente?

Lisístrata nace no ano 2011. Somos una asociación sen ánimo de lucro que potencia a lingua galega, a figura feminina, e a cultura galega en xeral. Os nosos fundamentos son: feminismo, idioma e cultura.

Lisístrata é o nome dunha fabulosa peza teatral da Grecia clásica escrita por Aristófanes. O nome da asociación supoño que virá de aí ?

Si, eu fixen teatro e para min esta obra era divertida e marabillosa. Cando montei a asociación quería poñerlle un nome en feminino relacionado co que eu fago, e cruceime no camiño cunha estupenda versión que desta peza fixo Xesús Tisón. Encantoume, chegoume ao máis profundo e decidín pórlle ese nome á miña asociación.

Na peza teatral orixinal as mulleres deciden pórse en folga, e absterse de manter relacións sexuais coas súas parellas masculinas ata que rematen as guerras. O valor do común e das loitas colectivas para mellorar a humanidade que defende esa obra, é aplicable á sociedade actual?

Si,claro que o é. Esta é unha obra divertida, pacifista pero profundamente activista, e eu quero o mesmo desde a asociación.

Cales son as actividades que facedes en Lisístrata?

A min de pequena gustábame facer teatro, de maior formeime para isto, para xestión cultural, no verso, produción de televisión; aínda que eu traballaba na administración e o deixei por decisión persoal. Decidín que as actividades da asociación foran nesta rama. Vivir nun sitio como Arteixo e escoitar as crianzas que odian o galego é tremendo. No instituto, polo días das letras galegas fan as obras en castelán ou inglés, ou nas bibliotecas que pertencen á Xunta e teñen que facelo en galego, tamén o fan en castelán. Para contrarrestar todo isto e na defensa do galego é por onde van as nosas actividades.

A que abano de idades se dirixen as actividades da asociación?

Para todos os públicos pero, dependendo da temática, teño contidos diferentes segundo a idade dos asistentes.

Cando fas actividades de igualdade de xéreno , é igual a reacción en nenos ca en nenas?

Hai diferencia entre nenos e nenas. Cando fago algo nos coles ou nas bibliotecas xa teño escoitado a nenos que me din que me estou inventando as cousas. Teño unha actividade que é “A historia en feminino” na que reivindico ás mulleres ao longo da historia. Cando conto a vidas destas mulleres hai nenos que me din “iso non o inventou esa muller”. Se lles pregunto que se saben dalgún invento das mulleres dinme que o pinta labios, por exemplo.

Vaia. Entón incluso as crianzas manifestan estereotipos asociados a roles de xénero?

Si, e case sempre os nenos.

A diferencia fundamental está que cando tratas de contar en feminino e falar de igualdade, os que cuestionan son esencialmente nenos ?

Si, é así. E é moi gratificante para min poder demostrarlle que están equivocados e ensinarlles tamén ás súas familias, que a maioría tampouco sabe, que moitos inventos da historia son feitos por mulleres.

Cres que traballando sistematicamente desde a infancia en igualdade é posible que o machismo diminúa substancialmente?

Non o sei, pero que educar en igualdade aos cativos e cativas é o camiño adecuado para podermos ter unha sociedade decente é máis que evidente para min.

Vivimos nunha época na que o feminismo imperante e máis de significante que de significados?

Si, hoxe en día vai máis de estética, de vestirse de maneira ostentosa ou estraña para que sexa un negocio máis. Véndese como feminismo calquera cousa, isto fai un dano tremendo na xente máis miúda, cando hai que dicir con claridade: “O feminismo é igualdade entre os dous sexos que formamos a humanidade”. Mesmo falo da roupa de orquestras que lles poñemos en actos institucionais aos nenos, como Panorama, por exemplo. Os homes visten totalmente contraio cás mulleres e iso é o que se vende como feminismo, non o é. Eu visto de maneira totalmente neutra cando vou facer algunha actividade para que se fixen no que digo, e non en como vou vestida.

Non podemos xeneralizar cando un home fai algo malo, os homes non son violentos por sistema, hai algún que fai mal, pero non todos. mulleres e homes somos iguais e temos os mesmos dereitos e obrigas e iso é o que hai que dicir. A historia tapou logros de mulleres porque foi contada por homes, pois agora non podemos facer o mesmo ao revés. Feminismo = igualdade.

Hai logros das mulleres ao longo da historia que se taparon porque a historia foi contada polos homes e voluntariamente negaron o seu recoñecemento?

Si, hai científicas ás que lle roubaron os seus propios logros para poñerllos a nome dun home.

Hai personaxes masculinos na historia que non serían o que foron se non tiveran ao carón a súa muller. Mesmo de Rosalía de Castro se dicía que os seus escritos os fixo o seu marido Murguía.

É certo que cambiaron moitas cousas, pero tampouco tantas. A min séguenme chamando machista. Teño un espectáculo no que represento a unha muller, Filomena Dato, a escritora galega máis premiada do S-XIX. Hai xente que me di que esta muller non era feminista porque vivía nun pazo e era moi relixiosa, unha cousa non ten que ver coa outra.

Lisístrata traballa con asociacións culturais, colexios, bibliotecas. Traballa con algún colectivo máis?

Traballo con ANPAS, colexios de infantil, primaria, secundaria, bibliotecas, organizo eventos de homenaxe as mulleres, etc.

Traballas só na provincia de A Coruña, ou en toda Galicia?

Chámanme para facer actividades, actos ou eventos de toda Galicia.

Como son as túas tarifas, e como se pode contactar contigo?

A través das redes ou do número da asociación. As miñas tarifas son accesibles, a min o que me interesa e desenvolver as miñas actividades. Esta asociación é sen ánimo de lucro, a min con isto non me da para vivir, o que cobro invístoo nos desprazamentos, en libros e material.

O traballo que fas é unha cuestión de conciencia social?

Si, é así, radicalmente si.